Notas de prensa

Via Stellae 2008 ofrece 85 concertos en 35 vilas dos oito camiños xacobeos

Presentada a programación do III Festival de Música de Compostela e os seus Camiños, ao que a Xunta destina 1,2 millóns de euros. O certame incorpora o ciclo Via Stellae 20/21, con música destes dous séculos e os creadores galegos contemporáneos.

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Xabier Blanco Ãlvarez presentou en Santiago a terceira edición do “Vía Stellae, o Festival de Música de Compostela e os seus Camiños” que dende o 2006 organiza o departamento autonómico a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e que este ano vaise desenvolver entre o 4 e o 23 de xullo. No acto de presentación desta programación cultural estival estiveron presentes tamén o xerente do Xacobeo, Ignacio Rodríguez Eguíbar; o tenente de alcalde do Concello de Santiago, Néstor Rego; e mais o director do festival, José Víctor Carou.

O festival de música Vía Stellae acadou en anteriores edicións un notable recoñecemento entre o público e a prensa especializada e, cun orzamento de 1,2 millón de euros, este ano preséntase coa ollada posta no Xacobeo 2010, ano no que a Consellaría pretende duplicar a programación ofertada. O centro da programación desenvólvese en Santiago de Compostela pero o Vía Stellae tamén espalla as súas actividades polas cidades e vilas galegas situadas nas oito rutas de peregrinación que conducen a Compostela. Os Camiños de Santiago, como vías centenarias de intercambio cultural, constitúen unha vez máis un contorno privilexiado que, nun total de 85 concertos, servirá como punto de encontro para músicos de primeiro nivel internacional.

Posta en valor do patrimonio xacobeo

Como en anteriores edicións, os lugares que van acoller os concertos serán unha combinación de espazos pensados en orixe para acoller espectáculos e edificios singulares, como igrexas e recintos de alto valor arquitectónico do Camiño. Con esta idea preténdese pór en valor o patrimonio das rutas xacobeas. O Vía Stellae está a destacar no panorama estatal e europeo como un dos festivais que conta con intérpretes de máis alta categoría. Este ano, ademais de seguir contando con destacados directores como Marc Minkowski, John Elliot Gardiner, Rinaldo Alessandrini, Andrea Marcon ou Giovanni Antonini, o Vía Stellae incorpora novos nomes: Martín Gester, Philip Pickett, Federico María Sardelli ou Daniel Harding son algúns dos novos directores que visitarán Galiza coa súa música. Moitos deles ofrecen durante o festival concertos en exclusiva para o Estado e tamén concertos preparados en exclusiva para o Vía Stellae.

O Vía Stellae acolle ademais, nesta a súa terceira edición, a presentación mundial da nova agrupación inglesa Magdalena Consort, dirixida polo especialista Peter Harvey e que revisa a interpretación das obras de Bach; deste xeito, a formación ofrecerá o seu primeiro concerto en Santiago.

O Barroco –con epicentro en Bach e con outros compositores como Vivaldi ou Händel, de quen o vindeiro ano se cumpren os 250 anos da súa morte e a quen se lle dedicará un programa especial– continúa a ser o eixe central do festival pero a súa programación tamén se verá enriquecida con música contemporánea, antiga, do clasicismo ou do romanticismo.

O festival promovido por Innovación e Industria abre nesta edición novas canles de colaboración e así, 5 dos seus proxectos gravaranse en CD durante o festival. Deste xeito gravaranse a Misa en si menor de Bach dirixida por Minkowski e o concerto para violín de Tchaikovski interpretado por Janine Jansen e a Mahler Chamber Orchestra, respectivamente; así como os programas de Mónica Piccinini e Manuel Vilas, de Mercedes Hernández e Fernando Reyes, e o de Marta Infante e a nova agrupación Ars Atlántica.

Ademais de continuar cos programas Concertos Express (breves sesións de 30 minutos de música en claustros de Compostela) e Música e Arte (concertos que inclúen visitas guiadas a espazos arquitectónicos singulares), este ano o festival presenta unha novidade, o “Vía Stellae 20/21”, un ciclo de seis concertos dedicados á música destes séculos, á música contemporánea, aos clásicos do século XX, ás vangardas e aos creadores galegos actuais. Autores como Bal y Gay, Paulino Pereiro ou unha xornada dedicada a Gaos, Quiroga e Juan Durán, son exemplos da presenza dos compositores galegos compartindo cartel cos clásicos internacionais. De igual xeito, o programa inclúe a participación dos intérpretes galegos como o pianista Nicasio Gradaílle, o saxofonista Pablo Coello ou os integrantes do recentemente fundado Ensemble s21.

A Consellaría quere garantir a accesibilidade a esta ampla oferta con entradas e abonos a prezos populares, polo que unha grande porcentaxe de concertos (o 90%) dos concertos do Vía Stellae son de entrada libre e o resto terán entradas e abonos a prezos populares.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, 2008-05-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

O XX aniversario do Festival Arteficial segue collendo forma de xeito inmellorable. Tras os encontros e concertos celebrados a finais de mayo na provincia de Ourense, a organización fai un balance extraordinario da acollida do público. Cidades e espazos singulares como Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e, de forma moi especial, a Granxa D'Outeiro, foron as testemuñas do éxito absoluto destas presentacións.
Dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo central do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, no que participan 17 institucións e entidades destes dous países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES