Noticias

Aprobados los presupuestos de Galicia para 2018 tras el rechazo de 1.300 enmiendas presentadas por los grupos políticos de la oposición

Los presupuestos gallegos han sido aprobados en el pleno del Parlamento solo con los votos a favor del PPdeG, que ha rechazado las casi 1.300 enmiendas que la oposición mantenía vivas. Las cuentas públicas gallegas para 2018 contemplan un crecimiento del 2.9%, hasta los 9.487 millones de euros. Cifras que la oposición critica por la "prepotencia", "arrogancia" y "soberbia" con la que, en su opinión, fueron presentadas por el PPdeG que defiende su rechazo por la "imposibilidad" de sacarlas adelante o porque ya eran de años anteriores.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PPdeG:

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou que “apoiamos a aprobación dos orzamentos da Xunta para 2018 porque responden ás necesidades de Galicia e son coherentes para cumprir o que recollemos no noso programa electoral”. “Galicia cre na sostenibilidade baseada no crecemento, priorizando o gasto social e impulsando a creación de emprego, tanto a través da formación como do apoio á internacionalización, o I+D+I e os autónomos”, sinalou.

Pedro Puy sinalou que foi un “diálogo frutífero” a tramitación destes orzamentos, que ascenden a 9.487 millóns de euros, cun incremento do 3,7 por cento respecto ao 2017. “Trátase duns orzamentos máis sostibles, sociais e con moito máis investimento, para unha economía mellor e sa”, apuntou.

Na súa intervención, Puy salientou que “Galicia é a segunda comunidade española con maior esforzo investidor durante a crise”, cunhas prioridades de gasto centradas na sanidade, a educación, a acción social, a promoción do emprego e o I+D+I.

O portavoz popular considerou como “frecuente” que non se acepten emendas da oposición, “do mesmo xeito que acontece en concellos nos que gobernan e tamén se aproban orzamentos sen aceptar emenda algunha do PPdeG”. Porén, salientou que “nós aceptamos emendas que melloran as contas, como a ampliación das partidas destinadas ás bolsas de estudantes ou para axudar aos que sufriron a vaga de incendios deste ano.

“Ademais, levamos anos rexeitando as mesmas emendas da oposición, como a proposta de creación dunha Oficina de control orzamentario no Parlamento, cando desde 2015 estas funcións están delegadas no Consello de Contas; a regulación para mellorar o control e a transparencia das colaboracións público-privadas, que foi blindada en 2013 a través da Lei de racionalización; ou a suba do imposto do patrimonio, que xa foi acordado cos socialistas en 2013”.

Pedro Puy sinalou que “tamén é imposible que aceptemos emendas que piden reducir os cánons de demanda ou as partidas de gasto corrente; ou quitarlle ingresos aos entes públicos, pero sen retirarlles os gastos correspondentes”.

“Este orzamento responde ás prioridades marcadas no Plan Estratéxico de Galicia, como o impulso á innovación, o fomento do emprendemento e a internacionalización, a dinamización demográfica, e a cohesión territorial”, apuntou. Deste xeito, sinalou que “rexeitar este proxecto de orzamentos suporía mudar substancialmente esa planificación marcada e caer nunha improvisación que este goberno non vai facer”.

Para rematar, Pedro Puy manifestou que os orzamentos “recollen as nosas prioridades políticas e son coherentes co programa electoral do PPdeG, poñendo recursos para rebaixas fiscais selectivas; a estratexia para os autónomos; a intermodalidade no transporte e o impulso das sendas peonís e ciclistas; saneamento das rías; extensión da teleasistencia e da hospitalización a domicilio; apostando pola formación profesional; o reforzo da atención á dependencia; o incremento dos fondos para loitar contra a violencia machista; ou a incorporación da mocidade ás actividades agrarias e pesqueiras.

“Están estas grandes prioridades, pero tamén outras anunciadas durante a campaña electoral, como a nova Facultade de Medicina de Santiago; a conexión da Vía Ártabra e a AP-9; o inicio da reforma integral do Hospital de Ferrol e do Gran Montecelo en Pontevedra; a reconversión do Hospital Xeral na Cidade da Xustiza de Vigo; as conexións viarias do polígono de San Cibrao na área de Ourense; ou os fondos para distintos proxectos formulados para a zona da Residencia en Lugo”, concretou Puy.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de En Marea:

As 376 emendas parciais de En Marea aos Orzamentos da Xunta para 2018, destinadas a incrementar partidas tan fundamentais coma o gasto social en sanidade, educación, a loita contra a pobreza ou a recuperación do emprego (sumadas ás do resto de grupos da oposición) foron rexeitadas en bloque polo PP nun pleno específico para debate e aprobación das contas no Parlamento de Galicia.

O voceiro de En Marea, Luís Villares foi o encargado de explicar as propostas específicas de cara área de goberno. Comezou defendendo un incremento de partidas para a loita integral contra a violencia de xénero e a inserción laboral das vítimas de violencia. En materia sanitaria destacou que este orzamento “afonda na privatización e consolida o desmantelamento da Atención Primaria, indicando a proposta de recuperación progresiva do Hospital Alvaro Cunqueiro para o público e que os 674 mil euros que a Xunta destina ao pagamento de relixiosos en centros hospitalarios, se dediquen a un programa de saúde específico dirixido ao colectivo LGTBI.

Asimesmo, En Marea aposta por políticas que “arroupen a natalidade”, cun incremento das prazas públicas en escolas infantís, “que arroupen a terceira idade”, extendendo a rede de centros de día aos muncipios máis envellecidos do rural, ademais de demandas concretas coma un aumento das partidas destinadas ao CAPD de Ourense ou a proposta de construción dun Centro Integral de Día para Menores en Santiago, unha demanda dos axentes sociais de Compostela dende hai máis dunha década.

No capítulo de educación “non nos parece aceptable que mentres siguen faltando recursos materiais e humanos nos centros públicos, os recursos vaian para os centros concertados, e que cada ano o orzamento da consellería de educación e cultura consagra uns 27 millóns de euros no adoutrinamento relixioso da infancia”. O acceso universal á cultura como principio vén acompañado de emendas coma a supresión de partidas que se destinan á fundación Cidade da Cultura e á Fundación Camilo José Cela, a cambio dun plan de cultura no rural, o fomento de actividades culturais nos concellos, un plan de recuperación do patrimonio galego e unha batería de medidas a prol da recuperación lingüística.

“Queremos dereitos laborais no traballo na comunidade con maior sinistralidade laboral do Estado”, sinalou o voceiro de En Marea antes de reivindicar propostas que insisten na creación de emrpego de calidade, coma un Plan de choque contra a precariedade e a medidas concretas contra o paro de longa duración e o desmprego xuvenil. En materia de vivenda e infraestruturas, destaca a demanda dun estudo sobre o tren de proximidade, a creación dunha compañía pública de transportes de Galicia e dun parque de vivenda pública en réxime de alugueiro.

En Marea tamén reivindica unha visión integral do territorio, con propostas concretas para o medio rural, coma a creación do novo dispositivo de defensa e prevención de incendios, un plan de rescate e mellora do sector lácteo, e a mobilidade de terras agrarias improdutivas cun plan de incorporación de xente moza ao agro. En Pesca, as medidas de En Marea céntranse na seguridade marítima, as axudas a produtores polos paros derivados por toxina ou inclemencias meteorolóxicas, ademais de axuda á investigación para facer máis eficiente e produtiva a pesca artesanal.

Na segunda quenda do debate, o voceiro de Economía de En Marea Manuel Lago, defendeu o movemento de partidas proposto polo seu grupo. “Fronte a resignación, os recortes e o axuste permanente En Marea propón incrementar os ingresos co obxectivo de financiar unha política económica que impulse o crecemento, o transforme en desenvolvemento económico e social, baseado na economía produtiva, que traslade a maior riqueza o benestar da cidadanía combatendo a desigualdade, a precariedade, a pobreza e a exclusión”, explicou Lago.

As obxeccións de En Marea van, en definitiva, na liña da emenda á totalidade presentada previamente. Nese senso, Manuel Lago reclamou unha reorientación na estratexia orzamentaria que pase por esixir un incremento dos recursos procedentes do Estado cun novo sistema de financiamento autonómico e novos instrumentos de reequilibrio territorial, un paquete de medidas fiscais co obxectivo de incrementar a recadación, cunha minoración selectiva e ponderada do actual nivel de beneficios e reforzando o Plan de Inspección e de loita contra a fraude fiscal.

Deste xeito, “lograriamos un incremento de 500 millóns de euros no nivel de gasto actuando sobre as diferentes vías de ingresos, ao que sumamos unha reorientación de 268 millóns de euros, trasladando gasto corrente de pouca utilidade a partidas que sirvan para mellorar a vida das persoas e impulsar o desenvolvemento produtivo do país”. En definitiva, a alternativa de En Marea concrétase en 768 millóns de euros en 18 programas con 208 propostas concretas entre as que destacan:

Un plan de loita contra a pobreza e a exclusión social, dotado con 170 millóns de euros e 26 medidas para combater unha das principais lacras do pais: as 700.000 persoas en risco de pobreza ou exclusión tal e como reflicte a taxa AROPE de Eurostat.

Un plan de emerxencia para o emprego e de loita contra a precariedade, dotado con 68 millóns de euros para dar resposta as 187.000 persoas desempregadas e a precariedade laboral na que afecta a metade da clase traballadora galega.

Un plan de mellora e garantía da sanidade publica universal, dotado con 115 millóns de euros e 49 medidas concretas.

Un plan de mellora e recuperación do ensino publico, dotado con 67 millóns e articulado en 14 medidas concretas.

“Os orzamentos para 2018 que presenta a Xunta, son decepcionantes, restritivos, mediocres, antisociais, continuistas e neoliberais, non serven para mellorar a vida da cidadanía, nin para empezar a darlle a volta aos recortes, nin para impulsar a actividade económica e recuperar o emprego”, lembrou Manuel Lago, “por iso En Marea os rexeita con rotundidade e por iso seguimos defendendo as nosas emendas”.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PSdeG:

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou os Orzamentos da Xunta, “carentes de ambición” e que demostran “escasa aposta polo futuro”. Así o dixo no debate final en Pleno das contas para 2018, que foron aprobadas co voto en contra dos socialistas galegos e sen aprobar ningunha emenda das 445 presentadas polos socialistas galegos ao Estado de Gastos e apenas catro das 68 ao articulado.

Criticou uns orzamentos “incapaces de restañar os desequilibrios sociais agravados pola crise” e que “máis ben ao contrario, fan máis fondo o desequilibro” debido a unha política de ingresos “pouco ambiciosa”. Criticou que “teñamos a presión Lituania e pretendan situar o gasto público a niveis de Suecia ou Finlandia”, polo que reclamou afondar na carga fiscal para as maiores fortunas, as empresas contaminantes ou centros comerciais.

O responsable socialista reclamou “recompoñer o contrato social” atacando á desigualdade a través de políticas de impulso da economía e da creación de emprego de calidade. Urxiu a “facer posible que a eficiencia do mercado sexa compatible cunha maior integración social e coa capacidade de preparar o futuro”.

Fernández Leiceaga acusou así ao goberno galego de presentar uns orzamentos “só válidos para unha política de propaganda, para provocar un efecto placebo, pero que non actúan de verdade sobre os problemas de Galicia”.

Criticou así a situación na que teñen situado á sanidade e á educación, reducindo os cadros de persoal e disparando a precariedade, “dificultando o funcionamento” destes servizos públicos, mentres convocan unha OPE “demasiado tardía” e insuficiente. O portavoz socialista dixo que “non é posible unha educación de primeira con salarios de segunda nin unha sanidade de primeira con condicións de terceira.

Advertiu que o PP ten rexeitado en bloque tódalas propostas socialistas dirixidas a “apuntalar o investimento en centros de saúde, equipamentos educativos, saneamento e algunhas infraestruturas para impulsar a competitividade”. O portavoz socialista explicou que “existen necesidades de investimento claras que non se poden cubrir porque non fan o esforzo necesario en materia de ingresos”.

Fernández Leiceaga reclamou “algunha indicación para que poidamos crer que fan unha proposta solvente” de Orzamentos, que están a ser lastrados cada exercicio por unha execución orzamentaria mínima en aspectos fundamentais. Sinalou así a execución das partidas de I+D+i, a un 0,8 por cento en setembro, e as baixas cifras das partidas de emprego, desenvolvemento rural ou desenvolvemento sostible de zonas de pesca.

Criticou así que anuncien incrementos orzamentarios cando “despois non executan” as partidas destinadas por exemplo dos programas para emprego. Lamentou o desleixo cando hai 60.000 fogares nos que non traballa ninguén, 33.000 sen ingresos, 95.000 parados de longa duración, un 9 por cento de nenos e nenas vivindo en fogares sen traballo e Galicia continúa rexistrando 2.000 desafiuzamentos cada ano.

Ademais, a creación de emprego resulta insuficiente para recuperar o ritmo co resto do Estado, máxime cando aumenta o traballo precario e axuste salarial tradúcese en máis beneficios empresariais pero ningún investimento novo.

Lamentou a “ineficacia” demostrada pola Xunta á hora de aproveitar a recuperación económica, cuns niveis de execución da I+D+i “preocupantes”, o Igape permanece parado e o desemprego xuvenil alcanza o récord do 33 por cento.

Mentres, advertiu, “Feijóo renuncia a utilizar a débeda que tería autorizada, baixa os impostos sen que iso se traduza nun efecto sobre o crecemento económico e renuncia a criticar a Montoro” na xestión dos mecanismos extraordinarios de financiamento das comunidades autónomas, que discriminan a Galicia. Este mesmo presidente, preguntou, “é o mesmo que se vai presentar diante dos seus colegas dicindo que necesita máis”.

O portavoz de Economía do Grupo Socialista, Abel Losada, defendeu as 62 emendas presentadas polos socialistas ao articulado da Lei de Orzamentos, das que foron incorporadas dúas, para habilitar o incremento das bolsas de estudos, e outras dúas transaccionadas co PP, para mellorar as axudas aos afectados polos incendios e para que os entes instrumentais informen ao Parlamento dos seus orzamentos.

As propostas socialistas, explicou, céntranse na defensa dos servizos públicos e dos seus traballadores, incrementar o control sobre a Administración e a transparencia das súas actuacións, impulsar a actividade económica e o reforzo da autonomía dos concellos.

Losada criticou que o PP defenda “de boquilla” os servizos públicos mentres reduce os dereitos dos profesionais, e diga apostar polo municipalismo mentres carga aos concellos de obrigas e reduce os seus recursos, co que “a Xunta invita, os alcaldes pagan”.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del BNG:

A portavoz nacional, Ana Pontón, criticou que o PP reduza a mero ritual o debate parlamentario dos orzamentos pola vía de pasar o rodillo sobre as proposta do resto dos grupos, 324 emendas por parte do BNG para modificar unhas contas que repiten receitas fracasadas, manteñen os recortes, non xeran emprego e ignoran ás persoas máis afectadas pola crise.

“Son os orzamentos dun presidente acomplexado e sen ambición de país, que exerce como alumno aplicado do centralismo de Rajoy, son as contas de quen renuncia a dar a cara polos nosos intereses, as contas que repiten as mesmas propostas fracasadas que tanta desigualdade e tanto sufrimento causan a clase traballadora e a maioría das persoas deste país”, argumentou Pontón.

A dirixente do Bloque lamentou que Feijóo, -“presidente ausente” no debate-, optase por poñerse en “modo apisoadora” para vetar todas as propostas nacionalistas “convencido de que está en posesión da verdade absoluta, en encastelado na arrogancia, incapaz de levantar a vista do seu nariz e mirar de fronte ás necesidades dos galegos e das galegas”, recriminou.

Pontón lamentou que os orzamentos de 2018 volven mostran un presidente subordinado ao centralismo de Rajoy que sitúan a Galiza na irrelevancia política, con consecuencias “letais”. “A factura da irrelevancia política é moi cara en forma de estafa das peaxes, en espolio enerxético, en financiamento discriminatorio e inxusto, en retrasos no AVE, en transporte ferroviario do século XIX fora do eixo Coruña-Vigo”, denunciou.

“O mellor que se pode dicir destes orzamentos é que son rutineiros e compracentes, a repetición das mesmas receitas fracasadas que manteñen un modelo marcado pola precariedade laboral, por salarios que non permiten chegar a fin de mes, uns orzamentos que consolidan os recortes en sanidade, educación, na protección social, pese ao mantra da recuperación económica”, denunciou.

Pero esa “cantinela”, -alegou-, “non axuda a encontrar traballo, non evita que a xente emigre, nin trae de volta aos milleiros que xa colleron a maleta nun país cun problema de envellecemento e perda de poboación pavoroso, nin axuda a pagar as facturas ás persoas que este nadal non van poder comprarlle agasallos aos seus fillos e fillas, nin a fuxir do paro, nin a ter un salario que lle permita saír desa modalidade social de traballador e traballadora pobre que crearon as políticas do PP”.

A dirixente do BNG fixo repaso dalgunhas das proposta para mellorar as contas de 2018. A modo de exemplo, a batería de emendas en materia sanitaria e de servizos sociais, como o plan de choque contra as listas de espera na sanidade e dependencia, recuperar o persoal expulsados polos recortes ou para rescatar o hospital de Vigo. En materia laboral, aposta por reducir a brecha salarial do 30% entre homes e mulleres, facilidades de financiamento aos autónomos e aos colectivos con dificultades de inserción no mercado de traballo.

Plan de mellora de infraestruturas hidráulicas e saneamento integral, en plena seca, plan de vivenda pública en réxime de alugueiro, financiar o retorno de empresas deslocalizadas, impulsar unha industrialización apostando pola I+D+i. Igualmente, máis fondos para o banco de terras, para paliar os danos da seca e os efectos da vaga de lumes e rescatar para o público o servizo de gardacostas, a 15 anos da catástrofe do Prestige.

Tampouco prosperaron as emendas parciais presentadas ao texto articulado, que aportaban un incremento de 135M€ no capítulo de ingresos para sanidade, ensino e servizos sociais. Por contra, o PP mantén “a súa folla de ruta privatizadora” e o deterioro do servizo de saúde e da educación públicas, mentres medran os seus homólogos privados.

No debate, Pontón non pasou por alto que Galiza ten un mercado laboral peor que a media, pero rematamos o ano coa maior subida do IPC. “Hai algo no que somos líderes, no incremento dos prezos, temos o custe de vida máis caro nun país onde os salarios están entre os máis baixos”, indicou.

“E todo grazas a que pagamos os carburantes máis caros de España, -menos mal que temos unha refinería á entrada da Coruña-, e todo porque se dispara o prezo da factura da luz, -menos mal que somos exportadores netos de electricidade-, e todo porque temos unha das peaxes máis caras do Estado, -menos mal que Feijóo preside a comisión bilateral Xunta-Fomento da AP9-“, ironizou.

“É urxente que este país conte cun Goberno que deixe atrás o servilismo, que deixe de dicir que chove para xustificar a enésima discriminación e o enésimo agravio, e que, dunha vez, nos faga respectar como pobo. Nada diso está nos orzamentos do vindeiro ano, que botan por terra o diálogo e o entendemento, e que non son os que Galiza precisa”, concluíu, “porque a única mensaxe do PP é a prepotencia e a arrogancia”.

R., 2017-12-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (naufragos-hugo.jpg) Hugo fala da relación do seu protagonista, un rapaz con trastorno do espectro autista, coa súa amiga Laia. Jimmy Núñez e María Roja interpretan este espectáculo, seleccionado para a primeira edición do circuíto estatal de artes escénicas para a infancia e a mocidade da ASSITEJ. Baixo o lema Voces dun mundo novo, o congreso reunirá compañías e profesionais de numerosos países arredor dunha programación artística, de relatorios e de intercambio, que este ano lles presta especial atención á participación, á amplitude de formas artísticas e á celebración do impacto comunitario. Para a configuración da carteleira de espectáculos tivéronse en conta especialmente propostas que traballan en espazos e formatos non tradicionais, inclusivas e sensoriais.
Foto de la tercera plana (turismo-5.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros. En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo.

Notas

A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle o I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI, organizado polo grupo de investigación Ontoloxías da Diferenza. Fundamentos Teóricos e Repercusións Prácticas. Nel, pensadores de España e Portugal reflexionan sobre multiculturalismo, educación moral, a discusión entre a humanidade e as distintas intelixencias artificiais e as novas formas de pedagoxía.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES