Notas de prensa

Galiciencia celebra o seu 10º aniversario cos espectáculos científicos e buscando mascota

A maior feira científica de Galicia, a Galiciencia, conmemora o seu 10º aniversario cun programa de espectáculos científicos que se difundirá nas catro provincias galegas durante tres meses. Ademáis, a Axencia Galega de Innovación, promotora do evento na Tecnópole, busca unha mascota oficial para representala entre os estudantes galegos.

Tecnópole celebra o décimo aniversario da maior feira científica de Galicia, a Galiciencia, cun amplo programa de actividades que deron comezo hoxe. O espectáculo científico celebrado no Parque Tecnolóxico de Galicia (Ourense) visitará doce localidades das catro provincias ao longo dos vindeiros tres meses, ao tempo que se abre o concurso para o deseño da mascota oficial do evento.

Tanto as actividades previas como a propia celebración da décima edición da Galiciencia, que se celebrará os días 18, 19 e 20 de novembro, contan coa colaboración da Consellería de Economía e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).

Durante a presentación do aniversario, o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, explicou que este ano a Galiciencia, “aínda que, como é habitual, terá o seu colofón coa celebración da feira en novembro, non durará tres días, senón nove meses”, en referencia ao extenso programa de actividades previas que se celebrarán por toda Galicia. “Para nós este é un ano moi especial. Queremos que esta siga sendo a maior feira científica de Galicia e que gocedes aprendendo”, díxolles aos estudantes.

O espectáculo, ao que asistiron 400 escolares de varias localidades de Ourense, aproveita a celebración do Ano Internacional da Luz, facendo un percorrido polas características da luz e polas tecnoloxías baseadas nelas, desde o microscopio ao LED pasando pola fibra óptica. Os estudantes tiveron ocasión de participar en experimentos sorprendentes deseñados para aprender a través da ciencia explicada de maneira amena e divertida.

Entre moitas outras cousas, os divulgadores científicos David Ballesteros e Carlos Pérez mostráronlles na práctica os fundamentos dos fogos artificiais, que se logran mesturando diferentes metais (bario, potasio, etc.) para lograr diferentes lonxitudes de onda e, en consecuencia, diferentes cores. Ademais, explicáronlles por qué un raio láser pode atravesar o aceite de oliva pero non o refresco de cola. E tamén grazas ao láser puideron proxectar unha gota de saliva tan aumentada que se podían apreciar as bacterias presentes nela.

Ata finais de maio, o espectáculo itinerará por vilas de toda Galicia: O Barco de Valdeorras e Verín, en Ourense; Monforte, Lugo e Viveiro, na provincia de Lugo; Ribeira, Padrón e Betanzos, en Coruña; e Pontevedra, A Guarda e Silleda, na provincia de Pontevedra. En todas as ocasións serán expostas as bases da Galiciencia para animar a participar a todos os colexios cos seus proxectos.

Desde mediados do mes de abril ata final de curso organizaráse tamén unha ducia de cursos especializados para profesores en centros de toda Galicia, co obxectivo de capacitalos no método científico, de maneira que poidan apoiar aos seus alumnos na preparación de proxectos para participar tanto na Galiciencia como noutros certames. As inscricións neste curso, que terá lugar en horario de tarde, xa están abertas.

Aproveitando a celebración deste aniversario, Tecnópole lanzará tamén un concurso para deseñar a mascota oficial do evento. Todos os escolares galegos poderán presentar entre abril e xuño as súas ideas e a proposta gañadora cobrará vida durante a celebración da feira.

Dez anos promovendo as vocacións científicas

A Galiciencia naceu en 2006 e foi crecendo e evolucionando ano tras ano ata converterse no evento de divulgación científica de referencia en Galicia. En total, arredor de 500 proxectos pasaron polo evento ao longo da última década, algúns dos cales resultaron despois gañadores de certames estatais e internacionais, e foron visitados por preto de 10.000 persoas.

A estrela da feira é a exposición de proxectos de investigación e innovación presentada por equipos de estudantes acompañados polos seus profesores. Logo do éxito da experiencia piloto iniciada o ano pasado, que supuxo a participación por primeira vez de proxectos de Primaria, na próxima edición daráselle cabida a propostas de todos os niveis educativos ata Bacharelato e FP.

Ademais, en todas as edicións celebradas ata o de agora os visitantes tiveron ocasión de participar en talleres e espectáculos, que en 2015 estarán relacionados co Ano Internacional da Luz e das Tecnoloxías baseadas na Luz.

O protagonismo dos escolares foi gañando terreo en todos os aspectos da Galiciencia co paso dos anos. De novo, serán eles os que deseñen a camiseta oficial e os que elaboren o vídeo e a revista da feira.

O obxectivo principal da Galiciencia é servir de punto de encontro para rapaces e rapazas de todas as idades con ideas innovadoras e con ganas de mostralas ao público nos stands que Parque Tecnolóxico de Galicia pon á súa disposición durante tres días en réxime de portas abertas. A posta en práctica do método científico, o traballo en equipo e o desenvolvemento de habilidades para expoñer os seus proxectos ao público son algunhas das aptitudes que os participantes melloran grazas a esta actividade.

A Galiciencia centra o programa de actividades de divulgación científica e promoción do espírito emprendedor da Tecnópole, no que tamén se inclúen as Aulas Tecnópole e o campamento tecnolóxico de verán T2W.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-03-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
Foto de la tercera plana (costa.jpg) A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ãngeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.

Notas

Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario.
A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES