Notas de prensa

A USC recupera a primeira edición de La casa de la Troya

Reeditada a novela de Alejandro Pérez Lugín que mostra a Galicia de finais do XIX vista por un mozo madrileño obrigado a estudar Dereito na lúgubre e chuviosa Compostela. A revisión correspóndelle á investigadora da USC María Ángeles Gómez Abalo.

O Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC acaba de publicar unha nova edición de La casa de la Troya, novela de Alejandro Pérez Lugín que mostra a Galicia de finais do XIX vista por un mozo madrileño obrigado a estudar Dereito na lúgubre e chuviosa Compostela. A revisión correspóndelle á investigadora da USC María Ángeles Gómez Abalo.

A USC recupera con esta obra a primeira edición de La Casa de la Troya. Estudiantina (Madrid, Librería de la Viúda de Gregorio Pueyo) dado que, como explica a responsable deste novo texto, ata os nosos días se tiña perpetuado nas librarías a 48 edición -a última revisada polo autor- “con sensibles modificacións estilísticas”.

A publicación presentouse no Colexio de San Xerome nun acto presidido polo reitor da USC, Senén Barro, e no que participaron os vicerreitores de Cultura e de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, Elias J. Torres e José Manuel Mayán; a editora da obra, Ángeles Gómez; e o director do Servizo, Antonio Azaustre. Asistiron ademais ao acto compañeiros e amigos da responsable da edición así como numerosos membros do Padroado da Casa da Troia

A obra

Na Galicia de finais do XIX sitúa Pérez Lugín a historia de Gerardo Roquer e Paz, un mozo madrileño que marcha a Santiago para rematar a carreira de Dereito. Alí instálase na pensión da Troya, onde cun grupo de estudantes bromistas, tunantes e namoradizos, descubre o ambiente universitario compostelán. Será o contacto cos «troyanos», o namoramento de Carmiña Castro Retén e as viaxes por terras galegas os que provoquen un radical cambio de actitude. A Galicia pobre, atrasada e agonizante vólvese ante os seus ollos unha rexión rica, moderna e próspera.

Á marxe da súa sinxeleza argumental e da cuestionada calidade literaria da novela dada a combinación de elementos costumistas, posrománticos e folletinescos, a obra gozou na época da aceptación do público e a crítica coetánea. Desde 1915 sucedéronse numerosas edicións e La casa de la Troya continuou conseguindo éxitos nas adaptacións teatrais e cinematográficas, tanto en España como en América.

A edición de Ángeles Gómez que hoxe se presenta actualiza os argumentos textuais e literarios da obra e o seu autor -rexionalismo, costumismo, tradición e renovación, devir editorial, autoría cuestionada…-, situándoos nunha dimensión crítica. Na transcrición do texto pretendeuse ser escrupulosamente fiel ao orixinal, emendando só os erros e erratas evidentes e modernizando a ortografía e puntuación.

Ángeles Gómez Abalo

A licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Románica pola USC Ángeles Gómez Abalo (1973) comezou o seu labor docente na Universidade Católica do Porto (Portugal). Dende 2004 é profesora de Lingua e Literatura Española no I.E.S. Severo Ochoa de Madrid.

É ademais membro do Grupo de Investigación Valle-Inclán da Universidade de Santiago, no que colaborou en numerosos traballos colectivos como as Actas Valle-Inclán (1898-1998): Escenarios ou as edicións facsimilares das revistas Café con Gotas e La joven Galicia. Polo seu estudo «Farsa y licencia de la reina castiza» de Ramón del Valle-Inclán: génesis, construcción y sentido obtivo o accésit ao Premio de Investigación Valle-Inclán (Pontevedra 2004) e polo proxecto para Educación Secundaria La ayuda entre iguales: una propuesta para la convivencia gañou en 2005 o primeiro premio do II Certamen Madrid, Encrucijada de culturas.

Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2008-05-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

O XX aniversario do Festival Arteficial segue collendo forma de xeito inmellorable. Tras os encontros e concertos celebrados a finais de mayo na provincia de Ourense, a organización fai un balance extraordinario da acollida do público. Cidades e espazos singulares como Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e, de forma moi especial, a Granxa D'Outeiro, foron as testemuñas do éxito absoluto destas presentacións.
Dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo central do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, no que participan 17 institucións e entidades destes dous países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES