Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou na sala Eisenman do Gaiás o avance da programación da Xunta de Galicia para conmemorar as Letras Galegas 2017, dedicadas ao ourensán Carlos Casares Mouriño. Persoeiro que, en palabras do titular de Cultura representa a cerna do galeguismo que queremos, destacando del que foi unha persoa íntegra e conciliadora, que entendeu Galicia como proxecto de suma de vontades.
Así mesmo, Román Rodríguez afirmou que o Día das Letras é unha conmemoración á que a Xunta, canda a promotora da celebración, a Real Academia Galega, e en conxunto con outras administracións, entidades e organismos, se suma co espírito de loa e promoción social da nosa literatura e da nosa lingua propia. Procurando ademais un traballo transversal na dinamización e uso do galego a nivel social.
A programación conxunta das Letras Galegas inclúe mostras, iniciativas de participación social como roteiros, concursos e homenaxes, edicións conmemorativas, estudos críticos ou traducións, así como unha programación dobre, con orientación divulgativa e académica, actividades de dinamización lingüística nos centros educativos e de promoción e difusión da obra de Casares nas bibliotecas de Galicia.
Ademais do conselleiro de Cultura e Educación, participaron na rolda de prensa o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz; o presidente da Fundación Carlos Casares, Xavier Casares Mouriño; a directora da Televisión de Galicia, Rosa María Vilas Núñez; o director do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar; o director xeral de Galaxia, Francisco Castro Veloso; o deputado provincial de Cultura da Deputación de Ourense, Manuel Doval Soto; a concelleira de Educación, Cultura, e Comercio do Concello de Ourense, Belén Iglesias Cortés; e o concelleiro de Turismo de Xinzo de Limia, Carlos Gómez. Igualmente, estiveron presentes Anxo Lorenzo e Valentín García, secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, respectivamente.
Exposicións e divulgación exterior
En canto ao eido expositivo, a Xunta promove a mostra Casares na Biblioteca de Galicia. Este centro custodia a biblioteca e o arquivo persoal de Carlos Casares, con preto de 6.000 volumes, entre os que se inclúen primeiras edicións e coleccións completas de destacados autores da literatura galega, ademais de manuscritos, cartas, fotografías etc. Unha selección destes fondos poderase ver nesta exposición conmemorativa das Letras Galegas.
A maiores, desde o Goberno galego apoiarase outros importantes proxectos expositivos temporais e itinerantes que achegarán a figura de Casares ao público, como son Os mundos de Carlos Casares, O Principiño ao redor do mundo, Carlos Casares e a fotografía ou As caras dos libros.
Para completar ese coñecemento, ademais do traballo que se realice en Galicia, cómpre facer un labor de divulgación fóra. Para isto a Secretaría Xeral de Cultura, en coedición con Small Stations Press, promove a primeira versión en inglés da obra Ilustrísima. A maiores, os Centros de Estudos Galegos da Secretaría Xeral de Política Lingüística desenvolverán, en universidades de todo o mundo durante o mes de maio, diversas actividades de promoción do autor ourensán.
No caso da programación divulgativa e académica, haberá diversos faladoiros, ciclos de conferencias e xornadas que terán o seu colofón no Simposio Carlos Casares. A Real Academia, o Consello da Cultura e a Fundación Carlos Casares, co apoio da Xunta de Galicia, desenvolverán durante o mes de novembro nas cidades de Santiago, Ourense e A Coruña un ciclo de conferencias e de relatorios sobre todos os aspectos salientables da vida e obra de Casares.
Ademais, Casares terá tamén unha oferta plural de iniciativas na Internet que levarán a súa figura á rede, universalizando o acceso e descubrindo novas facetas do persoeiro. Por unha banda, Galiciana −o repositorio dixital da nosa comunidade, dependente da Biblioteca de Galicia e integrado no proxecto comunitario Europeana− prepara un micrositio dedicado a Carlos Casares, para mellorar a difusión dos valiosos fondos bibliográficos en formato dixital de ou sobre Casares, potenciando a súa accesibilidade universal na rede.
E por outra desenvolverase o proxecto As Letras no patrimonio documental. O Sistema de Arquivos de Galicia custodia un patrimonio escrito de diversas épocas que fai referencia ao Día das Letras e aos seus protagonistas. Para dalo a coñecer, o Arquivo de Galicia realizará unha selección destes documentos que publicará en formato electrónico e que se porá a disposición pública.
Dentro da programación para a Dinamización Lingüística, cómpre destacar dous proxectos para o uso e promoción do galego entre a infancia e a mocidade: A galiña azul e O tren que me leva.
FalaRedes, o programa de dinamización lingüística da Xunta, incorpora en 2017 unha proposta escénica para fomentar o lecer en galego dos máis pequenos, cun espectáculo teatral baseado no libro A galiña azul. A función, baixo a dirección de Galaxia, percorrerá 21 concellos da Rede de Dinamización Lingüística ao longo do ano.
Ademais, en colaboración con Renfe porase en marcha un programa de rutas, O tren que me leva, que ten entre os seus obxectivos educativos achegarlle o galego á mocidade e dar a coñecer a figura de Casares. Está dirixido a alumnado de 5º e 6º de primaria e de educación secundaria de centros de titularidade autonómica.
Así mesmo, entre as actividades para o ámbito educativo cómpre destacar o Concurso-Exposición das Letras Galegas 2017. A Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou un concurso aberto aos centros de ensino non universitario galegos para a realización dunha mostra de carteis divulgativos sobre a obra e a época de Carlos Casares.
As propostas gañadoras para primaria e secundaria, acompañadas das correspondentes unidades didácticas, serán editadas e distribuídas en máis de 1.600 puntos de Galicia e do exterior, entre centros educativos, bibliotecas e casas da cultura, centros galegos da emigración etc.
Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia