Notas de prensa

5.000 parados galegos beneficiaranse dos programas mixtos de formación e emprego

O investimento nas iniciativas destinadas ás persoas con especiais dificultades para acceder a un posto de traballo, superará os 42 millóns de euros e se poñerán en marcha 140 proxectos.

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asegurou que preto de 5.000 desempregados galegos con dificultades para acceder a un posto de traballo se beneficiarán este ano dos Programas Mixtos de Formación e Emprego. Así o dixo o xefe do Executivo autonómico na clausura da Xornada Galega de Escolas Obradoiro, Casas de Oficios e Obradoiros de Emprego Aprender Traballando, onde asegurou que estas iniciativas son “verdadeiros instrumentos de formación e emprego en clave social”, converténdose en “notables estratexias compensadoras das desigualdades existentes no mercado laboral”.

Así, o máximo mandatario galego adiantou que este ano o investimento total nos Programas Mixtos de Formación e Emprego, nos que se enmarcan as Casas de Oficios, as Escolas Obradoiros e os Obradoiros de Emprego, superará os 42 millóns de euros, para unha estimación de 140 proxectos.

Durante a súa intervención, Pérez Touriño salientou que a especial incidencia dos Programas Mixtos de Formación e Emprego contribúe non só á creación de postos de traballo, senón tamén “a fixar poboación e asentar o necesario reequilibrio territorial, evitando o despoboamento dos contornos rurais”. Ademais, remarcou a capacidade que veñen demostrando estes programas de adaptar as súas facilidades formativas ao esixido polos particulares condicionantes do mercado de traballo, o que, ao seu xuízo, “facilita unha oferta formativa innovadora”.

Así, destacou que este proxecto componse por unha ampla programación que abarca desde especialidades e oficios tradicionais, como a carpintería de madeira e metálica, a forxa ou as instalacións, ata as relacionadas con novos “filóns de emprego”.

O xefe do Goberno galego lembrou que durante o ano 2006 se beneficiaron das accións formativas das 20 Escolas Obradoiro en funcionamento 848 mozos desempregados menores de 25 anos, dos que o 26% foron mulleres e o 74% homes. Subliñou que o 76% deses mozos e o 63% desas mozas acadaron un posto de traballo tras o seu proceso formativo.

No tocante aos 97 Obradoiros de Emprego en funcionamento durante o 2006, Touriño lembrou que están dirixidos a desempregados de 25 anos ou máis, e que contaron con 3.376 participantes, dos que o 66% foron mulleres e o 34% homes. “Preto do 59% de homes e o 46% de mulleres accederon ao mercado laboral unha vez rematada a súa estadía formativa”, informou o presidente.

O máximo mandatario autonómico considerou que estes datos “constatan o esforzo que este Goberno vén desenvolvendo por primar e reforzar este tipo de programas”, desde o convencemento de que se trata de “fórmulas activas e eficaces para que o positivo desenvolvemento económico que vive o noso país se traduza en máis e mellor emprego”. “Son programas que tiran abaixo coa crenza de que acceder a un posto de traballo é imposible”.

Cara á igualdade de oportunidades

O presidente da Xunta encadrou os Programas Mixtos de Formación e Emprego no marco xeral establecido pola Estratexia Europea do Emprego, “dada a súa especial orientación cara á mellora da capacidade de inserción laboral”. Así, resaltou que se trata de iniciativas que reforzan “as políticas de igualdade de oportunidades” e que facilitan “a incorporación a este proceso de ‘formación máis traballo’ das persoas de colectivos máis desfavorecidos”.

Así mesmo, Pérez Touriño lembrou que estes programas forman parte do “novo modelo de relación laboral de Galicia” conseguido grazas ao diálogo social, que, grazas ao concerto de patronal, sindicatos e Administración, se asinase recentemente o I Acordo polo Emprego de Galicia.

Evolución positiva do emprego

Nesa liña, incidiu en que no último ano Galicia liderou a redución do paro, cunha diminución de case en 18.000 persoas, o que supón unha redución do 10%, a maior dos 8 anos. Unha evolución especialmente positiva no caso de mulleres e mocidade, que reduciron as súas cifras de paro nun 8% e un 20% respectivamente, ao tempo que os contratos indefinidos se incrementaron nun 6,5%.

“Temos a taxa de paro máis baixa dos últimos 25 anos, en 2006 creamos 33.000 novos empregos e hai 41.000 novos afiliados á seguridade social. En 2007 vanse crear 35.000 postos de traballo en Galicia”, significou.

Respecto ao futuro, o presidente sinalou que ata 2009, a Xunta investirá 1.000 millóns de euros en políticas de emprego, para avanzar nas liñas estratéxicas da política de emprego, apostando pola calidade e a estabilidade, así como pola igualdade. A este respecto, adiantou que se achegarán 226 millóns de euros para promover a igualdade entre homes e mulleres no mercado laboral.

“A inserción laboral dos máis novos, que supón case o 11% do número total de parados, é outro dos obxectivos prioritarios da nosa política, e por iso imos investir 112 millóns de euros nos próximos 3 anos”, agregou Pérez Touriño, quen resaltou os 106 millóns de euros que se dedicarán ao fomento do emprendemento, do autoemprego.

Finalmente, o titular do Executivo autonómico comprometeuse a seguir traballando, “en colaboración e en constante diálogo con sindicatos e empresarios”, para apoiar a economía produtiva galega, á busca e promoción de novos empregos, e sobre todo, para que todos os galegos “especialmente as novas xeracións” teñan oportunidades plenas de futuro na nosa terra”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2007-03-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

O XX aniversario do Festival Arteficial segue collendo forma de xeito inmellorable. Tras os encontros e concertos celebrados a finais de mayo na provincia de Ourense, a organización fai un balance extraordinario da acollida do público. Cidades e espazos singulares como Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e, de forma moi especial, a Granxa D'Outeiro, foron as testemuñas do éxito absoluto destas presentacións.
Dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo central do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, no que participan 17 institucións e entidades destes dous países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES