Noticias

El Debate del Estado de la Autonomía (DEA) se cierra con la defensa del PPdeG a la Constitución y la petición de la oposición al derecho a decidir

Los grupos parlamentarios gallegos han presentado las propuestas de resolución para el Debate del Estado de la Autonomía (DEA). El PPdeG reclama a la Cámara gallega la adhesión de los representantes al discurso del Rey sobre Cataluña frente a una oposición que apunta hacia una reforma estatutaria y la petición de En Marea de que el Parlamento reconozca el derecho a decidir de los pueblos.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PPdeG:

O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, presentou as 40 propostas de resolución rexistradas por este grupo parlamentario no Debate sobre o Estado da Autonomía, nas que se incide na defensa da Constitución e da democracia en España, ao tempo que se demanda a reforma da Lei electoral, a retirada da simboloxía franquista, a chegada do AVE a Galicia en 2019, a transferencia da AP-9 ou a tramitación da modificación da Lei de Saúde.

Acompañado das viceportavoces do Grupo Popular, Paula Prado e Marta Rodríguez, Tellado realizou unha breve valoración do Debate do Estado da Autonomía, constatando que en Galicia "existen dúas realidades políticas ben distintas". "Dunha parte, temos a un Goberno, coa maioría parlamentaria que o sustenta, que ten un balance para presentar e unha folla de servizos impecable para Galicia e un proxecto de futuro", subliñou, para confrontalo cunha oposición que "descolocada e desnortada que non ten proxecto nin futuro".

FEIJÓO FALOU CLARO

Neste sentido, quixo cualificar de "ilusionante" o discurso do presidente Alberto Núñez Feijóo, do que valorou que “falou claro sobre o contexto actual, presentou os resultados de todos estes anos de goberno e comprometeu medidas concretas a curto e longo prazo”.

Respecto das propostas de resolución presentadas polo Grupo Popular, Tellado asegurou que “nacen e beben dos anuncios que fixo onte o Presidente da Xunta” e agrupounas en cinco grandes apartados.

En primeiro lugar, figura o relativo a institucional e o respecto á Constitución, “de gran importancia pola actualidade política e social que estamos a vivir”. En concreto, e á marxe de solicitar a modificación da LOREG para que goberne a lista máis votada en cada municipio, o Grupo Popular propón adhesión do Parlamento ao discurso formulado o pasado martes polo Xefe do Estado no que demanda o cumprimento da orde constitucional; avoga pola convivencia democrática dentro do marco legal, condenando todo tipo escraches que menoscaban as liberdades e dereitos das persoas; manifesta a solidariedade e respaldo á Policía Nacional e á Garda Civil no seu labor de defensa e protección dos dereitos e liberdades; solicita a elaboración dun plan para eliminar os elementos de exaltación do franquismo que subsisten en Galicia.

As propostas demandan ademais, un reforzo do apoio aos galegos da diáspora, e en particular dirixirse ao Goberno de España para que exhorte ao Goberno de Venezuela a asumir as súas responsabilidades cos galegos e galegas que residen neste país; así como evitar as duplicidades nas actuacións entre as administracións públicas.

Un segundo apartado de propostas está relacionado coa economía e o emprego. Nel, o Grupo Popular solicita, entre outras cuestións, aprobar un plan de estabilidade do emprego público autonómico co obxectivo de ofertar nesta lexislatura máis de 14.000 prazas; reformar tanto o sistema de obradoiros de emprego como o propio Servizo Público de Emprego para mellorar a inserción laboral das persoas desempregadas en Galicia; racionalizar os horarios e conciliación da vida laboral, persoal e familiar; novas deducións fiscais en terras e bens rústicos desaproveitados, en Sociedades de Xestión Forestal, en rehabilitación de inmobles ou posta en marcha de actividades económicas nos cascos históricos, e nas relacionadas coa compra de solo industrial nas que interveñan as administracións públicas; e o mantemento da política de rigor e control da débeda pública por parte da Administración galega

As propostas de resolución do Grupo Popular tamén van dirixidas á mellora das infraestruturas e a ordenación do territorio. Para isto, solicítase o cumprimento de que o AVE a Galicia estea funcionando en probas en 2019, avanzando nas conexións internas comprometidas: AVE a Lugo, AVE Ourense-Vigo, variante de Ourense e mellora da conexión a Ferrol; o impulso das estacións intermodais; o mantemento da demanda da transferencia da AP-9; mellorar a seguridade viaria nas estradas de titularidade autonómica; levar a cabo os axustes solicitados no Plan de Transporte Público de Galicia e o cumprimento das cláusulas sociais e laborais acordadas cos sindicatos; desenvolver unha Lei de Ordenación do Territorio e unha Estratexia de Protección da Paisaxe; e impulsar a contratación pública verde.

Un novo grupo de propostas refírense aos sectores produtivos galegos e nelas demándase fomentar a comercialización dos produtos galegos de calidade, en especial os ecolóxicos; traballar para minimizar o impacto do BREXIT no noso sector pesqueiro; seguir impulsando o sector turístico galego, coa vista posta na próxima celebración do Xacobeo 2021; ou demandar un traballo conxunto de todas as administracións públicas para conseguir que Cíes-Illas Atlánticas e a Ribeira Sacra sexa declaradas pola Unesco como Patrimonio da Humanidade.

Por último, o Grupo Popular rexistrou un grupo de propostas de resolución relativas a servizos públicos, nas que se solicita a presentación da reforma da Lei de Saúde, que blinda os hospitais comarcais e achega os servizos sanitarios ao paciente; apóstase pola actualización constante do modelo educativo galego, en especial a Formación Profesional co impulso do “Campus FP” para coordinación e fomento das relacións entre a formación e as empresas; fíxase o obxectivo de conseguir o vindeiro ano 60.000 dependentes atendidas; a mellora das bonificacións nas garderías infantís, a ampliación da “Tarxeta Benvida” ata os tres anos ou co incremento do permiso de maternidade ata as 22 semanas; a ampliación dos programas de vivenda para familias vulnerables, demandando aos concellos que se sumen ao Programa de Vivendas Baleiras da Xunta; o incremento de prazas públicas de emprego para persoas con discapacidade intelectual; avanzar na loita contra a violencia de xénero e na atención ás vítimas; e que a Xunta deixe de patrocinar calquera evento deportivo no que os premios polos mesmos postos e categorías teñan diferenza de contía entre a competición masculina e a feminina

Miguel Tellado ofreceu aos grupos da oposición “a mellor das vontades para chegar a acordos e consensuar as propostas de resolución”. “Desde o consenso somos máis fortes e ese diálogo é o que nos reclaman os galegos para facer de Galicia un espazo de convivencia, no que se cree emprego e esteamos ao servizo dos cidadáns”, engadiu.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de En Marea:

O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, presentou as 40 propostas de resolución do seu grupo para o debate do estado da Nación que aseguro “serven para dar esperanzas de futuro a este país” e ofrecen unha solución aos problemas reais da cidadanía obviados polo presidente Alberto Núñez Feijóo no seu discurso na xornada de onte. “Un discurso reaccionario e antidemocrático que nos retrotrae ao tempo da ditadura onde había xente que tamén loitaba contra as leis para ter democracia” foi a valoración de Antón Sánchez que lamentou que o PP teime en se agarrar á legalidade como resposta a un problema político empregando a represión como única arma.

As 40 propostas de En Marea céntranse así nos problemas e a realidade que afectan á maioría social esquecida pola Xunta de Galicia.

Emprego, precariedade e modelo produtivo: Galicia mantén a peor evolución de todas as comunidades autónomas do Estado, é a que máis emprego perde e destrúe, a que máis incrementa o paro e máis reduce a poboación activa. E pese a isto, o presidente Feijóo non tivo unha soa palabra para o desemprego e os parados. Así, En Marea presenta unha serie de propostas orientadas a cambiar o modelo produtivo abandonando a aposta do PP “por regalar o territorio”. Potenciar a agroindustria, renovables, outro modelo forestal, fomentar a investigación e innovación.. como xeito tamén de crear emprego de calidade e con dereitos.

Pobreza: outro das grandes cuestións silenciadas no discurso de Feijóo. Así, non quixo falar do 24.4 por cento de taxa de risco de pobreza e exclusión social, a perda constante de poder adquisitivo da xente, dos 100.000 fogares en pobreza enerxética, dos 5 desafiuzamentos diarios en Galicia ou ese 17 por cento de traballadores pobres existente no noso país. “Toda esta xente é a que preocupa En Marea” salientou Antón Sánchez. Ante esta realidade, En Marea presentou diversas propostas para paliar a situación como a creación dunha renda cidadá garantida, a creación dun parque público de alugueiro social, contra a pobreza enerxética, ou para garantir unhas pensións dignas.

Servizos públicos: Ante a política privatizadora e de privilexios para á privada do PP especialmente graven na sanidade e no ensino, En Marea presenta as súas alternativas para blindar a educación pública e de calidade, a retirada do anteproxecto da Lei de modificación da Lei da Saúde, para a recuperación do emprego na sanidade pública, contra as listas de agarda, entre outras.
Política fiscal: O vicevoceiro de En Marea criticou a mensaxe publicitaria de Feijóo relativa a rebaixa fiscal asegurando que “é moi fácil anunciar unha rebaixa fiscal” pero o que se obvia dicir é que “sempre van orientadas aos máis ricos e supón deixar de investir en servizos públicos para os que menos teñen”. Neste sentido, o grupo inclúe nas súas propostas a necesidade de implantar a progresividade fiscal e camiñar cara a xustiza social. Así mesmo, inclúe unha proposta para levar a cabo unha auditoría da débeda, unha débeda que se ten triplicado desde a chegada de Núñez Feijóo á presidencia da Xunta.

Seguridade viaria: Outro dos grandes esquecidos polo presidente. En Marea propón a constitución dunha comisión parlamentaria de investigación sobre as condicións de seguridade da rede galega e os accidentes acontecidos na mesma nos últimos anos. Tamén unha proposta contra o plan de transportes da Xunta destacando a necesidade de retirar o actual e constituír unha Mesa para o Diálogo do Transporte Público na que se inclúan representantes da Xunta, sindicatos, empresas do sector, FEGAMP, deputacións, direccións de colexios e ANPAS.

Violencia de xénero: Unha das ausencias máis intolerables dentro do discurso do presidente da Xunta foi a relativa ás políticas contra a violencia machista, “un dos problemas máis graves que ten Galicia e que ten que tomar en serio o Goberno galego, algo que non fai”. Nas súas propostas de resolución, En Marea insta a poñer todas as medidas necesarias para previr e actuar decididamente contra todas as formas de violencia machista sinalando que o reto pasa por orientar todo o orzamento da Xunta para que a igualdade sexa unha realidade, a través dun proceso gradual de transversalidade, incrementando o orzamento para establecer todos os anos como mínimo un 1 por cento dos orzamentos a políticas específicas destinadas á loita contra as violencias machistas.

A maiores En Marea presenta propostas relativas á defensa da lingua, a memoria histórica, defensa da pesca, da pluralidade nos medios de comunicación, para o traspaso da AP9 e recuperación para o público, retirada da Lei de iniciativas empresariais, para o impulso do plan galego de saúde mental, contra o cambio climático ou sobre o dereito a decidir, entre outras.

O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez lamentou que o presidente da Xunta de Galicia no seu discurso apoiara aos que “non dan máis saída que a represión” fronte aos millóns de cidadáns de Cataluña que o domingo foron pacificamente a votar. Sánchez denunciou a criminalización que Feijóo fixo da democracia e lembrou que “na ditadura franquista tamén houbo xente que desafiou ás leis e loitaron por traer a democracia a este país”. “Podemos entender que non se decaten do que está a suceder xa que eles estiveron sempre do lado dos poderosos, e non precisamente daquelas persoas que desafiaban as leis franquistas” declarou Sánchez. “Non se pode permanecer no inmobilismo nin negación da realidade. En política o diálogo debe ser unha norma e tratar cuestións política con política e non coa legalidade ou a represión” concluíu o vicevoceiro de En Marea.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PSdeG:

A viceportavoz do Grupo Socialista, Patricia Vilán, presentou as Propostas de Resolución ao debate do Estado da Autonomía, dirixidas a reforzar os servizos públicos, modernizar a economía galega e impulsar a creación de emprego, reforzar o autogoberno e “pensar nas persoas”.

Vilán fixo públicas as 40 propostas que os socialistas defenderán na sesión de mañá coa que remata o Debate, sinalando que “apostamos polo diálogo para desenvolver cambios políticos e económicos dende xa”. Acusou ao presidente da Xunta de “situarse na irresponsabilidade” ao negar o diálogo na Cámara Autonómica para chegar a acordos coas propostas do resto dos grupos.

A viceportavoz do Grupo Socialista sinalou as propostas dirixidas á modernización de Galicia, sinaladamente no sistema de transporte, reclamando a conexión ferroviaria coa Meseta e a chegada do AVE a Galicia. Advertiu que a publicación, hoxe da licitación desta infraestrutura no BOE sitúa a chegada do tren a Galicia “como moi pronto en 2022”, en contra dos anuncios de Feijóo.

Con relación ao reforzo dos servizos públicos, sinalou a proposta dun Plan Urxente para rematar coas listas de agarda da Dependencia para aquelas persoas que teñen recoñecido o dereito. Explicou que, co ritmo de creación de prazas dos gobernos do socialista Emilio Pérez Touriño, Galicia tería en 2018 84.000 prazas, 24.000 máis que as que ten anunciado onte o presidente da Xunta.

Ademais, reivindicou a retirada do anteproxecto de modificación da Lei de Saúde de Galicia, en resposta aos “milleiros de persoas que están protestando pola rúa” contra unha norma que suprime as áreas sanitarias de Salnés, A Mariña, Lemos e Valdeorras. Reivindicou que “siga o mesmo camiño do Anteproxecto da Lei de Acuicultura”, retirada polo goberno, ademais de reforzar o persoal sanitario con 1.600 novas prazas.

Vilán sinalou a “necesidade do diálogo e do acordo entre as forzas políticas” e tildou de “irresponsable” que Feijóo “dixera onte que non podemos falar da reforma do Estatuto porque non é o momento do diálogo”. Advertiu que “precisamente este é o momento de dialogar e de falar e por iso plantexamos a reforma da Constitución no Estado e do Estatuto en Galicia convocando a Comisión de Reforma do Estatuto.

Os socialistas, sinalou, “deploramos a ruptura da orde constitucional e do dereito internacional e reivindicamos respecto ao Estado de Dereito”, a raíz da situación que se está a vivir en Cataluña.

Finalmente, sinalou unha batería de propostas dirixidas a “mellorar a vida das persoas”, cun plan de emprego especialmente dirixido a xóvenes, mulleres e parados de longa duración, o reforzo dos servizos públicos da educación e do emprego e un Plan de acollida para refuxiados que “remate coa vergoña dos refuxiados nas fronteiras”.

A portavoz socialista criticou que o presidente da Xunta se presentara onte “como Alicia no País das Marabillas” cun relato no que se presentou “moi preocupado por Cataluña pero cunha visión distorsionada dos problemas reais dos galegos e das galegas”.

Neste sentido, amosou a súa sorpresa por que o presidente da Xunta sinalara que “ningún outro debate se celebrou en condicións máis infames” cando, lembrou, “el mesmo quixo que coincidira co Referéndum de Cataluña”, ao desbotar as propostas para cambiar a data. Sinalou que “o fixo así porque quere agochar detrás da cuestión catalana a súa propia parálise e o pouco que ten que ofrecer como balance”.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del BNG:

As 40 propostas de resolución que presenta o BNG pretenden un dobre obxectivo: recuperar os dereitos sociais e laborais perdidos en nove anos de Goberno do PP e iniciar un debate l para avanzar no autogoberno e no dereito a decidir de Galiza, superando o actual marco da constitución e do estatuto, e consensuar unha vía galega para evitar quedar atrás.

“Estamos nun momento decisivo e o peor é quedarse de brazos cruzados, o peor é o inmobilismo”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, “Galiza ten que buscar a súa propia folla de ruta que lle permita empoderarse para mellorar a vida dos galegos e das galegas” e para iso o Bloque propón a creación dunha ponencia no Parlamento para superar o “corsé” do Estatuto e da Constitución e avanzar no autogoberno e no dereito a decidir, único camiño para construír un país mellor.

En relación á recuperación de dereitos sociais e laborais, o BNG propón subir as pensións mínimas de xubilación e equiparalas co SMI (707,7 € por 14 mensualidades), incluíndo ás persoas empregadas a tempo parcial, e incrementar as pensións non contributivas. Crear unha renda social básica para evitar a exclusión derivada da pobreza extrema, acabar coa lista de agarda das persoas dependentes garantindo o cobro da prestación, empezando por reclamar ao Estado os 150 M€ de recorte en dependencia.

