Notas de prensa

Cultura conmemora o 150º de Cantares Gallegos co programa Falaredes 2013

O secretario xeral de Política Lingüística presentou a iniciativa Rosalía Pequeniña, que chegará a 40 concellos da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. Coa iniciativa FalaRedes promóvese tamén a aprendizaxe e a valoración social da lingua en que se escribiron.

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación, Valentín García, presentou “Rosalía Pequeniña”, unha nova acción das cinco que integran este ano o programa de dinamización lingüística “FalaRedes 2013”. Fíxoo acompañado por Xulio Amigo, representante da empresa encargada da xestión da actividade, a editorial Galaxia, e mais por Uxía Senlle, compositora e intérprete das cancións que compoñen o espectáculo.

Valentín García expresou a súa satisfacción polo feito de que a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) se sume con esta iniciativa á conmemoración do 150.º aniversario da publicación de Cantares gallegos, obra fundacional do Rexurdimento da lingua propia de Galicia a partir do século XIX. “Con Rosalía pequeniña”, afirmou, “miramos cara ao pasado, pero tamén cara ao presente e cara ao futuro, pois cumprimos o dobre obxectivo de honrarmos unha das nosas máis grandes figuras literarias e mais o de transmitírmoslles aos nenos e nenas unha imaxe positiva e actual da lingua galega”. Neste sentido, o secretario xeral de Política Lingüística quixo destacar que “Rosalía pequeniña” está pensada para que os cativos canten en familia, durante e despois do concerto, textos en galego interpretados a ritmo de muiñeira, pero tamén de rock, de balada ou de blues.

Música para transmitir o galego en familia

“Rosalía pequeniña” consta de corenta concertos nos que a coñecida cantante Uxía Senlle, acompañada polo músico Sérgio Tannus, interpretará para nenos e nenas diversos textos rosalianos musicados con melodías pegadizas, variadas e actuais. Os cativos gozarán dunha actividade agradable en familia que se desenvolverá en lingua galega e poderán continuar cantando no noso idioma unha vez que baixe o pano. Deste xeito, dáselles aos pais e nais unha nova ferramenta musical para usaren, aprenderen e transmitiren a lingua galega ás novas xeracións.

Os 40 concertos con entrada libre programados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística desenvolveranse a partir desta fin de semana nas seguintes localidades da RDL: na provincia da Coruña, A Baña, Betanzos, Brión, Cariño, Carnota, Dodro, Dumbría, Fene, Ferrol, Laxe, Lousame, Miño, Neda, Ponteceso, Sobrado dos Monxes, Teo, Toques e Val do Dubra; na provincia de Lugo, Carballedo, Palas de Rei, A Pobra de Brollón, A Pontenova, O Vicedo e Xove; en Ourense, Melón, Pontedeva e Xunqueira de Espadanedo e, en Pontevedra, Baiona, Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo, Cuntis, Forcarei, A Lama, Marín, Mondariz-Balneario, Mos, Ponteareas, Pontecesures e Tui.

Esta fin de semana terá lugar o primeiro concerto en Pontecesures, ás 18:00 horas no Centro Social (Camiño de San Xulián, 4).

Rede de Dinamización Lingüística

A RDL é un espazo de colaboración a prol da lingua galega no ámbito local impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Son xa máis de 150 as entidades que a integran, nomeadamente concellos das catro provincias galegas, pero tamén deputacións, fundacións ou organismos coma o Consello da Cultura Galega.

O seu obxectivo último é favorecer a visibilidade social, o prestixio e o uso da lingua galega grazas a un marco estable de cooperación entre as administracións local e autonómica para a promoción planificada do noso idioma. A RDL programa accións conxuntas e, polo tanto, máis amplas e eficaces, ademais de constituírse nun espazo para compartir experiencias, materiais e información.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-05-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

O XX aniversario do Festival Arteficial segue collendo forma de xeito inmellorable. Tras os encontros e concertos celebrados a finais de mayo na provincia de Ourense, a organización fai un balance extraordinario da acollida do público. Cidades e espazos singulares como Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e, de forma moi especial, a Granxa D'Outeiro, foron as testemuñas do éxito absoluto destas presentacións.
Dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo central do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, no que participan 17 institucións e entidades destes dous países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES