Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la USC:
É un documento de conclusións do grupo de traballo constituído con representantes das facultades de Ciencias da Educación das tres universidades galegas xunto con representantes da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para analizar as competencias profesionais docentes en Galicia e reflexionar sobre as que o estudantado de Maxisterio deberían adquirir na carreira. Da USC integraron este grupo de traballo a profesora Carmen Fernández Morante e Francisco Rodríguez Lestegás.
O reitor Juan Viaño considera que o informe vai asentar un dos alicerces imprescindibles para que a educación dos nosos nenos e nenas sexa mellor e para poder cumprir a proposta que xa fai moitos anos achegaba frei Martín Sarmiento: preparar mestres e mestras que dispoñan aos nenos, non para que aprendan (...), senón para que queiran aprender. A diagnose que presenta o traballo é imprescindible para acometer con seriedade a segunda parte do documento, fundamentada nas propostas, na medida en que se presentan fórmulas que terán que ser debatidas e consensuadas pola maior cantidade posible de persoas implicadas.
O documento elaborado polo grupo de traballo conclúe que é preciso que a formación inicial e permanente do profesorado se aliñe arredor dun traballo equilibrado das diferentes competencias e subcompetencias profesionais docentes sen deixar de lado cuestións de relevancia como as habilidades relacionadas coas TIC. Ademais, é necesario que a formación inicial do profesorado poida ofrecer coñecementos relevantes para a práctica na xestión de organizacións educativas tanto a nivel de aula como de centro e mesmo de sistemas educativos.
Para iso, segundo o documento, resulta clave que se manteña o diálogo entre as universidades e a Rede de Formación Permanente do Profesorado para enriquecer a concreción das competencias previstas na lexislación nos plans de estudos, identificar as necesidades formativas e articular accións que melloren as prácticas docentes, de xeito que a formación dos mestres manteña os estándares de calidade que o avance da demanda social impón, sempre dende o máximo respecto á autonomía universitaria.
Así mesmo, dende o propio grupo de traballo ou comisión semellante, será necesario promover o establecemento dun marco formativo integrado para os docentes que resulte da coordinación entre a oferta de posgrao existente no SUG e a da Rede de Formación Permanente do Profesorado. As sinerxías entre estes axentes deberían posibilitar unha oferta axustada permanentemente ás necesidades do noso sistema educativo. Neste sentido, impulsarase a creación dun mestrado interuniversitario en Innovación e Investigación en Educación infantil e primaria.
Entre as recomendacións do documento están tamén a realización de actividades formativas conxuntas que poñan en contacto tanto ao profesorado como ao alumnado nunha verdadeira comunidade de aprendizaxe ou a difusión conxunta da investigación e as boas prácticas en materia de formación.
Así mesmo, proponse a aprobación dun Protocolo de Prácticas común, un marco de traballo seguro, efectivo e eficaz para todo o alumnado con independencia do centro ou centros onde realice as súas prácticas ao longo da súa formación inicial e que facilite o labor do profesorado titor, tanto das universidades como dos propios centros educativos.
Tras a presentación deste documento, o grupo continuará o seu traballo para realizar os axustes permanentes en base ás recomendacións e conclusións ás que chegou, co fin de avanzar cara aos obxectivos de forma progresiva.