Accións conxuntas sobre o Camiño Portugués de Galicia e portugal
O Goberno galego e o de Portugal promoverán un acordo de colaboración entre os departamentos de Turismo de ambos gobernos, polo que a Secretaría será o interlocutor sobre os camiños de Santiago no país veciño ademais de ofrecer a súa experiencia para a xestión da ruta no seu territorio. Así o acordaron na reunión que mantiveron na capital portuguesa o director do Xacobeo e a secretaria de Estado do Turismo de Portugal.
Nesta xuntanza tamén se acordou estudar a posibilidade de realizar accións de promoción conxunta, incluíndo á entidade Turespaña, en mercados turísticos internacionais como EE.UU, Brasil ou China.
Ademais, Turismo de Portugal mostrou o seu interese pola creación dunha páxina web específica sobre os camiños de Santiago que atravesan o territorio portugués , de xeito que estaría interconectada co sitio na Internet de Turismo de Galicia caminodesantiago.gal ao obxecto de ofrecer unha visión unitaria da ruta xacobea portuguesa.
Por último, a secretaria do Turismo do Goberno portugués mostrou o seu interese por visitar Galicia e coñecer in situ a xestión do Camiño en Galicia, especialmente a rede de albergues públicos.
Con 35.616 peregrinos ata agora, o Camiño Portugués é a segunda ruta xacobea máis transitada no que vai de ano, unha vía que percorreron en 2015 un total de 43.151 peregrinos.
Portugal foi o ano pasado o quinto país en número de peregrinos, con 12.481 persoas que realizaron o Camiño de Santiago.
R., 2016-08-29
Actualidad
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a Bauhaus galega polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso. Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
O CDG celebra os 40 anos da súa fundación desenvolvendo unha intensa programación que estende a súa actividade á produción e participación en 15 espectáculos e proxectos escénicos, a máis de 100 concellos de toda a Comunidade e á colaboración con entidades dunha decena de países en Europa e América. En palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, a unidade teatral continuará avanzando nunhas liñas mestras que, desde o respecto ao pasado, poñen o foco en novas vías de encontro coa cidadanía, na accesibilidade, na proxección exterior ou na creación galega.
Notas
A Facultade de Química será entre os días 3 e 6 de setembro a sede do XI Congreso Internacional de Nanociencia e Nanotecnoloxía Analítica (XI NyNA 2024). O encontro está organizado polo grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE) e o Instituto de Materiais (iMATUS) da USC coa colaboración do Grupo Especializado en Ciencia e Tecnoloxías (Bio) Analíticas da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).
Os vindeiros 9, 10 e 11 de abril celébrase na Universidade da Coruña o primeiro congreso IA & Hospitality, un espazo onde se analizará a relación presente e futura entre a Intelixencia Artificial e o turismo, un dos principais motores económicos do noso país. O programa do congreso, que terá lugar no Paraninfo da UDC, inclúe oito mesas de debate nas que se tratará dende a experiencia do cliente ata a ciberseguridade e os destinos e a IA.