Notas de prensa

Sarabela Teatro estrea 'Celebración. A gran noite'

O Auditorio Municipal de Ourense acolle este xoves 20 e o venres 21 a estrea de Celebración. A gran noite, espectáculo co que a compañía Sarabela Teatro leva a escena un texto de Fernando Dacosta baixo a dirección do vigués Dani Salgado. Fina Calleja, Nate Borrajo, Sabela Gago, Elena Seijo e Fernando Dacosta interpretan a nova proposta da compañía ourensá, na que se verán os deseños de José Faro (escenografía), Baltasar Patiño (iluminación), Ruth Pereira (vestiario) ou Raquel F. Fidalgo (maquillaxe e caracterización).

A montaxe materializa un dos 30 proxectos subvencionados este ano pola Xunta de Galicia a través das axudas á produción escénica da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Celebración. A gran noite parte da obra do dramaturgo francés Jean-Luc Lagarce, que aborda a exclusión e a necesidade de pertenza como eixos temáticos. O espectáculo, que fai o número 52 na traxectoria da compañía, discorre entre situacións que explotan a comicidade e o patetismo, para provocar a emoción dos espectadores a través dunha trama argumental de vertixe, desencadeada tralo convite a unha gran festa.

Fernando Dacosta e Dani Salgado explicaron hoxe as liñas mestras da montaxe na Casa do Concello de Ourense, nunha rolda de prensa que estivo presidida polo alcalde Jesús Vázquez e na que tamén participaron o director da Agadic, Jacobo Sutil, e a concelleira de Cultura Belén Iglesias.

Compañía polivalente

Na súa intervención, o director da Agadic tivo palabras de recoñecemento para Sarabela, compañía á que se referiu como unha das máis activas e prolíficas de Galicia. “A polivalencia dos seus membros, que combinan roles de interpretación, de xestión ou de dirección escénica nas distintas montaxes que manteñen de xeito simultáneo, proban cada nova temporada que, ademais de ser un dos nosos colectivos teatrais máis senlleiros, Sarabela continúa con todas as ferramentas e toda a capacidade para seguir a liderar esta posición relevante ano tras ano”, expresou.

Jacobo Sutil especificou o apoio económico co que a Consellería de Cultura e Educación achega a Celebración. A gran noite. Son preto de 41.000 euros para contribuír ao financiamento desta proposta, adxudicataria das subvencións da Agadic na modalidade de espectáculos de teatro e danza de mediano formato.

Neste sentido, lembrou o traballo doutra compañía galega que conta con apoio a través desta liña de axudas, Redrum Teatro, que precisamente estreará tamén no Auditorio Municipal de Ourense Contos do recreo o domingo 23 de setembro, polo que aproveitou para destacar o labor deste escenario na súa implicación coa difusión dos espectáculos creados polos profesionais galegos.

Sarabela Teatro, 2018-09-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (emprego-oficina.jpg) Por que o universo dos activos dixitais semella un mundo masculino? Por que a maioría de ‘influencers’ do mundo cripto que saen á palestra son homes? Está equilibrada a proporción entre homes e mulleres nos consellos de administración das empresas? Estas son algunhas das preguntas ás que se deu resposta este luns na VI Xornada de igualdade de xénero e Dereito Mercantil, actividade dirixida desde a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo polas docentes Sara Louredo e Ana Mª Aido e para a que, nesta ocasión, se contou coa participación de dúas profesoras expertas en Dereito Mercantil: Vanessa Jiménez, da Universidad de Salamanca, e Josefina Boquera, da Universidad de Valencia.
Foto de la tercera plana (20240423-xunta.jpg) Un total de 23 os equipos de 19 colexios e institutos participaron no lanzamento de satélites elaborados por parte de centros educativos galegos no marco da fase autonómica do programa da Axencia Espacial Europea Cansat 2024, que se desenvolveu no aeródromo das Gaivotas, en Cerceda. A xornada desenvolveuse arredor de tres actividades: un obradoiro de foguetes químicos e de auga impartida polo alumnado do Centro Público Integrado O Cruce (Cerceda), unha exhibición de drons a cargo de Aeromedia e o lanzamento dos satélites. O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, acompañou os alumnos nesta xornada.

Notas

O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) da USC participa na organización do primeiro Congreso Internacional sobre Feminismos e Humor ‘HumorSofías’, que se desenvolverá os días 7 e 8 de maio na facultade compostelá de Filoloxía. A inscrición no encontro, organizado ademais pola Universidade Complutense de Madrid e o Middlebury College con financiamento da Deputación da Coruña, é gratuíta ate completar aforo.
Desde principios do ano 2023, persoal investigador das universidades de Vigo e Oviedo e da empresa EOSOL Ingeniería desenvolven o proxecto Antennas for Underground Communications. O seu obxectivo é proporcionar á Axencia Espacial Europea (ESA) o deseño conceptual dunha antena de comunicacións que poida funcionar no interior de covas da Lúa. A súa proposta vén de someterse con éxito a ensaios técnicos no campus de Ourense.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES