Notas de prensa

150 especialistas en galego falan en Madrid sobre literatura, identidade e exilio

As xornadas "Literatura galega: identidade, alteridade e exilio", organizadas polo Centro de Estudos Galegos e a UNED, congregaron en Madrid, na Facultade de Filoloxía da Universidade Complutense, a 150 especialistas que destacan as vantaxes da internacionalización dos estudos galegos.

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, clausurou en Madrid a parte académica das xornadas internacionais “Literatura galega: identidade, alteralidade e exilio”, que organizou o Centro de Estudos Galegos (CEG) da Universidade Complutense de Madrid –un dos 36 cos que conta a Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia- en colaboración coa UNED.

García Gómez destacou durante a súa intervención as vantaxes da crecente internacionalización dos estudos galegos ao afirmar que "o interese pola lingua e a cultura de Galicia medran cada día alén das nosas fronteiras e van consolidando un tecido investigador capaz de achegarnos novas e interesantes perspectivas que arrequecen o noso coñecemento de nós mesmos".

Acompañaron o secretario xeral no acto de clausura Carmen Mejía Ruíz, profesora da UCM e directora do Centro de Estudos Galegos de Madrid; Silvia Iglesia Recuero, vicerreitora de Estudos de Grao da UCM; e Xavier Frías Conde, profesor da UNED.

No encontro participaron, desde o xoves, máis de 150 estudosos e especialistas en lingua e literatura galegas, preto dun cento deles relatores e conferenciantes das xornadas, chegados de diferentes universidades españolas e estranxeiras adscritas tamén á Rede de Centros de Estudos Galegos da Consellería de Cultura e Educación.

Amais das sesións académicas, o programa das xornadas inclúe unha visita organizada ao Real Mosteiro do Escorial, onde os/as participantes terán oportunidade de achegarse de primeira man a códixes da literatura galega medieval, como por exemplo os que alí se gardan das Cantigas de Santa María de Afonso X O Sabio.

Xornadas Internacionais UCM-UNED 2014 ‘Literatura galega: identidade, alteridade e exilio’

As Xornadas Internacionais UCM-UNED 2014 "Literatura galega: identidade, alteridade e exilio", organizadas conxuntamente polo CEG de Madrid e mais pola UNED, cumpriron o obxectivo de facer unha posta en común das liñas de investigación que se están a desenvolver nos centros galegos das universidades do mundo e noutras institucións.

Estas xornadas internacionais incluíron na súa primeira xornada as conferencias “Literatura galega en Madrid: exótopos e belixerantes”, de Vicente Araguas (plenaria) e “Unha visión do Grupo Bilbao desde dentro. Mitos e realidades de case 20 anos de literatura galega en Madrid”, de Xavier Frías Conde, así como relatorios centrados en cultura e literatura no s. XIX, identidade galega no exilio, literatura e identidades, literatura galega e comparada, poética galega, música e literatura galega, o Grupo Bilbao, lingua e identidade e teatro e literatura galega. O xoves puxo o peche a presentación da antoloxía poética “Esferografías” (Lastura, 2014), do Grupo Bilbao, canda un recital poético.

A segunda xornada, que pechou hoxe a parte académica do encontro, abriuse coa plenaria de Xesús Alonso Montero “Un volume insólito na bibliografía antifranquista galega: Galicia hoy, coordinado (con pseudónimos) por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, editado por Ruedo Ibérico (París) e impreso en Buenos Aires (1966)”, á que seguiu a presentación de Madrygal. Revista de Estudios Gallegos 17 (2014). Seguíronas, ao longo da mañá de hoxe, relatorios centrados na Identidade galega no exilio, na actividade editorial contemporánea, na literatura galega de posguerra, nos estudos rosalianos, na lingua e literatura galega medieval, na literatura galega comparada e na literatura galega contemporánea. Xa pola tarde, continuou coa conferencia de Domingo Villar “A praia dos afogados, adaptación cinematográfica dunha obra literaria” e con relatorios sobre a identidade feminina na literatura, cine e literatura, literatura galega e comparada e escenografía, fotografía e industrias culturais.

Logo do acto de clausura oficial, no que participou o secretario xeral, púxolle o ramo no Paraninfo á parte académica un recitado musical de Samuel Diz á guitarra clásica galega.

Toda a información sobre o programa desenvolto en http://cegmadrid.wix.com/simposioucm-uned2014.

Proxección exterior da lingua e da cultura galegas

A través dos centros de estudos galegos e dos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolve importantes accións para favorecer a proxección exterior da lingua propia de Galicia e de investigación do galego en diferentes localidades españolas, así como en Alemaña, Arxentina, Brasil, Croacia, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido e Rusia.

A creación dos centros de estudos galegos enmárcase desde o punto de vista normativo na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que establece desenvolvemento das accións necesarias para a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial. Así mesmo, a provisión de prazas nos lectorados responde a un dos obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega fixados no ámbito da proxección exterior que incide en “consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-09-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (union-europea-bandeiras.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR), onde Galicia presentou 21 emendas a catro dos ditames sometidos a aprobación. Un dos máis relevantes para a comunidade foi o ditame sobre a ferramenta de facilitación transfronteiriza. Calcúlase que a eliminación do 20% das barreiras e obstáculos xurídicos e administrativos actuais entre rexións de fronteira na UE -entre as que se atopa Galicia, que conforma unha Eurorrexión xunto co Norte de Portugal- permitiría aumentar o seu PIB nun 2% e crear nelas ata un millón de empregos.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) InnovArt 24, o maior evento en Galicia de promoción e difusión das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas propicia o encontro entre as vocacións e os profesionais, e facilita que o alumnado de diferentes niveis educativos se familiaricen e tomen contacto cos eidos da arte dramática, as artes plásticas e deseño, a conservación e restauración de bens culturais, a danza, as ensinanzas deportivas, os idiomas e a música. A feira conta cunha zona de 4.100 m² no Museo Centro Gaiás, na que os visitantes poden participar en obradoiros de artes plásticas e deseño, traballos de conservación e restauración de bens culturais, actividades deportivas didácticas de música, arte dramática e danza, así como de idiomas. Tamén se ofrecen mostras e exhibicións das distintas ensinanzas, concertos, conferencias e espectáculos escénicos en directo.

Notas

Mostrar á cidadanía os resultados do traballo realizado ao longo do curso nas aulas teatrais dos tres campus da UVigo, á vez que achegar a cidade propostas escénicas chegadas desde outros países. Estes dous obxectivos conflúen na XV Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu), que se desenvolverá entre o 24 de abril e o 3 de maio, con cinco funcións con entrada libre no Teatro Principal, todas elas ás 20.30 horas.
A Sala Cloud do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) acollerá o vindeiro martes un novo taller do ciclo HumanIA UDC, organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDCe por dito centro. Baixo o título 'Perfís profesionais: Humanidades e IA', a experta en lingüística, tecnoloxía e diversidade, Cristina Aranda, cofundadora de Big Onion e Mujeres Tech, explicará as claves da cooperación entre perfís profesionais de cara ao futuro e presente da IA.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES