Notas de prensa

Reivindícase a Carlos Casares como autor teatral en As laranxas máis laranxas de todas as laranxas

O CDG inaugura a súa temporada 2014-15 no Teatro Principal de Ourense, que o venres 3 de outubro acolle a primeira función para público familiar do espectáculo de teatro musical con dirección escénica do luso-brasileiro José Caldas.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, reivindicou a figura de Carlos Casares como autor teatral para público infantil e xuvenil durante a presentación no Teatro Principal de Ourense da estrea do espectáculo que o Centro Dramático Galego (CDG) realizou a partir da obra ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’.

O escenario ourensán acollerá tanto a primeira función xeral desta produción de teatro musical para todos os públicos, o venres 3 de outubro ás 20.30 horas, como o inicio da súa campaña escolar con dous pases matinais mañá mércores día 1 e o xoves día 2, aos que asistirán 700 alumnos e profesores de 13 centros educativos de toda a provincia.

Obra excepcional

En palabras do conselleiro, a montaxe coa que a compañía pública inaugura a súa temporada 2014-15 contribúe “á actualización nas nosas memorias da xenialidade de Casares, galego insigne de talento polifacético”, recuperando unha parte da súa obra “se cadra menos coñecida, pero igualmente excepcional, que é a que asinou como autor de teatro para público infantil e xuvenil”. Trátase, ademais, da única peza teatral do escritor ourensán, unha das primeiras obras fantásticas da literatura galega para rapaces e rapazas e todo un referente da nosa dramaturxia infantil.

O titular de Cultura e Educación quixo acompañar hoxe ao equipo artístico de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ –encabezado polo seu director escénico, o luso-brasileiro José Caldas– na presentación desta estrea, á que seguirán outras 38 funcións escolares e xerais en dez localidades galegas ata finais de ano. Asistiron tamén Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Olga Mojón, directora-xerente do Teatro Principal; Javier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares; Jacobo Sutil, director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais); e Manuel Guede Oliva, director do CDG.

Vázquez Abad dedicou unha mención especial aos seis actores e actrices que conforman o elenco de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ –Alba Blanco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde– como “representantes, e modelo tamén, das novas xeracións de intérpretes totais que se están a formar e a abrir camiño en Galicia”.

Os seis foron seleccionados entre os máis de 80 aspirantes que participaron nun proceso de audicións públicas, durante o que tiñan que demostrar as súas calidades como actores, cantantes e músicos. Desde o principio, o elenco implicouse, así mesmo, na elaboración do blog aslaranxasmaislaranxasdetodasaslaranxas.wordpress.com [nova venta] , desde o que o público puido seguir día a día o progreso dos ensaios, ademais de ter acceso a todo o material promocional e didáctico arredor desta proposta do CDG.

Nova ollada

Seguindo as indicación de José Caldas na dirección escénica e de Bernardo Martínez na musical, o elenco ofrécenos unha nova ollada sobre o texto de Casares e sobre o espectáculo que, a partir del, fora levado a escena pola compañía pública hai dez anos na que supuxo, ademais, a súa primeira incursión no ámbito do teatro para público infantil.

Esta recreación, para a que se recupera a escenografía e o vestiario deseñados no seu día pola portuguesa Marta Silva, constrúese a partir de novas achegas musicais e interpretativas que buscan ofrecer novos matices e dotar dunha maior profundidade aos personaxes creados por Carlos Casares. O espectáculo ideado por Caldas –quen conta con máis de 45 anos de traxectoria vinculada á escena brasileira e, fundamentalmente, portuguesa– reúne nun só acto todas as expresión artísticas, con elementos que van dende a traxedia grega ao teatro popular de rúa de Brasil e Portugal, pasando pola Comedia da Arte e ofrecendo tamén unha homenaxe ao mundo do circo.

Ao tempo, mantense fiel a toda a obra infantil de Casares, de xeito que esta versión teatral de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ integra de xeito harmonioso o conto ‘A galiña azul’, así como outros textos do escritor ourensán que se empregan nas letras das cancións compostas por Bernardo Martínez. Todos estes elementos contribúen a crear o mundo máxico e colorista que habitan Anxa e Elías, xunto á Veciña Sabida, a Veciña Desdentada, o Veciño Gordo e o Veciño da Escopeta, e no que teñen lugar unha serie de disparatados acontecementos que dan comezo cando do limoeiro da horta dos protagonistas abrollan unhas enormes laranxas.

Tres meses de xira

Tras a súa estrea en Ourense, o Centro Dramático Galego emprenderá unha xira de tres meses durante a que este espectáculo poderá verse en Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal, 5 e 6 de outubro), Narón (Pazo da Cultura, 12 de outubro), Pontevedra (Auditorio do Centro Social Afundación, 17 e 18 de outubro), Vigo (Teatro do Centro Cultural Afundación, 2 e 3 de novembro), Viveiro (Teatro Pastor Díaz, 12 e 13 de novembro), Tui (Teatro Municipal, 18 e 19 de novembro), O Barco de Valdeorras (Teatro Municipal Lauro Olmo, 21 de novembro), Rianxo (Auditorio Municipal, 3 de decembro), A Estrada (Teatro Principal, 5 de decembro) e Santiago de Compostela (Salón Teatro, do 9 ao 30 de decembro).

Destacan neste calendario as funcións concertadas con centros de Primaria e de Secundaria de toda Galicia como parte dunha intensa campaña escolar que, como salientou o conselleiro de Cultura e Educación, sitúase como “unha das accións máis eficientes, e ao tempo máis necesarias, desde o punto de vista da xestión pública cara á provisión de novos espectadores para o noso teatro”, ao tempo que contribúe a dar a coñecer a figura de Carlos Casares entre os máis pequenos.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-09-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
Foto de la tercera plana (costa.jpg) A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ãngeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.

Notas

Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario.
A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES