Notas de prensa

Estréase en Betanzos a obra As fabas máxicas, do programa FalaRedes

Estréase con éxito a súa segunda actividade, a obra de teatro As fabas máxicas. Fíxoo en Betanzos, onde este espectáculo comezou unha xira que entre abril e xuño o levará a 22 vilas da Rede de Dinamización Lingüística (RDL).

O programa de fomento do galego FalaRedes, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, vén de estrear con éxito a súa segunda actividade, a obra de teatro As fabas máxicas. Fíxoo en Betanzos, onde este espectáculo comezou unha xira que entre abril e xuño o levará en principio a 22 vilas pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, á espera de ampliar o calendario en colaboración coa Deputación da Coruña.

Logo dos éxitos colleitados ata o momento co concerto infantil-familiar Toc Toc, a terceira edición de FalaRedes amplía agora a súa programación con esta peza de Caramuxo Teatro tamén dirixida ao público familiar, nomeadamente á xente miúda, coa que persegue que a cativada se achegue á dramaturxia en galego por medio dunha obra de coidada estética na que o humor, a emoción e a palabra van da man.

A estrea desta nova proposta de ocio na nosa lingua foi moi ben acollida onte en Betanzos, onde os pequenos e as súas familias gozaron desta nova versión do coñecido conto infantil Xan e as fabas máxicas. Avalada por este primeiro éxito, hoxe o espectáculo chega ao tamén concello coruñés de Arzúa, onde terá lugar un pase na Casa da Cultura ás 18:00 horas. Coma sempre en FalaRedes, o acceso é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Teatro para nenos e nenas a partir de 4 anos

Dirixida a nenos e nenas a partir de 4 anos de idade, As fabas máxicas é un espectáculo contado en primeira persoa, no que o propio Xan nos narra a súa sorprendente historia coa axuda duns simpáticos monicreques e co galego como lingua.

Tras criarse na aldea con súa avoa, Xan vive agora de adulto nun apartamento de Nova York. Un día, coidando as plantas da súa terraza, descobre algo que lle fai lembrar unha infancia chea de aventuras.

O espectáculo de Caramuxo Teatro tamén chegará este mes de abril ás localidades coruñesas de Fene e Boimorto, mentres que en maio fará parada nos concellos de Lourenzá, Cerceda, Corcubión, O Rosal, Xove, Ordes, Brión, Val do Dubra, Noia e A Pobra do Caramiñal. Xa no mes de xuño, Xan e os monicreques de Caramuxo Teatro atoparanse coa veciñanza de Vilalba, Celanova, Tui, Lalín, Ponteceso, A Veiga, Cee e Pontedeume.

O Toc Toc continúa coa súa exitosa xira

Quen tamén continúa co seu itinerario polas localidades da RDL é o concerto Toc Toc do artista Pablo Díaz, que hoxe aterra no concello pontevedrés de Bueu (ás 19:00 horas no Centro Social do Mar) tras facer vibrar onte coa súa música a xente miúda da vila ourensá do Barco de Valdeorras.

Destinado a nenos e nenas de 3 a 10 anos de idade e ás súas familias, neste musical a cativada cántalle á alegría e á amizade, á vez que aprende valores como a paz ou o ecoloxismo, converténdose o concerto nunha festa na que a cativada baila e canta no noso idioma. A música actúa así como fonte de transmisión do galego promovendo que os pequenos sigan cantando as cancións tras finalizar a actividade.

O Toc Toc seguirá de xira en Semana Santa, cando chegará a Xinzo de Limia e a Vedra, visitando na última fin de semana de abril a localidade coruñesa de Ponteareas e as pontevedresas de Vilagarcía de Arousa e de Mos, nas que porá fin a unha exitosa xira que da man de FalaRedes 2014 o levará en exclusiva a 20 concellos da RDL.

FalaRedes

Logo do éxito obtido nas case 400 actividades desenvolvidas nos seus dous primeiros anos de vida, FalaRedes chega á súa terceira edición con 150 novas propostas de dinamización lingüística que buscan cumprir os obxectivos emananados do Plan xeral de normalización da lingua galega, nomeadamente aqueles que animan a promover o uso e a valoración positiva do galego na infancia, na mocidade e na familia, enchendo o seu tempo de lecer con actividades de calidade no noso idioma.

Ata finais de ano, FalaRedes 2014 chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da RDL, reforzando así a súa oferta de ocio na lingua propia de Galicia. A RDL é unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para unha mellor planificación e coordinación do fomento do noso idioma no eido da Administración local, e que na actualidade conta con preto de 160 entidades adscritas.

Máis información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes e nas redes sociais.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-04-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (emprego-oficina.jpg) Por que o universo dos activos dixitais semella un mundo masculino? Por que a maioría de ‘influencers’ do mundo cripto que saen á palestra son homes? Está equilibrada a proporción entre homes e mulleres nos consellos de administración das empresas? Estas son algunhas das preguntas ás que se deu resposta este luns na VI Xornada de igualdade de xénero e Dereito Mercantil, actividade dirixida desde a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo polas docentes Sara Louredo e Ana Mª Aido e para a que, nesta ocasión, se contou coa participación de dúas profesoras expertas en Dereito Mercantil: Vanessa Jiménez, da Universidad de Salamanca, e Josefina Boquera, da Universidad de Valencia.
Foto de la tercera plana (20240423-xunta.jpg) Un total de 23 os equipos de 19 colexios e institutos participaron no lanzamento de satélites elaborados por parte de centros educativos galegos no marco da fase autonómica do programa da Axencia Espacial Europea Cansat 2024, que se desenvolveu no aeródromo das Gaivotas, en Cerceda. A xornada desenvolveuse arredor de tres actividades: un obradoiro de foguetes químicos e de auga impartida polo alumnado do Centro Público Integrado O Cruce (Cerceda), unha exhibición de drons a cargo de Aeromedia e o lanzamento dos satélites. O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, acompañou os alumnos nesta xornada.

Notas

O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) da USC participa na organización do primeiro Congreso Internacional sobre Feminismos e Humor ‘HumorSofías’, que se desenvolverá os días 7 e 8 de maio na facultade compostelá de Filoloxía. A inscrición no encontro, organizado ademais pola Universidade Complutense de Madrid e o Middlebury College con financiamento da Deputación da Coruña, é gratuíta ate completar aforo.
Desde principios do ano 2023, persoal investigador das universidades de Vigo e Oviedo e da empresa EOSOL Ingeniería desenvolven o proxecto Antennas for Underground Communications. O seu obxectivo é proporcionar á Axencia Espacial Europea (ESA) o deseño conceptual dunha antena de comunicacións que poida funcionar no interior de covas da Lúa. A súa proposta vén de someterse con éxito a ensaios técnicos no campus de Ourense.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES