Notas de prensa

As Tv españolas emitirán dous spots sobre o turismo galego e o Camiño de Santiago

A nova campaña sobre a promoción turística inclúe máis de 700 pases destes anuncios cos que se pretende facer de Galicia un dos destinos máis e mellor promocionados cara a temporada de verán.

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, acompañado do director xeral de Turismo, Rubén Lois, e dos directores-xerentes das sociedades de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio R. Eguibar, e de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, Xesús Pereira, presentou en Santiago a campaña de publicidade que promocionará ao longo de todo o mes de xuño a imaxe turística de Galiza e do Camiño de Santiago nas principais cadeas de televisión españolas, co obxectivo de persuadir aos cidadáns do Estado español para que elixan o territorio galego como destino das súas vacacións estivais.

Esta é a primeira campaña de publicidade para a promoción conxunta do Turismo galego e o Camiño de Santiago no ámbito español a través de cobertura estatal de cara á época estival. Ademais, con 6,5 millóns de euros de investimento total, dos que 541.000 euros foron destinados á creatividade e o resto ao plan de medios, esta acción publicitaria convertese na máis importante da historia do Turismo galego.

Segundo salientou o conselleiro de Innovación na presentación da campaña, esta enmárcase na nova política turística da Xunta de Galiza, que aposta por redobrar os esforzos no ámbito da promoción nos mercados emisores máis importantes para o territorio galego, ao obxecto de manter a competitividade fronte a outros destinos do contorno do Estado español.

Sector turístico

Na súa intervención, Fernando Blanco fixo referencia á transcendencia que terá esta campaña publicitaria para o sector turístico galego. Segundo manifestou, dirixíndose aos representantes turísticos presentes no acto de presentación, esta “non é unha acción máis de promoción da Xunta de Galiza”, senón que esta campaña debe entenderse como algo propio do sector turístico galego porque “con esa intención foi deseñada: servir de instrumento de promoción de todas e cada unha das empresas que prestan servizos turísticos en Galiza, ademais de reforzar a nosa imaxe no Estado español”.

Así, o titular do departamento de Innovación e Industria da Xunta de Galiza espera que esta gran acción publicitaria “que nos situará á altura dos destinos españois mellor promocionados nos medios de comunicación, sexa útil e contribúa a curto prazo a un maior desenvolvemento do noso sector turístico e ao incremento do volume de negocio das nosas empresas turísticas”.

Creatividade

Polo que respecta á creatividade, esta campaña realizarase de xeito conxunto entre Turgalicia, cun spot que promocionará a imaxe turística xeral de Galicia, e a Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, que desenvolveu un spot do Camiño de Santiago como un dos nosos principais recursos turísticos específicos.

A creatividade parte da resolución de senllos concursos públicos convocados por Turgalicia e o Xacobeo, con pregos de condicións vinculados que permitiron obter un traballo audiovisual e gráfico semellante e acorde co contido do Plan Estratéxico do Turismo de Galiza 2007-2010.

Nos spots que se presentaron hoxe existe unha clara aposta pola identificación de Galiza e do Camiño de Santiago cun destino único no panorama do Estado español, no que ten unha especial presenza todo o relacionado co Atlántico. Resáltanse as emocións e os sentimentos que imprime o paso por Galiza, de xeito que visitala converterase nunha experiencia inesquecible.

Ademais, polo que respecta á proposta creativa, e dado o éxito da anterior acción publicitaria, desenvolta o pasado ano baixo o slogan “Galiza, si é única”, levou a conservar algúns dos seus elementos, xa que se considerou que aquela acción publicitaria deixara moi bo recordo entre os cidadáns españois e que cómpre manter unha mesma liña na mensaxe durante algún tempo para non perder eficacia comunicativa.

Neste sentido, a campaña de publicidade en TV para a promoción do Turismo de Galiza conserva a voz do actor galego Luís Tosar, e a música do grupo galego Luar na Lubre.

Os spots foron rodados en distintas localizacións da xeografía galega, con planos tanto de costa como de interior, e ademais realizáronse distintos visuais para inserir, nunha segunda fase, en medios de comunicación escritos, así como cuñas publicitarias para emitir nas emisoras radiofónicas.

Canto ao plan de medios, o obxectivo é chegar ao meirande número de cidadáns españois e, deste xeito, optouse pola televisión, xa que conta con máis dun 89 por cento presenza nos fogares de todo o Estado español. Así, entre os días 1 e 30 de xuño, as cadeas de televisión con máis audiencia emitirán en total máis de 700 pases dos spots de Turgalicia e o Xacobeo.

Polo que respecta aos obxectivos económicos desta acción publicitaria, estes pasan polo incremento sostido do número de turistas do Estado español que visitan Galiza e que ao longo do pasado ano constituíron o 84,30 por cento, fronte ao 15,70 por cento de turistas estranxeiros.

Para o desenvolvemento desta acción publicitaria fíxose un diagnóstico da situación turística galega e do dos territorios peninsulares do seu contorno. Este diagnóstico sitúa a Galiza como un dos destinos preferentes dos turistas españois xunto con Andalucía, a Comunidade Valenciá e Cataluña, e cun alto grao de fidelidade por parte dos seus visitantes.

Turisticamente, Galiza é unha dos territorios de España con mellor imaxe, segundo os distintos estudos desenvolvidos por entidades especializadas.

Polo que respecta á súa oferta turística e aos seus produtos, Galiza mostra unha diversificación exemplar que sitúa con vantaxe entre os seus competidores no ámbito estatal, limitadas polo monocultivo do produto sol e praia, o que está a condicionar o desenvolvemento de políticas de sustentabilidade neses territorios.

Ademais, Galiza está moi ben posicionada en canto ao Turismo cultural –ámbito no que ofrece un produto único no mundo: o Camiño de Santiago-; e é líder en Turismo de Saúde, con máis de 2.000 prazas de hoteis balneario totalmente renovadas; as súas cidades contan con importantes infraestruturas para o desenvolvemento do Turismo de negocios, e a súa costa mantén un gran potencial como destino de verán.

Estas características fan de Galiza un destino turístico único no ámbito español e son a razón para que a comunicación desta campaña estea baseada nun concepto que diferenza ao territorio galego do resto da oferta turística do Estado español.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, 2007-05-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (setecidades-setesabores.jpg) Os chefs representantes de cada cidade son: Adrián Pérez de Sinxelo (Ferrol); Carlos Montes de La Sifonería Gastrobar (A Coruña); Rodrigo Seoane de ArteSana Gastrobar (Santiago de Compostela); Rubén González de El Cafetín de La Alameda (Pontevedra); Rebeca Guede de La Orensana (Vigo); Beatriz Alcalá de La zapatería del abuelo (Ourense) e Jose Luis Pardo de El Boni (Lugo). Os sete cociñeiros competirán por dous galardóns e serán outorgados por un xurado profesional e outro popular, integrado polos invitados á gala, que utilizará un sistema de televotación. Todos eles valorarán cada tapa segundo a súa complexidade técnica, creatividade, presentación e sabor.
Foto de la tercera plana (trens-turisticos-2026.jpg) Presetouse a segunda parte da campaña de Trens Turísticos de Galicia, que inician estee sábado 6 de xuño unha nova quenda de viaxes coas saídas da Ruta dos Faros e a da Ribeira Sacra polo Sil. Os trens que inician saída neste mes son o das Rutas dos Faros (con saídas 6 e 20 de xuño, 4 e 18 de xullo, 29 de agosto e 26 de setembro, todas vendidas); os da Ribeira Sacra polo Sil (6 e 27 de xuño e 11 de xullo, xa vendidas; e 1 e 22 de agosto e 12 de setembro, aínda con prazas á venda); a da Ribeira Sacra polo Miño (13 de xuño, esgotadas, e 5 e 26 de setembro); e a dos Mosteiros (20 de xuño -xa vendidas- e 25 de xullo). O programa de Trens Turísticos de Galicia é unha iniciativa de Turismo de Galicia, en colaboración con Renfe e o INORDE. En total, en 2026 realizaranse 13 rutas e 33 saídas, cunha ruta -a da Camelia- xa realizada.

Notas

A USC será do 10 ao 12 de xuño o punto de encontro da comunidade universitaria dedicada á Tecnoloxía Educativa co desenvolvemento das XXXIII Xornadas Universitarias de Tecnoloxía Educativa (JUTE 2026). O congreso, que reúne profesorado, persoal investigador e estudantado de universidades de toda España e do estranxeiro, regresa á Facultade de Ciencias da Educación baixo o lema ‘Alfabetización Dixital Crítica para unha Convivencia Híbrida’.
O Centro de Investigación Mariña da UVigo celebrou a súa primeira década de existencia, na que se consolidou como un dos polos científicos máis dinámicos do sistema galego integrado na Rede Cigus e como un referente no arco atlántico europeo. Foi nun acto institucional que tamén serviu para conmemorar os 20 anos da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, unha infraestrutura singular que forma parte da rede europea EMBRC e que dá soporte a unha comunidade científica de máis de 200 investigadores dedicados ao estudo do océano.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES