Notas de prensa

Aumenta 30 puntos nos dous últimos anos o uso do software libre nas empresas galegas

Os estudos constatan que existe un amplo conxunto de provedores galegos de Software Libre, e que están a aliñar a súa oferta coa demanda crecente deste tipo de produtos e servizos.

O Software Libre está presente no 63,6% das pemes galegas, cun crecemento de 30 puntos porcentuais con respecto entre os anos 2008 e 2010. Así se recolle en dous informes: un sobre o uso do Software Libre nas pemes, e outro específico sobre Software Libre nas empresas informáticas de Galicia, elaborados polo Observatorio para a Sociedade da Información de Galicia (Osimga) e que foron presentados pola secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira.

Oferta e demanda aliñadas

Os estudos do Osimga sinalan que preto do 60% das empresas informáticas de Galicia que ofertan produtos ou servizos de software aos seus clientes ofrecen produtos de software libre, incrementando esta oferta en máis dun 15% no período 2008-2010. Estes datos poñen de manifesto que existe un amplo conxunto de provedores galegos de software libre, e que están a aliñar a súa oferta coa demanda crecente deste tipo de produtos e servizos, o que demostra a boa lectura do mercado que está a facer o sector TIC galego

Valoración positiva

A responsable de Modernización destacou entre os datos do informe que o 35% das empresas que aínda non empregan Software Libre consideran que usalo sería beneficioso para elas. Ademais, o 53,4% das empresas galegas opina que o uso de Software Libre se incrementará e o 58,2% valora positivamente os produtos de Software Libre.

Por outra banda, as pemes galegas que xa empregan Software Libre expresan unha alta satisfacción co seu uso (de media, 7 puntos sobre 10), practicamente parella coa satisfacción que teñen co software propietario que utilizan. No caso das empresas TIC galegas, este nivel de satisfacción é de 8 puntos sobre 10, case un 10% superior á satisfacción destas co software propietario.

Para Mar Pereira estes datos "confirman que as empresas galegas xa perciben o Software Libre como un software que achega solucións aos seus negocios e que este tipo de software xa forma parte da cultura xeral destas sobre as TIC, e que conta cun elevado ritmo de introdución en pemes de todos os sectores."

Neste sentido, a secretaria xeral destacou que a Administración autonómica considera que existe unha oportunidade de negocio na posta a disposición do empresariado galego de solucións baseadas en Software Libre, e que os produtos e servizos arredor do mesmo constitúen solucións de contrastada calidade, e eficientes dende o punto de vista de investimento en TIC.

O software libre na Administración autonómica

Por outra parte, Mar Pereira recordou que a Xunta está a impulsar e dando a coñecer proxectos baseados en Software Libre e está a apostar por eles en proxectos de calado. Ademais de contar cun Plan específico de fomento do Software Libre con 120 accións, a Xunta emprega solucións de software libre en iniciativas de gran transcendencia como o Proxecto Abalar, co que se está a formar ás futuras xeracións e profesionais en contornos de traballo integramente en Software Libre e chegará que este ano a 31.500 alumnos de ao redor de 1.500 aulas da comunidade educativa galega.

Ademais, a secretaria xeral destacou que se está a fomentar a dispoñibilidade dunha oferta formativa en ferramentas libres dirixida á cidadanía galega no seu conxunto. No ámbito profesional e empresarial, a través do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia que impartiu no último curso académico un 53% da súa formación sobre tecnoloxías ou metodoloxías libres. A mesma liña se está a seguir na formación dixital que se imparte nas 94 aulas de CeMIT, dende as que se traballa para achegar a tecnoloxía a toda a sociedade e que está equipada con sistemas operativos, solucións e ferramentas informáticas baseadas en Software Libre,

En canto ao sector empresarial, Mar Pereira recordou a posta en marcha en xuño deste ano do Centro Demostrador TIC, que ten o obxectivo de facilitarlles ás empresas Tecnolóxicas os medios para dar a coñecer a súa oferta de produtos e servizos a outros sectores produtivos e onde o software libre ocupa un espazo relevante.

Comisión Executiva de CENATIC en Santiago

Na rolda de prensa interviñeron tamén o director xeral de entidade pública estatal red.es, Carlos Cano, e o director xeral de CENATIC, Miquel Jaque, que acudiron á comisión executiva do Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en Fontes Abertas (CENATIC), que se celebrou hoxe por primeira vez en Santiago de Compostela. Galicia incorporouse o pasado mes de febreiro ao Padroado de CENATIC, entidade que ten entre os seus obxectivos principais promover o coñecemento e difusión do software libre na Administración e nos diferentes sectores produtivos

Durante a súa intervención, o director xerente do CENATIC, Miguel Jaque, agradeceu a aposta que o Goberno galego está a realizar en favor do software libre en xeral, así como "o carácter impulsor da súa presenza no Padroado de CENATIC". O directivo do Centro Nacional de Referencia afirmou que os datos mostrados hoxe pola Xunta confirman a tendencia recollida polo INE a nivel de todo o estado, que mostran o enorme avance no uso de software libre por parte das empresas en España, e o importante papel que teñen as tecnoloxías libres na mellora tecnolóxica da empresa española.

Jaque afirmou que este aumento da tecnificación mellorará a súa competitividade "e para que sigan crecendo en eficiencia e independencia tecnolóxica, tamén poñemos á súa disposición o Programa de Mellora da Competitividade da Empresa TIC, presentado hoxe en Santiago. Este programa, que pode coñecerse máis en profundidade en http://mce.cenatic.es é un instrumento a disposición da empresa TIC que queira mellorar a súa oferta de produtos e servizos baseados en software libre”.

Pola súa banda o director xeral de red.es, Carlos Cano, afondou na necesidade de apostar pola tecnoloxía e sinalou que a nosa mellor opción para crecer nun mundo difícil, e nunha economía global en crise, é a innovación: gañar en produtividade naqueles sectores nos que participamos. E as TIC, son a mellor ferramenta para gañar esa necesaria competitividade. Somos un sector chave e temos que estar á altura do que se espera de nós"

Galicia no CENATIC

Galicia incorporouse en febreiro para que o Goberno galego teña voz e voto na entidade na que se toman as decisións estratéxicas para o fomento do Software Libre a nivel estatal. Ademais de Galicia no Padroado de CENATIC están tamén as comunidades autónomas de Andalucía, Asturias, Aragón, Cantabria, Cataluña, Illes Balears e Pais Vasco así como a empresa Telefónica.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-09-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (setecidades-setesabores.jpg) Os chefs representantes de cada cidade son: Adrián Pérez de Sinxelo (Ferrol); Carlos Montes de La Sifonería Gastrobar (A Coruña); Rodrigo Seoane de ArteSana Gastrobar (Santiago de Compostela); Rubén González de El Cafetín de La Alameda (Pontevedra); Rebeca Guede de La Orensana (Vigo); Beatriz Alcalá de La zapatería del abuelo (Ourense) e Jose Luis Pardo de El Boni (Lugo). Os sete cociñeiros competirán por dous galardóns e serán outorgados por un xurado profesional e outro popular, integrado polos invitados á gala, que utilizará un sistema de televotación. Todos eles valorarán cada tapa segundo a súa complexidade técnica, creatividade, presentación e sabor.
Foto de la tercera plana (trens-turisticos-2026.jpg) Presetouse a segunda parte da campaña de Trens Turísticos de Galicia, que inician estee sábado 6 de xuño unha nova quenda de viaxes coas saídas da Ruta dos Faros e a da Ribeira Sacra polo Sil. Os trens que inician saída neste mes son o das Rutas dos Faros (con saídas 6 e 20 de xuño, 4 e 18 de xullo, 29 de agosto e 26 de setembro, todas vendidas); os da Ribeira Sacra polo Sil (6 e 27 de xuño e 11 de xullo, xa vendidas; e 1 e 22 de agosto e 12 de setembro, aínda con prazas á venda); a da Ribeira Sacra polo Miño (13 de xuño, esgotadas, e 5 e 26 de setembro); e a dos Mosteiros (20 de xuño -xa vendidas- e 25 de xullo). O programa de Trens Turísticos de Galicia é unha iniciativa de Turismo de Galicia, en colaboración con Renfe e o INORDE. En total, en 2026 realizaranse 13 rutas e 33 saídas, cunha ruta -a da Camelia- xa realizada.

Notas

A USC será do 10 ao 12 de xuño o punto de encontro da comunidade universitaria dedicada á Tecnoloxía Educativa co desenvolvemento das XXXIII Xornadas Universitarias de Tecnoloxía Educativa (JUTE 2026). O congreso, que reúne profesorado, persoal investigador e estudantado de universidades de toda España e do estranxeiro, regresa á Facultade de Ciencias da Educación baixo o lema ‘Alfabetización Dixital Crítica para unha Convivencia Híbrida’.
O Centro de Investigación Mariña da UVigo celebrou a súa primeira década de existencia, na que se consolidou como un dos polos científicos máis dinámicos do sistema galego integrado na Rede Cigus e como un referente no arco atlántico europeo. Foi nun acto institucional que tamén serviu para conmemorar os 20 anos da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, unha infraestrutura singular que forma parte da rede europea EMBRC e que dá soporte a unha comunidade científica de máis de 200 investigadores dedicados ao estudo do océano.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES