Notas de prensa

O programa Ler conta moito achega neste mes de agosto 56 actividades para a promoción da lectura a 35 concellos de toda Galicia

O programa de dinamización da lectura Ler conta moito achega neste mes de agosto 56 actividades a 35 concellos de toda Galicia. A convocatoria de axudas deste ano, dotada con 195.000 euros, e que se resolveu en maio, posibilita que 228 bibliotecas e axencias de lectura municipais de 173 municipios se beneficien ata finais de outubro das actividades que ofrece este proxecto.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de lanzar un vídeo para difundir este programa que busca animar á lectura a través de accións atractivas vinculadas aos intereses de distintos colectivos. Procúrase, deste xeito, facilitar o achegamento aos espazos das bibliotecas como punto de encontro.

Así, por exemplo, mañá xoves 9, na Biblioteca Pública Municipal de Ourol, ás 11:00 horas, a rapazada de catro a 12 anos poderá participar na actividade Constrúe o teu propio superheroe ou superheroína e, á mesma hora, na B.P.M. López Cortón de Cedeira os rapaces e rapazas de tres a 12 anos poden asistir ao contacontos titulado Raposadas. A Axencia de Lectura Municipal de Arbo, en Cangas, ofrece ás 11:30 horas un obradoiro creativo para nenas e nenos a partir dos seis anos. Ás 12:00 horas, na Biblioteca Pública Municipal de Caión, a Bibliodiscoteca con María Faltri está dirixida a todas as idades. Xa á noite, ás 22:00 horas, en Vilagarcía de Arousa, na B.P.M. Irmáns Camba, celebrarase o espectáculo Pobre poesía, de Xoan Curiel.

Ao día seguinte, o venres 10, ás 11:30 horas, a Biblioteca Pública Municipal do Grove ofrece a un público de entre tres e 10 anos As parábolas de Pakolas. Ás 12:00 horas, A maxia de Mary Poppins estará na B.P.M. do Valadouro, para achegar aos libros e a lectura á rapazada de entre tres e 13 anos. Á mesma hora, Xan Perillán e a maleta máxica chegan á B.P.M. de Santa Comba, para os nenos e nenas de tres a 12 anos.

O sábado 11, ás 11:00 horas, na Biblioteca Pública Municipal Varela Jácome de Lalín un público de tres a 12 anos poderá gozar cos conxuros de Carmiña, A Meiga.

Propostas para fomentar a lectura

Ler conta moito ofrece un conxunto de actividades nas bibliotecas públicas galegas para achegar a cidadanía á lectura e á información dunha maneira lúdica e atraente. As actividades incluídas nesta iniciativa son moi diversas, desde obradoiros creativos, narración oral, divulgación do coñecemento, audiovisual na biblioteca ou actividades de dinamización con música, ata teatro e danza, exposicións ou itinerarios guiados, entre outras. Cada acción pode estar, ademais, dirixida a públicos específicos, como bebés de 0 a 3, nenos e nenas, mocidade, adultos ou colectivos con necesidades especiais.

A Secretaría Xeral de Cultura financia o 75% do custo das actividades programadas, mentres que as entidades locais con bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia que se adhiren a este programa cofinancian o 25% restante.

Programa Ler Conta Moito, 2018-08-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (aqui-tamen-se-fala-2024.jpg) O evento, que reunirá na cidade herculina a artistas contemporáneos do talle de Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria, nace co obxectivo de potenciar a música actual en galego, e se enmarca na iniciativa cultura homónima nacida no Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto Rafael Dieste co obxectivo de promover o uso do galego entre a mocidade. A día de hoxe, involucra máis de 200 centros de toda a comunidade e preto de 50.000 estudantes que, a través de entrevistas, actuacións e campañas nas redes sociais, animan a rapazada a falar na lingua propia de Galicia.
Foto de la tercera plana (dron-bfa.jpg) A Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial, promovido pola Xunta de Galicia e xestionado pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo, foi escollido pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e pola Universidad Rey Juan Carlos como a mellor Aceleradora en 2024 na categoría de Avanzadas. Este primeiro posto no ranking nacional supón un importante recoñecemento ao labor desenvolvido polo Goberno galego, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, para a retención e atracción de talento no sector e para a creación de emprego de alta cualificación na comunidade.

Notas

O Seminario de Inicio do Proxecto Caprif-CC: Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático, desenvolveuse no Centro de Estudos Avanzados da USC, onde o inaugurou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; e o director da Fundación CEER, Ángel Miramontes.
Definida como a rama da política que se encarga das relacións entre estados, a diplomacia asociouse historicamente á actuación dos executivos nacionais. Non obstante, nun mundo marcado pola globalización, tanto os gobernos autonómicos como os locais levan a cabo iniciativas de acción exterior, do mesmo xeito que as actuacións de institucións como os parlamentos teñen unha incidencia internacional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES