Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del BNG:
A deputada do BNG, Noa Presas pediu, a través dunha proposición non de lei, sumar todas as voces do Parlamento galego a favor da convocatoria de folga das mulleres o vindeiro 8 de marzo. A deputada insistiu en que as mulleres son as máis prexudicadas no mercado laboral e denunciou a consolidación do espellismo da igualdade así como o lavado de cara dos responsables políticos con meras declaración de intencións cada 8 de marzo. Este ano, dixo, as galegas imos dar un golpe na mesa e liderar unha conmemoración diferente, transformadora e que marcará un punto de inflexión.
A folga das mulleres do 8 de marzo é produto dun esforzo colectivo que terá en Galiza un carácter excepcional. Na súa intervención, Presas tamén lembrou a todas as mulleres asasinadas no mundo e recalcou que as nosas vidas son o motivo máis importante para movernos, non só porque nos queremos vivas, tamén exiximos outra vida. Non aceptaremos novas formas de opresión disfrazadas, a misoxinia, e precariedade laboral consolidada pola crise económica.
Neste momento histórico, as mulleres galegas temos a responsabilidade de quitar a carauta da pseudoigualdade e actuar para combater as discriminacións que vivimos só polo feito de ser mulleres. Insistimos, remarcou Presas, sobran os motivos para secundar a folga e dende o BNG seguiremos denunciando calquera discriminación contra as mulleres. O día 8 sairemos a rúa contra as diferencias salariais, a precariedade laboral, a violencia machista pero tamén faremos folga de coidados porque unha parte fundamental dos procesos que sosteñen a sociedade teñen lugar nos nosos fogares. Maioritariamente sobre as costas das mulleres: Nais, avoas, fillas, coidadoras cun traballo que ninguén computa nin remunera. 22.500 mulleres galegas afirman traballar a tempo parcial para o coidado de menores, dependentes e outras obrigas familiares, fronte a 1.100 homes .
A pesares de que o módulo de coidado de fillos e relación laboral da EPA so se introduciu no 2010, os datos dan unha clara idea das enormes diferenzas existentes entre sexos mundo laboral cando hai que compaxinar co coidado das crianzas, manifestou a nacionalista. Estes datos mostran que a elección da vida familiar sobre a profesional, ven condicionada en gran parte pola falta de servizos e precarización da situación económica, que afecta ás mulleres. Unha situación que as políticas do PP favorece.
Noa Presas afirmou que a folga pretende poñer tamén o acento na loita por unhas vidas sen violencias. Porque non é tarefa só do 25 de novembro senón dos 365 días do ano. Porque non queremos vivir nun país no que unha estudante de Fotografía de Santiago, Jessyca Ocampo, faga un Mapa do Medo e teñamos que decatarnos do normalizada e invisibilizada que está a violencia sexual. Segundo o Ministerio de Interior, de xaneiro a setembro de 2017, denunciáronse 36 agresións sexuais con penetración e 36 violacións denunciadas en 9 meses, estes datos confirman unha violación á semana, ás que debemos sumar as que fican en silencio.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PPdeG:
Desde o Grupo Popular rexeitamos a folga convocada para o 8 de marzo porque aposta polo enfrontamento entre mulleres e homes; por ser elitista e insolidaria; e porque é irresponsable, explicou hoxe no Parlamento a viceportavoz popular, Paula Prado. Neste sentido, apuntou que nós seguiremos reivindicando a igualdade de oportunidades e facendo propostas en positivo que melloren a situación das mulleres. En concreto, Paula Prado sinalou que desde o PPdeG impulsaremos medidas concretas para o acceso ao emprego en igualdade; o fortalecemento do movemento asociativo, especialmente no rural; a posta en marcha de novos recursos de conciliación da vida persoal e laboral; a intensificación da labor da Inspección de Traballo e Seguridade Social, co fin de evitar a fenda salarial e pola igualdade efectiva no traballo; e a posibilidade de que a Xunta exerza a acusación particular nos delitos de discriminación consecuencia da maternidade da muller.
Aos responsables políticos, a cidadanía non nos esixe que nos solidaricemos cos seus problemas, senón que poñamos en marcha medidas para resolvelos, manifestou. A viceportavoz popular explicou que a folga convocada para o vindeiro 8 de marzo aposta polo enfrontamento entre mulleres e homes, ante o que asegurou que só alcanzaremos a igualdade dende a unidade e a corresponsabilidade de mulleres e homes. Semella que o obxectivo desta folga é defender o feminismo atacando ao capitalismo, obviando a limitación de dereitos que sofren as mulleres en moitísimos países, como Cuba, Corea do Sur, Venezuela, Afganistán ou na República de China, que cun goberno comunista é un dos países nos que máis se discrimina ás mulleres.
Así mesmo, engadiu que é unha folga elitista e insolidaria, tanto coas mulleres autónomas que teñen un negocio e non poden pechar como coas mulleres que coidan de maiores e que si elas non fan o seu traballo ninguén o fará por elas.
Prado cualificou de frivolidade e irresponsabilidade trasladar a unha folga xeral a violencia de xénero, sobre todo tralo acordo maioritario das forzas políticas, administracións públicas e asociacións de mulleres no Pacto de Estado contra a violencia de xénero alcanzado hai uns meses, e ao que Galicia sumouse cunha proposta de medidas aprobada por unanimidade de todos os grupos que formamos parte deste Parlamento. Non se pode poñer en risco o que supuxo meses de traballo e xenerosidade por parte de todos, para dar unha mensaxe de unidade e confianza ás mulleres que sofren violencia machista, dixo Paula Prado, do mesmo xeito que considerou unha irresponsabilidade trasladar constantemente a mensaxe de que non hai recursos para atender ás mulleres que sofren violencia de xénero.