Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá en 2017 máis de 1,7 millóns de euros no impulso do sector editorial galego, a través de diversas convocatorias de subvencións e de actuacións de dinamización do comercio do libro, de colaboración cos principais axentes profesionais do sector, de impulso á creación literaria e de mellora dos servizos bibliotecarios galegos.
Así o explicou na Comisión 4º do Parlamento de Galicia o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen afirmou que, a través das liñas de acción planificadas para este ano 2017 e, no horizonte dos próximos catro anos, coa elaboración da Estratexia da Cultura Galega, o Goberno galego centrará os seus esforzos en consolidar a industria editorial de Galicia, en impulsar a difusión do libro galego e en dinamizar o hábito lector entre a cidadanía.
Anxo Lorenzo enmarcou as liñas de actuación que a Consellería está a desenvolver no ámbito do libro e da lectura no cumprimento do marco legal vixente, nomeadamente a Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia. Así mesmo, sinalou que con elas se trata de facer fronte ás dificultades dun sector que ten numerosos retos por diante e que debe aproveitar fortalezas como a calidade da produción editorial galega e o destacado lugar que vén ocupando a literatura infantil e xuvenil no conxunto da produción.
Para incrementar os índices de lectura afirmou que, no marco da Estratexia da Cultura Galega 2021 que recollerá as principais liñas de actuación e as prioridades nas políticas culturais e no investimento público nesta materia no horizonte dos próximos 4 anos, o Goberno galego impulsará un plan específico da lectura, que se dirixa a potenciar as estratexias de capacitación e competencia lectora da sociedade galega, nomeadamente a partir do labor desenvolvido desde a Rede de Bibliotecas Públicas e desde a Rede de Bibliotecas Escolares.
No referido ás axudas impulsadas polo seu departamento, concretamente ás liñas de subvencións á adquisición de novidades editoriais en galego, á tradución de obras e á mellora das coleccións da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, lembrou que o investimento das convocatorias publicadas neste ano ascende a 750.000 euros, o que supón un incremento de orzamento do 13,6% respecto das anteriores.
De cara a impulsar a dinamización comercial do sector, ademais das Feiras do Libro de Galicia, recordou a presenza do libro galego nas principais citas internacionais do sector. Concretamente este ano, en colaboración coa Asociación Galega de Editores, o libro galego estará presente con espazo propio na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, e nas feiras de Frankfurt, de Guadalaxara e de Bos Aires.
Durante a súa intervención, Anxo Lorenzo destacou tamén o papel fundamental das bibliotecas en prol do acceso gratuíto e en igualdade ao libro e á lectura. Para mellorar os servizos bibliotecarios, o seu departamento, ademais das liñas de axudas para a mellora e a renovación das coleccións, está a centrar os seus esforzos en garantir unha programación completa e de calidade de actividades de dinamización da lectura en todo o territorio, xunto coa aposta pola oferta de libros electrónicos, a través da plataforma GaliciaLe, e a mellora das instalacións e do equipamento.
Así mesmo, lembrou as melloras iniciadas en 2016 coa integración de todos os centros bibliotecarios da rede pública galega nun sistema de xestión único, o Sistema Integrado de Xestión Bibliotecaria, o que permitiu a creación dun catálogo colectivo e dun carné único, que funciona como ferramenta de entrada a todas as bibliotecas da rede.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PSdeG:
A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, criticou a práctica aniquilación das políticas da Xunta en apoio á edición en galego, provocando unha caída vertixinosa de editoriais e títulos publicados. Así o dixo no debate dunha pregunta oral na Comisión de Cultura, na que alertou do descenso dun 75 por cento nos orzamentos destinados a libros e bibliotecas públicas dende 2010.
A responsable socialista Criticou o desleixo do goberno galego, que continúa dende 2009 coas mesmas políticas, e lamentou que o seu único xeito de impulsar ao mundo editorial fora recortarlles os recursos ata o límite. Así, os libros publicados en galego descenderoin un 43,8 por cento entre 2008 e 2015, cunha perda de 1.000 títulos, mentres os publicados en euskera ou catalán aumentaban.
Burgo sinalou neste sentido que o orzamento destinado á adquisición de lotes fundacionais e fondos bibliográficos pasara de 1,96 millóns de euros en 2010 a 425.000 euros en 2017. Explicou que malia o aumento de 400.000 euros nos orzamentos para este ano, a suma do resto das partidas relativas ao mundo editorial dan un balance dun incremento neto de 64.680 euros, e así é imposible.
A deputada socialista acusou ao goberno galego truncou o que fora un crecemento sostido que levou de publicar 187 títulos en 1980 a 2.544 en 2010 a un preocupante descenso que continúa agora mesmo. Esta situación foi sinalada polo Consello da Cultura de Galicia, a través do Observatorio da Cultura Galega, que alertou do descenso de publicacións nunha tendencia inversa ao mundo editorial no conxunto do Estado.
Concepción Burgo sinalou a importancia do sector editorial para as industrias culturais e polo tanto da economía galega, xa que supón o 2 por cento do PIB, tanto como o sector pesqueiro. Lembrou que o sector editorial foi considerado como estratéxico na Lei do Libro e da Lectura de 2006.
Fotografía: Gabinete de Comunicación del PSdeG