
Os carteis das mellores películas checas entre 1960 e 1989, xunto aos de cintas españolas presentadas nesa República naquela época, conforman unha mostra que se celebrou na Facultade de Ciencias da Comunicación. Ao acto asistiron o vicerreitor de Cultura, Elias J. Torres; o director do Centro de Linguas Modernas da USC, Ignacio Palacios; a directora do Centro Checo de Madrid, Adriana Krasova; e o galerista e comisario da mostra Pavel Rajcan.
A exposición Cartaces de Cine de Checoslovaquia, 1960-1989, producida polo Centro Checo Madrid coa colaboración do Centro de Linguas Modernas e da Galería Terryho Ponoky, chega agora a Compostela logo de percorrer festivais de cine por toda España. Permanecerá na cidade ata o 4 de abril, concretamente na Facultade de Ciencias da Comunicación e na Biblioteca Universitaria Concepción Arenal.
Escola checa de carteis de cine
Os artistas checos conseguiron desenvolver estilos peculiares, achegando propostas innovadoras no cine e moitas veces comprometidas que alcanzaron unha merecida reputación artística e creativa. A partir dos anos 60 defínese un estilo checoslovaco que vai dar lugar a unha auténtica Escola Checoslovaca de Carteis de Cine.
A exposición que se presenta inclúe representativos exemplos desta Escola que vai ter unha significativa influencia en diferentes países, á vez que exhibe traballos sorprendentes de carteis de películas estranxeiras exhibidas en Checoslovaquia, entre elas varias españolas como Carmen e Viridiana.
Os 82 carteis orixinais que se expoñen na USC pertencen á colección de carteis de cine da Galería Cinematográfica Terryho Ponoky (Os Calcetíns de Terry), que forma parte das actividades dos máis importantes cines de arte de Praga como son Aero e Svìtozor.
Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.