En materia laboral, plan de choque contra o desemprego e a precariedade principalmente enfocado á mocidade, mulleres e parados de longa duración, - colectivos máis vulnerables-, e tamén medidas a favor dos autónomos, modificando o seu réxime para que coticen en función dos ingresos.

Retirar a reforma da Lei de Saúde, mellorar a atención na sanidade primaria e recuperar investimentos e persoal. Para a educación pública, blindar o 7% do orzamento autonómico en 2018, ao igual que propón destinar o 1% (90M€) a loita contra a violencia machista.

A destacar tamén a proposta de resolución Galiza coa democracia e os dereitos do pobo catalán para que o Parlamento condene a violencia exercida polo Estado español contra o pobo de Catalunya, a través das cargas policiais, detencións, rexistros e intimidacións a cargos e funcionarios públicos. E por outro lado, reclamar diálogo e mediación internacional en aras dunha solución política e democrática que respecte o dereito dos pobos a decidir.

“Ese é o talante dos galegos e das galegas, e o que fixo o señor Feijóo no se discurso pechando á porta ao diálogo foi darlle as costas a esa maneira de ser dialógante do pobo galego”, alegou Pontón.

Completan as propostas do BNG, a reprobación de Mariano Rajoy e de Ana Pastor polo veto a AP9 así como unha comisión para estudar o rescate desta infraestrutura, a creación dunha comisión de investigación do accidente de Angrois, -“Feijóo foi o primeiro en levantar a man para ir a explicarse a Madrid, pero onde ten que facelo e no parlamento do país onde se produciu a traxedia”-, salientou Pontón, así como unha comisión de seguimento dos investimentos do Estado.

Recuperación do Pazo de Meirás e outros bens espoliados polo franquismo, novo modelo de financiamento e medidas para preservar os dereitos lingüísticos, completan as propostas do Bloque no debate do estado da nación, “onde vimos un Feijóo convertido nun Dorian Gray incapaz de asumir o retrato que deixa a súa política na vidas dos e das galegas”.

R., 2017-10-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (union-europea-bandeiras.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR), onde Galicia presentou 21 emendas a catro dos ditames sometidos a aprobación. Un dos máis relevantes para a comunidade foi o ditame sobre a ferramenta de facilitación transfronteiriza. Calcúlase que a eliminación do 20% das barreiras e obstáculos xurídicos e administrativos actuais entre rexións de fronteira na UE -entre as que se atopa Galicia, que conforma unha Eurorrexión xunto co Norte de Portugal- permitiría aumentar o seu PIB nun 2% e crear nelas ata un millón de empregos.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) InnovArt 24, o maior evento en Galicia de promoción e difusión das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas propicia o encontro entre as vocacións e os profesionais, e facilita que o alumnado de diferentes niveis educativos se familiaricen e tomen contacto cos eidos da arte dramática, as artes plásticas e deseño, a conservación e restauración de bens culturais, a danza, as ensinanzas deportivas, os idiomas e a música. A feira conta cunha zona de 4.100 m² no Museo Centro Gaiás, na que os visitantes poden participar en obradoiros de artes plásticas e deseño, traballos de conservación e restauración de bens culturais, actividades deportivas didácticas de música, arte dramática e danza, así como de idiomas. Tamén se ofrecen mostras e exhibicións das distintas ensinanzas, concertos, conferencias e espectáculos escénicos en directo.

Notas

Mostrar á cidadanía os resultados do traballo realizado ao longo do curso nas aulas teatrais dos tres campus da UVigo, á vez que achegar a cidade propostas escénicas chegadas desde outros países. Estes dous obxectivos conflúen na XV Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu), que se desenvolverá entre o 24 de abril e o 3 de maio, con cinco funcións con entrada libre no Teatro Principal, todas elas ás 20.30 horas.
A Sala Cloud do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) acollerá o vindeiro martes un novo taller do ciclo HumanIA UDC, organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDCe por dito centro. Baixo o título 'Perfís profesionais: Humanidades e IA', a experta en lingüística, tecnoloxía e diversidade, Cristina Aranda, cofundadora de Big Onion e Mujeres Tech, explicará as claves da cooperación entre perfís profesionais de cara ao futuro e presente da IA.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES