Notas de prensa

O Sinsal Son Estrella Galicia trae á Illa de San Simón artistas de 4 continentes

Entre o 24 e o 26 de xullo reúnense na Illa de San Simón, por primeira vez en Galicia, artistas de catro continentes arredor do XIII Festival Sinsal Son Estrella Galicia. Caracterizado por unha proposta musical alternativa, o Sinsal “é un evento singular que vai máis alá dun festival ao uso, para ofrecer todo un acontecemento comunitario”.

O Festival Sinsal Son Estrella Galicia regresa á Illa de San Simón do 24 ao 26 de xullo cun cartel que incluirá artistas de catro continentes, na que será a súa primeira actuación na nosa comunidade. A décimo terceira edición do evento, organizado por Sinsalaudio co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, foi presentada no Centro de Interpretación da Batalla de Rande coa presenza dos patrocinadores públicos e privados do festival.

Caracterizado por unha proposta musical alternativa, o Sinsal “é un evento singular que vai máis alá dun festival ao uso, para ofrecer todo un acontecemento comunitario”, asegurou o secretario xaral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen tamén destacou o diálogo que se establece entre a programación artística e a natureza nunha contorna única como a que ofrece a Illa de San Simón.

Grupos procedentes de grandes festivais

O cartel deste ano inclúe, na súa maior parte, grupos procedentes de grandes festivais, como Mar de Músicas, Sónar, Pirineros Sur, Jazz al Día e Milhoes de Festa, segundo avanzou durante a rolda de prensa, a modo de pista para o público, o codirector do festival Julio Gómez, quen recordou que a premisa musical do Sinsal é que os artistas non repitan e que toquen por primeira vez en Galicia.

O Sinsal preséntase como un festival para todos os públicos, con especial dedicación ao público familiar, que tamén aposta por unha vertente formativa a través da escola tecnolóxica Exploradores.15. Segundo explicou o codirector da cita, Javier Noguerol en referencia a esta escola, que se desenvolverá do 17 ao 22 de xullo, non se trata só de expandir o festival, senón de experimentar e explorar os límites da nova tecnoloxía, así como o impacto que pode ter na zona.

Na rolda de prensa tamén participaron Marta Iglesias, da Deputación Provincial de Pontevedra; a concelleira de Redondela Teresa París; Manuel Rodríguez e Cecilia Babarro, en representación de New Balance e de Estrella Galicia, respectivamente; e o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, Manuel Fernández Iglesias.

San Simón Fiddle

Xunto co festival Sinsal, a música tamén é protagonista este mes de xullo na illa redondelá coa cuarta edición de San Simón Fiddle, o único campamento ‘fiddle’ (violín folk) de Europa para rapaces e rapazas instrumentistas, organizado pola Asociación Galicia Fiddle.

Ata o vindeiro día 12, preto dun centenar de nenos e nenas aprenderán dun xeito lúdico e divertido a potenciar o emprego de instrumentos de corda (violíns, cellos, guitarras) dentro da música tradicional galega, relacionándose cos seus instrumentos dun xeito diferente e gozando independentemente do seu nivel técnico.

En San Simón Fiddle a música é transmitida oralmente, prescindindo de partituras e agudizando a capacidade de retentiva musical dos máis novos, no marco dun curso que ten como eixos principais a aprendizaxe de melodías, cantigas e bailes tradicionais.

Recoñecidos músicos galegos, como Anxo Pintos, Davide Salvado, Roberto Comesaña e Cristina Pato, integrantes do recentemente creado grupo Rústica, tamén participarán no San Simón Fiddle, no que, ademais da música tradicional galega, estarán presentes outros estilos musicais, como o blues, o rock e melodías indias.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-07-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (union-europea-bandeiras.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR), onde Galicia presentou 21 emendas a catro dos ditames sometidos a aprobación. Un dos máis relevantes para a comunidade foi o ditame sobre a ferramenta de facilitación transfronteiriza. Calcúlase que a eliminación do 20% das barreiras e obstáculos xurídicos e administrativos actuais entre rexións de fronteira na UE -entre as que se atopa Galicia, que conforma unha Eurorrexión xunto co Norte de Portugal- permitiría aumentar o seu PIB nun 2% e crear nelas ata un millón de empregos.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) InnovArt 24, o maior evento en Galicia de promoción e difusión das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas propicia o encontro entre as vocacións e os profesionais, e facilita que o alumnado de diferentes niveis educativos se familiaricen e tomen contacto cos eidos da arte dramática, as artes plásticas e deseño, a conservación e restauración de bens culturais, a danza, as ensinanzas deportivas, os idiomas e a música. A feira conta cunha zona de 4.100 m² no Museo Centro Gaiás, na que os visitantes poden participar en obradoiros de artes plásticas e deseño, traballos de conservación e restauración de bens culturais, actividades deportivas didácticas de música, arte dramática e danza, así como de idiomas. Tamén se ofrecen mostras e exhibicións das distintas ensinanzas, concertos, conferencias e espectáculos escénicos en directo.

Notas

Mostrar á cidadanía os resultados do traballo realizado ao longo do curso nas aulas teatrais dos tres campus da UVigo, á vez que achegar a cidade propostas escénicas chegadas desde outros países. Estes dous obxectivos conflúen na XV Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu), que se desenvolverá entre o 24 de abril e o 3 de maio, con cinco funcións con entrada libre no Teatro Principal, todas elas ás 20.30 horas.
A Sala Cloud do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) acollerá o vindeiro martes un novo taller do ciclo HumanIA UDC, organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDCe por dito centro. Baixo o título 'Perfís profesionais: Humanidades e IA', a experta en lingüística, tecnoloxía e diversidade, Cristina Aranda, cofundadora de Big Onion e Mujeres Tech, explicará as claves da cooperación entre perfís profesionais de cara ao futuro e presente da IA.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES