Notas de prensa

o Claustro da USC aproba un orzamento de 245,9 millóns de euros para 2009

A Universidade compostelana investirá doutores honoris causa a Jacques Delors, Cesare Segre, D. A. Watson e D. J. W. Cronin. Así o acordou o Claustro que tamén aprobou as súas Liñas Xerais do Orzamento para 2009, por 245,9 millóns.

O Claustro da USC aprobou as súas Liñas Xerais do Orzamento para 2009, cun importe de 245,9 millóns de euros e un incremento do 3,4 por cento con respecto ao exercicio anterior. Na votación, as liñas xerais obtiveron 100 votos a favor, 23 en contra e 2 en branco. Trátase, segundo o vicerreitor de Economía e Financiamento, Miguel Vázquez Taín, dun “orzamento contido” que segue a decorrer “nun xa longo período de transición” entre a fase de recondución da situación económica e “a adecuada atención ás necesidades e retos que temos por diante”.

O “moderado incremento” ten a súa orixe principalmente na evolución dos recursos derivados do Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego, cuxas partidas medran un 3,2 por cento. Neste senso e a pesar do avance experimentado dende 2005, o esforzo investidor da Comunidade Autónoma situarase en 2009 ao redor do 0,71 por cento do PIB, “moi lonxe do obxectivo comprometido polo propio goberno” e “máis lonxe aínda da realidade financeira das universidades do Estado español” onde en moitos casos o financiamento autonómico se sitúa por riba do 1 por cento.

Titulacións oficiais

Os criterios polos que deberán rexerse as propostas das novas titulacións quedaron tamén aprobados na xuntanza do Claustro, no que se deu o visto bo –con 86 votos a favor, 19 en contra e 14 brancos- ás Liñas xerais para a elaboración dos novos títulos oficiais.

No que respecta aos graos, as titulacións deberán adscribirse a unha das cinco novas ramas de coñecemento: Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura. Para a obtención do título os planos de estudo constarán de 240 créditos ECTS, non superando nunca os 276 unha vez que se lle sumen os optativos. O documento aprobado fixa a extinción das actuais titulacións, como moi tarde, no curso 2010-2011.

Pola súa banda, os Másters Oficiais terán entre 60 e 120 créditos, mentres que os programas de doutoramento incluirán dous períodos diferenciados, o primeiro de formación de alomenos 60 créditos e un segundo de investigación encamiñado a presentar a tese.

Informe do reitor

Previo ao debate dos orzamentos, o reitor deu lectura ao seu informe no que deu conta da actividade universitaria e daqueles aspectos máis relevantes que aconteceron neste último ano na USC. Comezou anunciando que a USC está xa a traballar nun novo Plano Estratéxico ‘USC Horizonte 2015’ “que esperamos que remate co debate no Claustro na primeira metade do próximo ano”.

Falou tamén da matrícula de estudantes, “que por primeira vez en máis dunha década aumentou no seu número total” e cuxa previsión é chegar aos 30.000, con case dous terzos de mulleres.

Con respecto ao Espazo Europeo de Educación Superior, e en concreto á oferta de Graos da USC, informou de que dous xa se están impartindo; sete máis foron aprobados polo Consello de Goberno; outros tantos informados pola Comisión de Titulacións; seis máis aprobados polas respectivas Xuntas de Centro, aos que hai que sumar outros catro anteproxectos próximos a súa aprobación. A oferta actual de posgrao oficial inclúe 29 másters, dos que dez son de nova implantación.

Novos honoris causa

Na xuntanza o Claustro decidiu ratificar a proposta de tres novos doutores honoris causa. Ao que foi presidente da Comisión Europea entre 1985 e 1995, Jacques Delors; ao catedrático e profesor emérito da Universidade de Pávia, Cesare Segre, impulsor do doutoramento europeo en Filoloxía Románica; e aos profesores eméritos das universidades de Leeds e Chicago, D.A. Watson e D.J.W Cronin, respectivamente, promotores do macro experimento Pierre Auger no que a USC lidera a participación española.

Renovación de comisións

Por último, na xuntanza renováronse os integrantes da Mesa do Claustro e das Comisións Electoral Central, Normalización Lingüística, Organización Docente, Investigación, Asuntos Económicos, Actividades Culturais, Desenvolvemento Estatutario e Titulacións e Programas de Estudo, así como os representantes do Claustro no Consello de Goberno.

Gabinete de Comunicación da USC, 2008-12-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (setecidades-setesabores.jpg) Os chefs representantes de cada cidade son: Adrián Pérez de Sinxelo (Ferrol); Carlos Montes de La Sifonería Gastrobar (A Coruña); Rodrigo Seoane de ArteSana Gastrobar (Santiago de Compostela); Rubén González de El Cafetín de La Alameda (Pontevedra); Rebeca Guede de La Orensana (Vigo); Beatriz Alcalá de La zapatería del abuelo (Ourense) e Jose Luis Pardo de El Boni (Lugo). Os sete cociñeiros competirán por dous galardóns e serán outorgados por un xurado profesional e outro popular, integrado polos invitados á gala, que utilizará un sistema de televotación. Todos eles valorarán cada tapa segundo a súa complexidade técnica, creatividade, presentación e sabor.
Foto de la tercera plana (trens-turisticos-2026.jpg) Presetouse a segunda parte da campaña de Trens Turísticos de Galicia, que inician estee sábado 6 de xuño unha nova quenda de viaxes coas saídas da Ruta dos Faros e a da Ribeira Sacra polo Sil. Os trens que inician saída neste mes son o das Rutas dos Faros (con saídas 6 e 20 de xuño, 4 e 18 de xullo, 29 de agosto e 26 de setembro, todas vendidas); os da Ribeira Sacra polo Sil (6 e 27 de xuño e 11 de xullo, xa vendidas; e 1 e 22 de agosto e 12 de setembro, aínda con prazas á venda); a da Ribeira Sacra polo Miño (13 de xuño, esgotadas, e 5 e 26 de setembro); e a dos Mosteiros (20 de xuño -xa vendidas- e 25 de xullo). O programa de Trens Turísticos de Galicia é unha iniciativa de Turismo de Galicia, en colaboración con Renfe e o INORDE. En total, en 2026 realizaranse 13 rutas e 33 saídas, cunha ruta -a da Camelia- xa realizada.

Notas

A USC será do 10 ao 12 de xuño o punto de encontro da comunidade universitaria dedicada á Tecnoloxía Educativa co desenvolvemento das XXXIII Xornadas Universitarias de Tecnoloxía Educativa (JUTE 2026). O congreso, que reúne profesorado, persoal investigador e estudantado de universidades de toda España e do estranxeiro, regresa á Facultade de Ciencias da Educación baixo o lema ‘Alfabetización Dixital Crítica para unha Convivencia Híbrida’.
O Centro de Investigación Mariña da UVigo celebrou a súa primeira década de existencia, na que se consolidou como un dos polos científicos máis dinámicos do sistema galego integrado na Rede Cigus e como un referente no arco atlántico europeo. Foi nun acto institucional que tamén serviu para conmemorar os 20 anos da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, unha infraestrutura singular que forma parte da rede europea EMBRC e que dá soporte a unha comunidade científica de máis de 200 investigadores dedicados ao estudo do océano.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES