Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de CC.OO.-Galicia:
Comisións Obreiras (CCOO) considera negativos os datos da enquisa de poboación activa (EPA) do primeiro trimestre de 2017, que cualifica de «nefastos». As cifras coñecidas reflicten que o mercado laboral galego continúa evolucionando peor que a media estatal. «Unha vez máis, os datos revelan que en Galicia estamos moi lonxe de que a recuperación económica chegue ás persoas», alerta Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO.
Segundo a EPA, pérdense 16 000 empregos no primeiro trimestre e ao desemprego súmanse case 13 000 persoas, dous datos «terribles» segundo Bouza que implican un terceiro: máis de 3000 galegos e galegas abandonan o mercado laboral por falta de expectativas de emprego.
Aumenta o desemprego, pero tamén a desprotección social: a dirixente sindical asegura que a Xunta «non pode esquecer» que en Galicia hai máis de 217 000 persoas desempregadas e que persiste unha situación «dramática» nos 73 900 fogares con todos os seus membros en paro e nos 36 800 en que non se percibe ningún tipo de ingreso datos peores que no trimestre anterior.
Ante o «drama» do desemprego e da desprotección social, ao que hai que sumar a pobreza salarial e social, a sindicalista insta a un cambio de políticas, de modelo produtivo e de relacións laborais. «Necesitamos que o Gobernos galego aposte polas persoas, por un plan de choque para o emprego e a protección social e por novo modelo produtivo. Sen estes cambios, Galicia seguirá no vagón de cola das comunidades autónomas españolas», sentencia Bouza.
Por esta razón, CCOO chama a cidadanía «a saír á rúa» o Primeiro de Maio e participar nas manifestacións convocadas de consún coa UGT a prol doutra política, que sitúe en primeira liña a recuperación do emprego estable, salarios xustos, pensións dignas e máis protección social para que se recuperen os dereitos económicos e laborais arrebatados e melloren as condicións de vida e de traballo da cidadanía.
Os datos da EPA do primeiro trimestre de 2017 indican que perderon o emprego 16 000 persoas en Galicia, co que a cifra de ocupación baixa ata 1 033 600. En proporción, a destrución de emprego foi maior en Galicia (−1,52 %) que na media estatal (−0,38 %).
A perda de emprego atangue a máis homes que mulleres (15.200 ocupados menos fronte a 800 ocupadas menos) e, por grandes grupos de idade, o colectivo máis prexudicado é o de 25 a 34 anos: 11 000 persoas ocupadas menos ca no cuarto trimestre de 2016 (−5,42 %). Por sectores, pérdese emprego en todos pero con máis forza na construción, que ocupa 4000 persoas menos (5,70 %), no sector primario 1100 menos (1,42 %), nos servizos 10 100 menos (1,37 %) e na industria 800 menos (0,48 %).
A creación de emprego por conta propia non compensou a perda de emprego por conta allea (unhas 7000 persoas ocupadas máis por conta propia fronte a 24 100 menos por conta allea). Canto á poboación asalariada, hai 20 200 persoas ocupadas menos no sector privado ca no cuarto trimestre de 2016 (3,12 %) e 4000 menos no sector público (2,25 %). Polo tipo de contrato, o emprego máis danado é o temporal (13 300 empregos temporais menos e 10 800 indefinidos menos). A taxa de temporalidade está no 25,8 % (25,0 % no primeiro trimestre de 2016).
Desde o primeiro trimestre de 2016 hai 12 500 persoas máis con emprego (2700 homes e 9800 mulleres). En proporción, creouse menos emprego en Galicia que na media estatal: 1,23 % fronte ao 2,27 %. Aínda quedan por recuperar 156 200 postos de traballo para acadar os niveis de ocupación de hai nove anos.
Ademais, esa creación de emprego asenta nunha elevada precariedade: no último ano substituíuse emprego indefinido por temporal (3900 persoas asalariadas menos cun contrato indefinido fronte a 7400 temporais máis). Polo tipo de xornada, o emprego a xornada parcial medrou máis que o de xornada completa (4,09 % fronte ao 0,77 %). No primeiro trimestre de 2017, o 63 % das persoas que traballaban a xornada parcial manifestaron ter ese tipo de xornada porque non atopaban un traballo a xornada completa; só un 8 % afirmou buscala.
No primeiro trimestre de 2017 había 217 100 parados e paradas en Galicia (111 900 homes e 105 200 mulleres), o que implica unha taxa de paro do 17,4 %, que é do 17,2 % nos homes e do 17,5 % nas mulleres. O paro de moi longa duración é desmesurado: o 41,5 % das persoas desempregadas levaban buscando un posto de traballo dous ou máis anos; estaba nesta situación 90 100 persoas.
Hai 12 900 persoas paradas máis ca no cuarto trimestre de 2016 (9200 homes e 3700 mulleres). En proporción, a suba do paro foi maior en Galicia (+6,33 %) ca na media estatal (+0,41 %). En termos anuais, a evolución do paro tamén é peor na nosa comunidade autónoma: en Galicia hai 10 800 persoas menos en paro que hai un ano, o que implica un descenso do 4,72 % cando no conxunto do Estado baixou o 11,19 %.
A gravidade da situación acada as maiores cotas nos fogares con todos os seus membros activos en paro: 73 900 fogares no primeiro trimestre de 2017; son 4300 máis ca no cuarto trimestre de 2016. Por outra banda, hai 36 800 fogares nos que ninguén percibe ingresos.