Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del BNG:
A formación nacionalista presenta unha proposición de lei no vindeiro pleno para reclamar unha tarifa eléctrica galega que suporía un desconto do 15% na factura da luz, de tal xeito que nun recibo de 150 euros implicará un aforro de 22,7 nas afogadas economías familiares, tanto pola caída dos salarios como polo incremento dos servizos básicos, indicou a portavoz nacional, Ana Pontón.
En concreto, no caso da electricidade, a factura aumentou un 87% na última década, mentres os salarios e as pensións perderon poder adquisitivo. Para colmo, e pese a que xa pagamos unha das facturas máis caras de Europa, esta podería subir porque o Goberno central quere repercutir o imposto de contaminación na persoa consumidora, rachando co principio de quen contamina paga, resulta que a contaminación das eléctricas temos que pagala entre todas, denunciou a deputada.
Nun país que produce electricidade a esgalla, 450.000 persoas non poden prender a calefacción e 73.000 fogares teñen dificultades para pagar a factura da luz, a cifra máis alta desde 2013 indicativo de que a tan publicitada recuperación non está chegando ás familias, indicou a dirixente nacionalista, mentres o PP se limita a medidas cosméticas como o tiquet eléctrico que este ano aínda no se puxo en marcha, non houbo axudas.
No próximo Pleno, avanzou Pontón, o presidente da Xunta ten que decidir de que lado está. Feixóo ten que optar entre poñerse do lado dos e das galegas, do lado de ter unha factura da luz máis baixa, ou do lado do oligopolio eléctrico e das portas xiratorias, que usaron tanto o PP como o PSOE, recalcou Pontón, lembrando a longa lista responsables de ambos partidos que remataron nos consellos de administración de grandes empresas tras o seu paso polo Goberno do Estado.
A dirixente do Bloque lembroulle ao PP que, a diferencia do que pregoa, en Europa si existen tarifas eléctricas diferenciadas en países como Inglaterra, Alemaña ou Suíza, en función do custe da rede en cada territorio. A proposición de lei tamén inclúe unha nova regulación do autoconsumo para que sexa viable e plans de eficiencia enerxética e de aposta polas renovábeis.
Pensións e Xustiza
Pontón tamén se referiu as últimas mobilizacións protagonizadas polas persoas pensionistas ao longo de toda Galiza, para esixirlle ao Goberno que tome nota porque non van tirar a toalla no seu empeño en mellorar as súas prestacións de xubilación e a recuperación do poder adquisitivo. Teñen dereito a unha pensión digna e deben ser escoitados polo PP porque non van quedar calados nas súas casas mentres lles rouban, subliñou.
A portavoz do Bloque fixo igualmente mención a folga dos e das traballadoras de Xustiza desde fai máis de dous meses, mentres Feixóo segue atrincheirado na súa posición de encastelamento negándose a negociar e paralizando a Xustiza, co que iso implica para milleiros de persoas neste país. Pontón pide ao presidente da Xunta que saia do seu castelo e pise a rúa porque leva 20 días sen querer negociar, mostra de que a xente lle importa un pito, criticou.
O Bloque reclama ao xefe do Executivo que dea a cara e deixe de agocharse detrás de Rueda que ten demostrado a súa insolvencia para dar unha saída negociada as lexitimas demandas dos e das funcionarias de Xustiza. Que se sente, negocie e busque unha solución, concluíu.