Noticias

Chus Pato reivindica la enseñanza de la poesía entre los jóvenes en su discurso de ingreso en la Real Academia Galega (RAG)

La poetisa ourensana Chus Pato (1955) ha ingresado como miembro de número en la Real Academia Galega (RAG) con un discurso en el que ha defendido que se acerque la poesía a las nuevas generaciones a través de la educación y en el que ha reivindicado el aumento de la presencia femenina en el seno de este órgano.

Nota de prensa de la Real Academia Galega (RAG):

Chus Pato ingresou na Real Academia Galega como membro de número cunha reflexión sobre a creación poética e os seus límites que profunda na relación da poesía coa linguaxe e a filosofía. A poeta salientou tamén, nun acto celebrado no IES Otero Pedrayo de Ourense, a importancia da poesía para o idioma e reivindicou o dereito dos nenos e nenas a seren educados na arte poética. "O poema é un dos medios que un idioma usa para sobrevivir. Un idioma vive a través dos poetas, a miúdo un poema leva a escritura do poeta máis alá do que il ou ela puidesen sospeitar, ese é o intre no que o futuro do idioma invade o presente", expresou. A intervención foi así mesmo unha inmersión no propio proceso creador da autora, unha orientación para a lectura da súa obra, "e tamén de calquera poema que se xestara nas marxes indecisas da linguaxe na procura dunha palabra capaz de dicir o mundo", valorou o académico Francisco Fdez. Rei, encargado de lle dar resposta en nome da RAG.

A sesión extraordinaria e pública, conducida polo presidente, Víctor F. Freixanes, contou coa presenza de representantes das distintas institucións da vida cultural, política e cívica do país, e de moitas outras persoas que ateigaron o paraninfo do instituto para acompañar a poeta neste día. Antes de dar lectura ao seu discurso, Chus Pato quixo recordar a escritora e académica Xohana Torres, finada o pasado 12 de setembro. "Á súa mestría, ao seu ronsel, encomendo as miñas palabras", arrincou a nova académica. Chus Pato entrou no paraninfo acompañada polas dúas últimas persoas que ingresaron na Academia xusto antes ca ela, Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre. Foi unha imaxe protagonizada por primeira vez só por mulleres, unha imaxe histórica, sinalou o presidente, acorde coa aposta da RAG nos últimos anos por contar co "gran pulo que é a incorporación da muller", "a presenza activa da muller, da bandeira que un día ergueu Rosalía de Castro".

Chus Pato ocupa a cadeira que quedou vacante tras o pasamento do tamén ourensán Xosé Fernández Ferreiro, a quen lembrou con afecto. "A el úneme a ribeira do Miño, terra do meu pai", dixo a escritora, que recordou xunto a el os demais académicos que o precederan neste posto, Francisco Fernández del Riego, Florentino López Cuevillas e Uxío Carré Aldao. A cerimonia de ingreso celebrouse no instituto ourensán no que estudou, onde foi alumna doutro académico, Xesús Ferro Couselo. Nunha mañá dos seus tempos de estudante, o académico encubriuna ante a policía franquista insistindo en que estaba na súa aula cando colaborara na distribución de panfletos da UPG no adro do edificio. "Isto, alén de solidariedade, é ensinar Filosofía", agradeceu.

"A entrada na RAG dividirá o meu corpo en dous para sempre, o da académica e o da persoa que son", confesou antes de rematar dando lectura a un poema de Memorial e danza, de Francisco Cortegoso (1985-2016), un dos membros da nova xeración de poetas -da que, segundo ten declarado, se sente máis parte que da súa xeración biolóxica-, e un "nós tamén navegar", en homenaxe de novo a Xohana Torres e o seu discurso de ingreso. Con ela pasa a formar parte da Academia "unha das figuras máis innovadoras e de maior proxección internacional da poesía galega contemporánea", culta e transgresora que fai "poesía universal en galego e desde a problemática sociopolítica das xentes de Galicia", retrata Francisco Fernández Rei. "Pertence á estirpe das que elixen o risco de afondar máis alá dos límites, insatisfeita cos discursos aceptados e dominantes, que coñece, en definitiva, o perigo das marxes", engade.

O ensaio de ingreso da autora na RAG, titulado Baixo o límite, está "dividido en dúas alas e unido polo corpo dun insecto" que imaxinou bolboreta, o animal que protagoniza o seu poema "Gromo" (Carne de leviatán), no que a linguaxe fala e o poema responde. Na ala dereita ocúpase da voz, da relación entre a biografía e a escritura, "da concordancia imposible entre a banda sónica e a banda conceptual e do poema como afirmación, testemuña, resto que resiste ou ruína". Na esquerda, titulada coa cita de Heráclito "Aión é unha meniña que tira os dados na beira do mar", acumula razóns sobre a figura e os límites, o tempo, a verdade, "a grande arte ou grande poema, o sublime, a captura eidética do poema, concibida á maneira platónica, e sobre o xeito de forzar unha saída a esta sorte de caza".

A poeta desenvolve estas cuestións con referencias constantes aos clásicos da filosofía e ás propostas de autores como Jean-Luc Nancy e Giorgio Agamben que combaten a tradición. Estes últimos autores e outros renovadores, coas súas revisións de conceptos como os da voz, a linguaxe ou a propia poesía, son os alicerces que inspiran o discurso "porque os novos conceptos que difunden son a clave da poética de Chus Pato e de moitos poetas actuais", advirte Francisco Fernández Rei.

Chus Pato recúa así ata a retórica antiga, Santo Agostiño e a reinterpretación que do seu pensamento fixeron os poetas provenzais, da que nace a poesía moderna europea, para analizar a lingua do poema e a relación entre escritura e biografía. Aqueles escritores medievais desexaban "experimentar a celebración da linguaxe como un tópos", como un lugar que concibían "como trenza de amor, palabra e coñecemento". A este acontecemento chamáronlle Dictamen, "unha zona indiferenciada entre o vivido e o poetizado, un vivir a palabra como inesgotable experiencia amorosa". Para Chus Pato, esta lingua propia do poema caracterízase especialmente pola "intensidade" e a capacidade de "lindar cos bordos". A primeira é a que lle permite a unha composición poética abrirse "ao que carece de forma e límites" e "escribirse e lerse e dicirse na fronteira última da nosa capacidade como falantes"; mentres que a segunda a pon á beira das "fronteiras das outras escrituras, sexan estas dramaturxias, narracións, ciencias, guións cinematográficos, estruturas lóxicas, melodías ou cifras, e tamén coas outras artes".

A académica defende o carácter primixenio desta linguaxe e a necesidade de coñecer e aprender as súas regras milenarias para entendela. "En realidade esta lingua na que un poema se escribe é, ao meu entender, a matriz de todas as demais que compoñen un idioma, calquera idioma, de aí que as súas palabras abrollen xusto cando quedamos sen palabras (...). O poema comeza aí, na mudez que borra toda a capacidade articulada da voz (....), aí cando perdemos pé comeza a e escritura, esa lingua que é a do poema", profunda. É precisamente a existencia desta lingua do poema o que "acotío crea unha confusión derredor da poesía que non se produce a respecto doutros textos científicos e/ou humanísticos". "Esquecemos que os idiomas se falan de xeitos moi diversos e cada unha destas maneiras conta coas súas propias regras. En xeral, e moi particularmente ao respecto da poesía, todo isto ignórase e vívese na crenza de que, dado que sabemos falar e sabemos escribir, a poesía debe ser de comprensión doada e inmediata. Os lectores, as lectoras en moitas ocasións vense rexeitadas polo poema ao atopárense cun texto para elas indescifrable. Ninguén lles advertiu de que o poema é un idioma cunha antigüidade de milenios, un idioma que vive dentro dos idiomas, moi anterior á moderna institución que chamamos Literatura", engade.

Tal é a importancia da poesía que é "un dos medios que un idioma usa para sobrevivir". "Un idioma vive a través dos poetas, a miúdo un poema leva a escritura do poeta máis alá do que il ou ela puidesen sospeitar, ese é o intre no que o futuro do idioma invade o presente", salienta Chus Pato para reivindicar deseguido o dereito dos meniños e meniñas, dos mozos e mozas, "a coñecer ese futuro do idioma, a seren educados na arte poética, e o dereito da poboación a seguiren estudos superiores de escritura poética se así o desexaren". "Para isto teriamos que contar con cátedras que impartisen aulas da materia e que, como noutras universidades do planeta, servisen de altofalante a poetas xa ‘consagrados/as', dándolles aos e ás máis novas a posibilidade de recoller o seu herdo. A piques estou de dicirvos que poeta é aquel ou aquela que na palabra xera unha vida. Esta vida, este vivente que é o poema, subtráese tanto ao vivido polo autor, pola autora, como aos usos convencionais da linguaxe", afonda.

A escritora ofrece tamén unha análise da metáfora antes de profundar no poema "como resto ou ruína". Volve aí beber de Agamben, quen sostén que "humano é aquel cuxa humanidade foi integramente destruída", en referencia a Auschwitz. "Eu tomei esta maneira de avanzar e substituín humano por poeta", explica. "Ser un resto, ser testemuña dunha destrución é situarse no lugar do que foi destruído ou do que nunca aconteceu (situarse na pel dun bosque, dun océano, dos bloques de turba, dos defuntos, dos espectros que roldan a escritura, das utopías), é traelo novamente onde cada un; é un tipo de avance no que unha greta, unha fisura sostén o que enfrontado se mira. Un poema é un conxunto de ruínas, pero esas ruínas son pulsións do idioma; pertencen á imaxinación e desde aí emiten os seus sinais que son desexos de escritura –esas ruínas somos realmente nosoutros mesmos navegando e nacendo cara á vida–".

A segunda parte do discurso ofrece unha disertación sobre o sublime e o que fai que un poema o sexa, movéndose preto das escrituras de Jean-Luc Nancy e Lacoue-Labarthe e repasando o pensamento arredor do concepto e da relación entre poema e filosofía desde as escolas helenísticas. "Quizais a meditación sobre o sublime agrome da preocupación por atopar aquilo que na beleza é irredutible á súa captación pola idea platónica", di.

"Sublime é que a linguaxe articulada exista, que se erga un poema, o ilimitado da fermosura dun idioma, o incomparable dese idioma, que a grandeza dun idioma exista, que exista un borde erguéndose, unha multiplicidade presentándose como figura, como poema", avanza Chus Pato. "O sublime é cesura, un esvaecemento do idioma no ilimitado, a emoción dunha fala-escritura no límite (...). Nese límite, baixo o límite, abrolla, ou podería, un poema que é figura, alzado, trazado e tamén infinito e excelencia, entelequia, e que ao contacto co hálito ou aión queda exposto ao que carece de límites, de forma, de palabra, de cor ou son (...). Un infinito exposto/aberto á meniña que tira os dados na beira do mar, na beiraOcéano", expón.

Con todos os filósofos citados no seu discurso "dialoga [Chus Pato] en maior ou menor medida na súa poesía", igual que o fai con outros grandes nomes da literatura galega e universal, subliña Francisco Fernández Rei na resposta. O académico detense así en versos de distintos libros da poeta que fan referencia á voz, á fala, á escritura do poema, a metáfora e mesmo o poema como resto ou ruína.

Francisco Fernández Rei percorre a biografía persoal e literaria de Chus Pato, nada en Ourense o 29 de agosto de 1955. Ela é a primeira muller da familia que non aprendeu a traballar a terra, como ela mesma recorda nun fragmento d'A ponte das Poldras que o académico toma prestado para o título da súa resposta: A poeta da República Escarlata que non sabe cavar nin segar nin vendimar. Francisco Fernández Rei destaca tamén a súa pertenza ás Redes Escarlatas, o espazo no que máis actividade sociopolítica desenvolveu nos primeiros anos deste milenio, e no que ambos coincidiron.

A autora empezou a escribir poesía, en castelán, aos 10 anos e continuou facéndoo sen interrupción ata os 18. Tras rematar a carreira de Xeografía e Historia, vivindo na rúa Arzúa de Santiago de Compostela, na que foi veciña, sen sabelo, do seu padriño na entrada na RAG, volveu escribir, sempre poesía e sempre en galego. Facelo na lingua que lle falaba a súa avoa foi para ela "exercer a palabra liberdade, que significa poder elixir, estar en situación de facelo", lembra Francisco Fernández Rei.

Os seus primeiros versos publicáronse en 1984 na revista da AELG Escrita, a petición da que era daquela a súa directora, a hoxe tamén académica Margarita Ledo. Chus Pato seguiu colaborando con distintas revista e en 1991 autoeditou o seu primeiro poemario, Urania, "que é fundamentalmente un réquiem que comezou a escribir despois do pasamento do seu pai". Tres décadas despois, os seus libros traducíronse total ou parcialmente sobre todo ao castelán e ao inglés, mais tamén ao búlgaro, portugués, neerlandés, catalán, éuscaro, polaco, alemán, francés, italiano, ruso ou árabe clásico. Desde o 29 de setembro de 2015, os versos de Secesión (2009), lidos na súa propia voz, son os primeiros en lingua galega que forman parte dos fondos sonoros da Woodberry Poetry Room da Universidade de Harvard.

Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia y Real Academia Galega (RAG)

R., 2017-09-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
Foto de la tercera plana (costa.jpg) A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.

Notas

Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario.
A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES