Noticias

Galicia vai ser no próximo semestre a voz das comunidades españolas nos consellos de ministros de Medio Ambiente da Unión Europea

Galicia asumirá durante o segundo semestre deste ano a representación das comunidades españolas no Consello de Ministros de Medio Ambiente da Unión Europea. A través da Consellería de Medio Ambiente, a Xunta tomará o relevo do Goberno vasco, que desde xaneiro asumiu o papel de representante e coordinador autonómico nas sesións do Consello e nos grupos de traballo de medio ambiente da UE. O traspaso farase efectivo de forma oficial o 28 de xuño, en Bilbao, nun acto no que a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, recibirá a testemuña da man da viceconselleira vasca de Medio Ambiente.

Nunha reunión, presidida pola ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, a conselleira de Medio Ambiente agradeceu a confianza do resto de comunidades ao depositar en Galicia a súa representación ante as institucións europeas nos vindeiros meses.

Así, lembrou a importancia de que as institucións aposten de forma decidida polo medio ambiente e que Europa traballe en rede e cunha fronte común pola súa protección. Está previsto que o Consello Europeo de Ministros de Medio Ambiente se reúna o 9 de outubro, en Luxemburgo, e o 20 de decembro, en Bruxelas, dúas citas nas que será Austria, país que asume a presidencia rotatoria da UE o vindeiro semestre, o país encargado de definir os principais temas a tratar.

O papel da Xunta será trasladar nestas reunións, en nome do conxunto das comunidades, unha postura forte, común e sólida sobre algúns dos grandes asuntos previstos para este período; entre eles, unha mobilidade e transporte máis sustentables, a estratexia de plásticos dun só uso e a posición da Unión Europea na próxima Conferencia das Partes sobre Cambio Climático (COP 24), que se celebrará en Katowice (Polonia) a finais de ano.

Último Consello Consultivo de Política Medioambiental

O pasado mércores, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, participou na sesión do Consello Consultivo de Política Medioambiental para Asuntos Comunitarios na que os representantes autonómicos e a ministra para a Transición Ecolóxica abordaron a súa postura común ante os principais asuntos a tratar no Consello de Ministros de Medio Ambiente da UE que se celebra mañá, 25 de xuño.

Nesta xuntanza preparatoria subliñouse con relación ás emisións dos turismos, a importancia de promover unha transición xusta cara a vehículos non contaminantes da man dos propios fabricantes do sector.

En canto á proposta de directiva relativa á calidade das augas para consumo humano, as comunidades españolas defenderán a participación dos departamentos de saúde pública autonómicos, e dunha representación de municipios e asociacións de abastecedores de auga á hora de establecer os requisitos de calidade deste tipo de recurso.

Así mesmo, e con respecto á economía circular, a delegación española defenderá no próximo Consello de Ministros de Medio Ambiente a necesidade de urxir á Comisión Europea a establecer criterios harmonizados para a clasificación de residuos e apostar pola innovación, o que fai necesario desenvolver máis indicadores de gasto en ecoinnovación.

R., 2018-06-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (aqui-tamen-se-fala-2024.jpg) O evento, que reunirá na cidade herculina a artistas contemporáneos do talle de Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria, nace co obxectivo de potenciar a música actual en galego, e se enmarca na iniciativa cultura homónima nacida no Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto Rafael Dieste co obxectivo de promover o uso do galego entre a mocidade. A día de hoxe, involucra máis de 200 centros de toda a comunidade e preto de 50.000 estudantes que, a través de entrevistas, actuacións e campañas nas redes sociais, animan a rapazada a falar na lingua propia de Galicia.
Foto de la tercera plana (dron-bfa.jpg) A Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial, promovido pola Xunta de Galicia e xestionado pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo, foi escollido pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e pola Universidad Rey Juan Carlos como a mellor Aceleradora en 2024 na categoría de Avanzadas. Este primeiro posto no ranking nacional supón un importante recoñecemento ao labor desenvolvido polo Goberno galego, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, para a retención e atracción de talento no sector e para a creación de emprego de alta cualificación na comunidade.

Notas

O Seminario de Inicio do Proxecto Caprif-CC: Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático, desenvolveuse no Centro de Estudos Avanzados da USC, onde o inaugurou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; e o director da Fundación CEER, Ángel Miramontes.
Definida como a rama da política que se encarga das relacións entre estados, a diplomacia asociouse historicamente á actuación dos executivos nacionais. Non obstante, nun mundo marcado pola globalización, tanto os gobernos autonómicos como os locais levan a cabo iniciativas de acción exterior, do mesmo xeito que as actuacións de institucións como os parlamentos teñen unha incidencia internacional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES