Notas de prensa

Regresan os Bolechas na máquina do tempo co programa FalaRedes 2015

Soutomaior, Carnota e Muros acollen as primeiras funcións da recta final da xira que está a levar os irmáns animados máis coñecidos de Galicia a 40 concellos galegos desde o mes de marzo. FalaRedes 2015 é a cuarta edición do programa de dinamización lingüística promovido pola Xunta.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, retoma a partir desta fin de semana a actividade ‘Os Bolechas na máquina do tempo’, que no marco do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes 2015’ está a chegar desde o mes de marzo a 40 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia para promover o uso do galego e a súa valoración positiva na infancia e no tempo de lecer. A proposta conta coa colaboración das deputacións provinciais da Coruña e de Pontevedra en concellos da súa competencia territorial.

Braulio, Carlos, Loli, Pili, Sonia e Tatá -canda o seu inseparable canciño Chispa- integran a familia animada máis coñecida de Galicia e son un referente positivo galegofalante para a xente miúda da casa. Os entrañables irmáns levarán o seu novo espectáculo de dinamización lingüística a tres concellos durante a fin de semana: mañá, sábado 5, en Soutomaior (ás 20:00 horas, no Multiúsos de Arcade); e o domingo 6, con dúas citas, a primeira delas en Carnota (ás 12:00 horas, no salón de actos da Casa do Concello) e a segunda en Muros (ás 18:00 horas, no auditorio do Centro Cultural e Xuvenil).

Os Bolechas levarán esta proposta, baixo xestión de Edicións Bolanda, a 28 novos concellos galegos ata finais de outubro ata completar a xira polos 40 concellos programados, todos eles pertencentes á RDL. O calendario completo da actividade pódese consultar en www.lingua.gal e tamén na Axenda da Cultura de Galicia.

Aventura no tempo

Logo de deixar atrás o Sabichón, os irmáns e o seu inseparable Chispa atoparán un aparello que os teletransportará ata o futuro converténdoos en adultos: a máquina do tempo. O doutor Apolodoro -o científico turuleque dono da máquina- levaraos a coñecer diferentes etapas da historia nunha viaxe temporal onde os Bolechas terán que valerse da inestimable axuda do público para regresaren ao presente e á infancia.


Os Bolechas na máquina do tempo é un espectáculo de monicreques manipulados por actores á vista no que se simulará unha aventura a través do tempo. Braulio mandará a Carlos e a Pili ao futuro na máquina do doutor Apolodoro, que se estraga e acabará por teletransportar os dous irmáns á Prehistoria... O enxeño e a habilidade do público serán claves para axudarlles aos Bolechas a regresar ao presente.
A actividade ten continuidade na aplicación web Os Bolechas na máquina do tempo, onde os cativos e cativas poden facer o seu propio diploma de viaxeiro no tempo e acceder a xogos e sorteos. Co aliciente de que os asistentes ao espectáculo coñecen en exclusiva unha palabra clave coa que poderán dobrar o premio do sorteo e acceder a dous lotes de libros dos Bolechas, no canto de un, en caso de resultaren premiados.

Braulio, Carlos, Pili, Loli, Sonia, Tatá e Chispa, pois Os Bolechas falan sempre na nosa lingua: nos libros, nos programas televisivos e nos espectáculos. Con isto quérese potenciar a identificación dos nenos e nenas asistentes cos seus protagonistas.

‘FalaRedes 2015’

A cuarta edición do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes' continúa firme cos obxectivos de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua galega.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do 'FalaRedes 2015' percorren os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con preto de 170 entidades adscritas. Nos tres primeiros anos de desenvolvemento do programa foron case 600 as actividades programadas no marco da RDL; todas elas, con grande acollida de participantes.

Máis información sobre "FalaRedes" 2015 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://www.xunta.es/linguagalega/falaredes 2015 e tamén nas redes sociais.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-09-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (naufragos-hugo.jpg) Hugo fala da relación do seu protagonista, un rapaz con trastorno do espectro autista, coa súa amiga Laia. Jimmy Núñez e María Roja interpretan este espectáculo, seleccionado para a primeira edición do circuíto estatal de artes escénicas para a infancia e a mocidade da ASSITEJ. Baixo o lema Voces dun mundo novo, o congreso reunirá compañías e profesionais de numerosos países arredor dunha programación artística, de relatorios e de intercambio, que este ano lles presta especial atención á participación, á amplitude de formas artísticas e á celebración do impacto comunitario. Para a configuración da carteleira de espectáculos tivéronse en conta especialmente propostas que traballan en espazos e formatos non tradicionais, inclusivas e sensoriais.
Foto de la tercera plana (turismo-5.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros. En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo.

Notas

A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle o I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI, organizado polo grupo de investigación Ontoloxías da Diferenza. Fundamentos Teóricos e Repercusións Prácticas. Nel, pensadores de España e Portugal reflexionan sobre multiculturalismo, educación moral, a discusión entre a humanidade e as distintas intelixencias artificiais e as novas formas de pedagoxía.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES