Noticias

La Real Academia Galega (RAG) edita un libro compilatorio de los 1.500 apellidos de uso más frecuente en Galicia

Bermejo en lugar de Vermello, Corujo por Coruxo, Gestal por Xestal, Villarino por Vilariño ou Rajo por Raxó son algunos ejemplos del trabajo recogido en el libro presentado, fruto de la colaboración entre la Xunta y el Seminario de Onomástica de la Real Academia. Será distribuido en los juzgados de paz y registros civiles de Galicia para regularizar los apellidos gallegos deturpados.

Nota de prensa de la Real Academia Galega (RAG):

Bermejo en lugar de Vermello, Corujo por Coruxo, Gestal por Xestal, Villarino por Vilariño ou Rajo por Raxó son só unha pequena mostra das formas deturpadas de apelidos galegos que xurdiron ao longo de cinco séculos. Co propósito de facilitar a restitución das formas correctas, a Real Academia Galega acaba de editar Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización, obra que recolle nunha listaxe normalizada 1.500 apelidos que abranguen en conxunto preto do 90 % da poboación galega. O libro pretende ser unha ferramenta útil para toda a cidadanía, mais de maneira especial para o persoal dos rexistros civís, responsables dos trámites de regularización lingüística dos apelidos. Con este obxectivo, a edición impresa complétase coa dixital, que xa está dispoñible en http://academia.gal/publicacions-totais e na intranet do persoal da administración de xustiza en Galicia.

O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, presentou a obra en rolda de prensa na sede da propia institución acompañado do secretario, Henrique Monteagudo; o director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, cuxos departamentos apoian a edición e distribución. A académica correspondente Ana Isabel Boullón, coordinadora do equipo que realizou o traballo, dentro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, tamén interveu a través dun vídeo por se atopar de estadía de investigación en Reino Unido.

O libro é un avance do dicionario de apelidos galegos no que está a traballar o Seminario de Onomástica, unha obra que, ademais de incrementar a listaxe, conterá información de tipo etimolóxico ou histórico. Cando estea rematado, "xa non haberá razón ningunha para acometer máis antroponimicidios", salientou Xesús Alonso Montero.

O galego como idioma instrumental foi desprazado na escrita desde principios do século XVI. Unha das consecuencias, recordou Ana Isabel Boullón, foi que os nomes propios, tanto os dos lugares coma os das persoas, comezaron a ser modificados. No caso dos apelidos, que xa eran hereditarios, sufriuse un proceso de deturpación que lles afectou de xeito desigual. Malia manterse esta presión cinco séculos, calcúlase que o total de formas castelanizadas é de apenas o 16 %. Aféctanlles, iso si, a algúns dos apelidos máis frecuentes, de modo que o seu impacto social é maior. Na inmensa maioría dos casos os apelidos casteláns en Galicia son produto da deformación case sempre involuntaria dun apelido orixinariamente galego. Tamén se dá o paradoxo de que moitas formas normalizadas na toponimia permanecen castelanizadas cando funcionan como apelidos, como sucede con Seijas en lugar de Seixas ou Abeijón por Abeixón, puxo como exemplos.

Ademais da forma correcta de 1.500 apelidos, seleccionados maioritariamente cun criterio de frecuencia, Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización inclúe un glosario de formas e grafías anómalas coas súas correspondentes formas estándares para facilitar a resolución de dúbidas. "Preténdese, así, avanzar nun aspecto tan importante da normalización lingüística como é o dos apelidos, que nos identifican como persoas e como pobo", resume a académica correspondente, que agarda que o paso dado con esta publicación vaia tamén "acompañado por medidas oficiais que fomenten a recuperación dos nosos apelidos tradicionais".

Tras a reforma de 1999, a Lei do rexistro civil, permite mediante un sinxelo trámite, mudar a forma dos apelidos para regularizalos ortograficamente cando a forma inscrita non se adecúe á gramática e á fonética da lingua correspondente. Con esta obra, a institución responsable por lei dos aspectos normativos da lingua galega achega aos rexistros civís un elenco de formas estandarizadas que permitan aos cidadáns e cidadás exercer o seu dereito ao uso da forma correcta do seu apelido, un dereito que non figura explicitamente nas leis, mais que se infire da Lei de normalización lingüística (1983). En diante, este trámite será máis fácil, xa que non será preciso entregar no rexistro unha certificación da Academia no caso dos apelidos incluídos nesta listaxe. A RAG continuará, en calquera caso, expedindo este tipo de documentación, de xeito gratuíto, para aquelas persoas que así o demanden.

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez, explicou que Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización xa está a disposición dos traballadores da administración de xustiza, a través da súa intranet, e agradeceu á RAG o traballo realizado. En termos similares, o secretario xeral de Política Lingüística valorou a utilidade desta ferramenta e coincidiu con Xesús Alonso Montero en que a preservación do "patrimonio inmaterial" que conteñen os apelidos "é un dereito".

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, acudiron á sede da Real Academia Galega (RAG) para presentar 'Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización'. Este traballo, froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e o Seminario de Onomástica da RAG, será distribuído nos xulgados de paz e rexistros civís e estará a disposición do funcionariado na intranet da Dirección Xeral de Xustiza para facilitar a regularización dos apelidos patrimoniais galegos deturpados.

Durante a presentación, o titular de Política Lingüística destacou que esta “é unha publicación cunha orientación claramente práctica e, como o seu título di, dirixida á normalización lingüística, pois o seu fin é restituírlles aos galegos e galegas que así o queiran unha parte importante do seu patrimonio lingüístico, inmaterial e tamén familiar, que moitas veces lles foi subtraído sen o seu consentimento”. Recalcou que a obra “axuda a difundir e garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía e facilita o labor do funcionariado encargado de facelo”.

Pola súa banda, o director xeral de Xustiza sinalou que como di no preámbulo o presidente da RAG, “a primeira obriga dun falante é chamar ás cousas polo seu nome, polo verdadeiro nome”, aquel que nos diferenza e individualiza e que tamén nos pon en relación a un territorio.

Así, hoxe en día o Rexistro Civil é un servizo público, encargado de deixar constancia dos feitos ou actos relativos ao estado civil das persoas naturais, así como outros que as leis lle encomenden. Nel inscríbense os nacementos, a filiación, o nome e apelido das persoas, os falecementos reais ou presuntos, os matrimonios. Así mesmo, pode corresponderlle, segundo o país, o rexistro das gardas, a patria potestade, as emancipacións, as nacionalizacións e o rexistro de profesionais. A obra está xa na intranet de Xustiza a disposición dos Xulgados e dos Rexistros Civís, ademais de no Portal da Lingua Galega.

O libro é un avance do dicionario de apelidos galegos no que está a traballar o Seminario de Onomástica, unha obra que, ademais de incrementar a listaxe, conterá información de tipo etimolóxico ou histórico. Cando estea rematado, "xa non haberá razón ningunha para acometer máis antroponimicidios", salientou Xesús Alonso Montero.

Valentín García Gómez e Juan José Martín Álvarez estiveron acompañados no acto polo presidente e o secretario da RAG, Xesús Alonso Montero e Henrique Monteagudo Romero, respectivamente. Ademais, e dado que a responsable da edición, Ana Isabel Boullón, se encontra fóra de Galicia, proxectouse un vídeo coa súa intervención, no que deu conta das características da obra presentada e destacou que con ela se pretende “avanzar nun aspecto tan importante da normalización lingüística como é o dos apelidos, que nos identifican como persoas e como pobo".

'Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización' é froito da colaboración da Xunta de Galicia co Seminario de Onomástica da RAG dirixido pola profesora e académica correspondente Ana Isabel Boullón. Nel recóllense os criterios empregados pola Real Academia -institución responsable por lei dos aspectos normativos da lingua galega- para estandarizar os apelidos galegos, pensando especialmente na recuperación daqueles que foron castelanizados a partir do século XVI e, de maneira particularmente intensa, durante o franquismo.

O libro ten tamén un capítulo que recolle a listaxe normalizada dos 1500 apelidos galegos máis frecuentes e outro coas correspondencias entre as variantes non estándar e as formas recomendadas. Complétase co breve artigo da profesora Ana Isabel Boullón 'Os apelidos, patrimonio individual e patrimonio colectivo', así como co limiar do presidente da RAG 'Os nomes -e os apelidos- teñen dereitos'. A obra será distribuída pola Xunta de Galicia entre o persoal encargado dos rexistros civís e mais dos xulgados de paz e estará a disposición do funcionariado na intranet da Dirección Xeral de Xustiza, co fin de que poida cumprir o cometido normalizador para o que foi creada.

A publicación e difusión de 'Os apelidos en galego' enmárcase nas accións que a Xunta de Galicia está desenvolvendo para a promoción da lingua propia de Galicia no ámbito da Xustiza -entre as que se pode sinalar a recente posta en marcha do Portal Xurídico Galego-, así como nas liñas de colaboración coa RAG, entre as que se pode destacar a orientada a desenvolver o proxecto Toponimia de Galicia.

Fotografía: Real Academia Galega (RAG) / Xunta de Galicia

R., 2017-02-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (union-europea-bandeiras.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR), onde Galicia presentou 21 emendas a catro dos ditames sometidos a aprobación. Un dos máis relevantes para a comunidade foi o ditame sobre a ferramenta de facilitación transfronteiriza. Calcúlase que a eliminación do 20% das barreiras e obstáculos xurídicos e administrativos actuais entre rexións de fronteira na UE -entre as que se atopa Galicia, que conforma unha Eurorrexión xunto co Norte de Portugal- permitiría aumentar o seu PIB nun 2% e crear nelas ata un millón de empregos.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) InnovArt 24, o maior evento en Galicia de promoción e difusión das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas propicia o encontro entre as vocacións e os profesionais, e facilita que o alumnado de diferentes niveis educativos se familiaricen e tomen contacto cos eidos da arte dramática, as artes plásticas e deseño, a conservación e restauración de bens culturais, a danza, as ensinanzas deportivas, os idiomas e a música. A feira conta cunha zona de 4.100 m² no Museo Centro Gaiás, na que os visitantes poden participar en obradoiros de artes plásticas e deseño, traballos de conservación e restauración de bens culturais, actividades deportivas didácticas de música, arte dramática e danza, así como de idiomas. Tamén se ofrecen mostras e exhibicións das distintas ensinanzas, concertos, conferencias e espectáculos escénicos en directo.

Notas

Mostrar á cidadanía os resultados do traballo realizado ao longo do curso nas aulas teatrais dos tres campus da UVigo, á vez que achegar a cidade propostas escénicas chegadas desde outros países. Estes dous obxectivos conflúen na XV Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu), que se desenvolverá entre o 24 de abril e o 3 de maio, con cinco funcións con entrada libre no Teatro Principal, todas elas ás 20.30 horas.
A Sala Cloud do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) acollerá o vindeiro martes un novo taller do ciclo HumanIA UDC, organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDCe por dito centro. Baixo o título 'Perfís profesionais: Humanidades e IA', a experta en lingüística, tecnoloxía e diversidade, Cristina Aranda, cofundadora de Big Onion e Mujeres Tech, explicará as claves da cooperación entre perfís profesionais de cara ao futuro e presente da IA.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES