Notas de prensa

Preséntase en Bos Aires (Arxentina) o Plan Integral da Emigración 2011-2013

O Secretario da Emigración presentou aos presidentes dos centros galegos e á prensa en Arxentina o contido deste documento estratéxico do Goberno galego. O Plan define 5 áreas de actuación, e establece 13 liñas prioritarias, 36 programas e 17 estratexias.

O Secretario Xeral da Emigración, Santiago Camba, vén de presentar en Bos Aires o Plan Integral da Emigración 2011-2013. En primeiro lugar fíxoo público ante os representantes dos centros galegos da República Arxentina e, posteriormente, ante a prensa da colectividade.

Santiago Camba asegurou que o Goberno galego “quixo presentar este plan no exterior antes de presentalo na propia Galicia”, posto que os principais afectados e beneficiados serán os galegos residentes fóra do territorio galego. Neste sentido, asegurou que é “grazas á emigración” que Galicia se ten convertido en “universal” sendo xa “máis un concepto –que onde hai un galego está Galicia- que unha terra”.

Neste contexto, o Secretario da Emigración expuxo que dado que “o ciclo migratorio está concluído, que se rexistra un incremento das segundas e terceiras xeracións de galegos residentes noutras terras e que é preciso afondar na proxección exterior ou internacional de Galicia”, o seu departamento trazou este Plan Integral da Emigración para actuacións ata 2013.

O Plan estrutúrase a través de 5 áreas definidas, que son a atención socio-asistencial aos galegos residentes no exterior, a concepción e desenvolvemento da galeguidade, a sociedade do coñecemento na diáspora, xuventude e muller, e atención e planificación do retorno (que inclúe a redacción dunha Lei do Retorno, agora en fase de anteproxecto). Establécense 13 liñas de actuación prioritarias, 36 programas a desenvolver, e 17 accións estratéxicas.

Trece eixos

Entre as trece liñas de acción prioritarias, Santiago Camba salientou especialmente as de xuventude, “para incluílos á vida activa das entidades”, a de muller “para consolidar a súa inclusión á participación nas entidades e nos órganos de decisión da colectividade” e o do incremento da eficacia e actividades dos centros galegos. Na súa opinión, en moitos casos estas entidades se atopan envellecidas e “corren risco de desaparecer se non se reactivan as súas directivas, obxectivos e funcións na sociedade actual”. “Hai que camiñar cara á fusión de centros e deseñar unhas entidades galegas de cara ao futuro”, argumentou Camba.

Entre as trece liñas de acción prioritarias, tamén destaca o mantemento e potenciación dos programas de axudas económicas individuais a galegos residentes no exterior; do Programa Reencontros; do de axuda socio-asistencial a galegos residentes no exterior en situación de precariedade a través de axudas directas a centros ou comunidades galegas no exterior; de actuacións en favor das comunidades galegas no exterior; ou o de apoio infraestrutural ás comunidades galegas no exterior

Outras liñas son a intensificación dos programas de escolas abertas presenciais destinados a cidadáns galegos residentes no exterior; os seminarios de baile-música e cociña tradicional galega dirixido ás entidades galegas no exterior; os cursos preparatorios de lingua galega, para os niveis CELGA e de extensión cultural, destinados a galegos residentes no exterior e persoas interesadas no idioma e a cultura de Galicia; programas de axudas e subvencións destinadas ás entidades galegas no exterior para a realización de proxectos promovidos pola xuventude; e bolsas para cidadáns galegos no exterior coa fin de realizaren estudos universitarios oficiais e de formación profesional.

Finalmente, completan o paquete desas 13 medidas prioritarias establecidas no Plan Integral da Emigración 2011-2013 o programa de axudas para a participación en actividades de campamentos e campos de traballo (dirixido a mozos de orixe galega ou descendentes de galegos que residan no exterior); as subvencións dirixidas a entidades galegas no exterior para realizar accións de información, orientación e asesoramento para emigrantes galegos con vontade de retornar; e as axudas extraordinarias a emigrantes galegos e aos seus familiares.

Mantemento de accións socio asistenciais e nova Lei de Galeguidade

Santiago Camba anunciou ademais que o Goberno galego está a traballar para manter as accións socio asistenciais destinadas á emigración posto que “os recortes en políticas sociais repercuten sempre nos sectores máis febles”. Así mesmo, durante a rolda de prensa, avanzou que o departamento que dirixe está a traballar no borrador da nova Lei de Galeguidade, para “achegala aos novos tempos” e polo que se abrirá unha rolda de consultas con institucións e a sociedade no seu conxunto co obxectivo de incorporar ideas e propostas, na medida do posible.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-06-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (setecidades-setesabores.jpg) Os chefs representantes de cada cidade son: Adrián Pérez de Sinxelo (Ferrol); Carlos Montes de La Sifonería Gastrobar (A Coruña); Rodrigo Seoane de ArteSana Gastrobar (Santiago de Compostela); Rubén González de El Cafetín de La Alameda (Pontevedra); Rebeca Guede de La Orensana (Vigo); Beatriz Alcalá de La zapatería del abuelo (Ourense) e Jose Luis Pardo de El Boni (Lugo). Os sete cociñeiros competirán por dous galardóns e serán outorgados por un xurado profesional e outro popular, integrado polos invitados á gala, que utilizará un sistema de televotación. Todos eles valorarán cada tapa segundo a súa complexidade técnica, creatividade, presentación e sabor.
Foto de la tercera plana (trens-turisticos-2026.jpg) Presetouse a segunda parte da campaña de Trens Turísticos de Galicia, que inician estee sábado 6 de xuño unha nova quenda de viaxes coas saídas da Ruta dos Faros e a da Ribeira Sacra polo Sil. Os trens que inician saída neste mes son o das Rutas dos Faros (con saídas 6 e 20 de xuño, 4 e 18 de xullo, 29 de agosto e 26 de setembro, todas vendidas); os da Ribeira Sacra polo Sil (6 e 27 de xuño e 11 de xullo, xa vendidas; e 1 e 22 de agosto e 12 de setembro, aínda con prazas á venda); a da Ribeira Sacra polo Miño (13 de xuño, esgotadas, e 5 e 26 de setembro); e a dos Mosteiros (20 de xuño -xa vendidas- e 25 de xullo). O programa de Trens Turísticos de Galicia é unha iniciativa de Turismo de Galicia, en colaboración con Renfe e o INORDE. En total, en 2026 realizaranse 13 rutas e 33 saídas, cunha ruta -a da Camelia- xa realizada.

Notas

A USC será do 10 ao 12 de xuño o punto de encontro da comunidade universitaria dedicada á Tecnoloxía Educativa co desenvolvemento das XXXIII Xornadas Universitarias de Tecnoloxía Educativa (JUTE 2026). O congreso, que reúne profesorado, persoal investigador e estudantado de universidades de toda España e do estranxeiro, regresa á Facultade de Ciencias da Educación baixo o lema ‘Alfabetización Dixital Crítica para unha Convivencia Híbrida’.
O Centro de Investigación Mariña da UVigo celebrou a súa primeira década de existencia, na que se consolidou como un dos polos científicos máis dinámicos do sistema galego integrado na Rede Cigus e como un referente no arco atlántico europeo. Foi nun acto institucional que tamén serviu para conmemorar os 20 anos da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, unha infraestrutura singular que forma parte da rede europea EMBRC e que dá soporte a unha comunidade científica de máis de 200 investigadores dedicados ao estudo do océano.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES