O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco Álvarez, presentou no Pazo de Exposicións e Congresos da Coruña os contidos da presenza galega na Exposición Internacional de Zaragoza que se desenvolverá a partir do 14 de xuño de 2008 e que se prolongará nesta cidade durante tres meses. Ao acto de presentación asistiron, ademais do conselleiro, o director xeral de Turismo, Rubén Lois, e o director de Comunicación da Expo, Antonio Silva.
Fernando Blanco anunciou que se informa a través da prensa escrita do anuncio do concurso público que adxudicará o deseño do pavillón e a dirección da obra. A Consellaría de Innovación e Industria investirá un total de dous millóns de euros na súa participación na Expo de Zaragoza. A metade deste investimento destinarase ao deseño e á montaxe do pavillón. A consellaría quere transmitir unha imaxe que, partindo da fonda tradición galega, sexa esencialmente nova, interactiva e actual, cun pavillón que xogue ademais coa experimentación e as sensacións.
En canto aos contidos do pavillón, estes xirarán en torno á Galiza verde, coa que se pretende achegar unha imaxe complementaria á clásica da Península Ibérica, a Galiza dos bosques, húmida, atlántica. A carón disto, o pavillón presentará tamén ao país como potencia pesqueira, o auxe do turismo termal e, por suposto, os Camiños a Compostela, historicamente vinculados á auga.
Día de Honra de Galicia
Ademais do contido expositivo do pavillón, programarase unha variada selección do mellor da creación musical e artística do país. Estes espectáculos desenvolveránse arredor do Día de Honra de Galicia, que será o 18 de xullo de 2008. Xunto aos espectáculos, a oferta gastronómica, das Denominacións de Orixe e tamén das augas minerais, terá un espazo propio en Zaragoza.
Aproveitando este acto de presentación, o conselleiro de Innovación e Industria anunciou a posta en marcha da nova Oficina Galega para Exposicións Universais, dependente da Dirección Xeral de Turismo, e responsable da xestión e coordinación da presenza do noso país en todas as futuras mostras internacionais ou universais.
Na presentación proxectouse o audiovisual “Temos moito que dicir”, unha montaxe de minuto e medio de duración que resume a intensa e fonda vinculación que Galiza sempre tivo coa auga, pois a auga estivo e está presente en todas as manifestacións vitais do país.
Bajo el título Voluntarios de Argentina en la Guerra Civil Española se presentó un libro en el Museo de la Emigración Gallega en Buenos Aires en el que se recogen historias de voluntarios que se enrolaron en el ejército republicano y en las brigadas internacionales durante la contienda española.

