Notas de prensa

O Pazo de San Marcos de Lugo acolleu a gala dos Premios María Luz Morales da Academia Audiovisual Galega

O Salón de Plenos da Deputación de Lugo acolleu a gala da segunda edición dos Premios María Luz Morales que organiza a Academia Audiovisual Galega, e que promoven a investigación científica no ámbito audiovisual. Os premiados desta edición foron Lucía Estévez, Marcos Nine, Fernando Redondo e Denisse Lozano e o traballo de Éire García Cid, Brais Romero e Sabela Rei, que recibiron cadanseu accésit.

O Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, lembrou na súa intervención “que a provincia de Lugo é un excelente plato de cine, e colaboramos en produción como a premiada DHOGS, de Andres Goteira, Aquilo que arde de Oliver Laxe, ou La sombra de la ley, por citar algúns exemplos do noso compromiso con este sector”.

No acto de entrega de premios participaron a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti SanMartin, o deputado de Cultura da Deputación de Ourense; Manuel Doval, o deputado de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación de Pontevedra; Xosé Leal. Ademais do presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares, a xornalista e editora María Yáñez, en representación do xurado -do que tamén formaron parte Luís Castro de Paz (profesor da UDC) e Marta Pérez Pereiro (profesora da USC).

Premiados

Lucía Estévez (Vigo, 1994) gañou o premio ao mellor Videoensaio do Audiovisual Galego con Muller Personaxe, no que se serve dunha entrevista coa súa nai para fiar unha reflexión sobre o rostro feminino na pantalla galega. O xurado destaca a orixinalidade e o arriscado da proposta deste videoensaio, que combina unha posición cultural autoconsciente coa imaxe da muller no audiovisual galego. Tamén valora a imbricación do persoal cos rostros femininos da ficción galega actual, nun esforzo por analizar a través das imaxes o papel da muller en todo tipo de formatos do noso audiovisual.

Denisse Lozano (Vilalba, 1991) fíxose -por segundo ano consecutivo- co premio ao mellor Videoensaio do Audiovisual Internacional con Núas. Evolución da estética e o significado no nú feminino, no que aborda o uso do nu feminino mergullándose na súa orixe e evolución, dende os inicios do cinema ata os nosos días. Así mesmo, pretende reflexionar sobre unha tendencia actual a romper cos antigos estereotipos e formas, reivindicando o empoderamento da muller a través da exhibición do seu corpo espido. O xurado destaca o interese histórico deste videoensaio e a habilidade á hora de recuperar imaxes dende os inicios do cinema, confrontándoas co seu contexto histórico. Tamén valora unha factura visual excelente e a precision na escolla e na montaxe dos planos, así como a elección dunha temática que se une ao cuestionamento do papel da muller no cinema, que este ano 2018 foi un elemento crítico importante no ámbito cinematográfico.

Marcos Nine (Illa de Arousa, 1977) conquistou o premio ao mellor Ensaio Escrito Audiovisual Galego con A Película de Autos, que repasa un dos filmes máis singulares do cinema galego non só polo seu contido senon moi especialmente pola súa historia, Al nasr altair. O filme foi obxeto de xuizo durante o franquismo e a sentencia que xurdiu dese xuizo é única en Galicia. O xurado destaca a calidade e a orixinalidade da proposta ensaística, cun relato no que as imaxes xogan un papel principal, ideal para a súa lectura en rede. O xurado tamén valora o rescate da historia dun filme moi pouco coñecido e da figura de José Ernesto Díaz-Noriega, un cineasta amador que foi escola para moitos autores actuais.

Fernando Redondo (Ames, 1971) gañou o premio ao mellor Ensaio Escrito Audiovisual Internacional con Latexos de Saudade no Cinema, que propón unha análise de senllos filmes moi diferentes entre si, Dublineses (John Huston, 1987) e A cidade das estrelas. La La Land (Damien Chazelle, 2016), pero que comparten unha mesma expresión cinematográfica da saudade. O xurado destaca a calidade da escrita e o rigor análitico sobre a posta en escena e da banda de son de dúas películas tan dispares -cronolóxica e estilisticamente- como fondamente vinculadas pola dor e a melancolía. Cabe sinalar tamén a capacidade do autor para poñer en contacto o seu discurso con cuestións artísticas e filosóficas que van máis alá do cine, partindo para iso, ademáis, de importantes referencias da cultura galega.

O xurado desta segunda edición dos Premios María Luz Morales quixo recoñecer, tamén, con tres accésit o labor doutras dúas investigadoras e máis dun investigador galegos nacidos despois dos noventa.

Brais Romero (Ferrol, 1990) -ao igual que xa fixera o ano pasado- un accésit ao premio ao mellor Ensaio Escrito Audiovisual Galego por De Vikingland a Ingen Ko Pa Isen: análise dunha correspondencia involuntaria. O xurado salientou "o rigor e a calidade á hora de comparar de xeito moi preciso e completo dúas películas do Novo Cinema Galego que comparten unha ollada contemporánea sobre un tema clave na nosa cinematografía como é o cinema da emigración".

Éire García (Nigrán, 1991) non puido recoller esta tarde o accésit ao premio ao mellor Videoensaio do Audiovisual Internacional por Para as interesadas nas películas de mulleres, no que o xurado destaca que "brinda a oportunidade de analizar a crítica cinematográfica dende un punto de vista de xénero, cunha aposta visual subxectiva e suxerente sobre o rol das mulleres na cinematografía internacional".

Tampouco recolleu o seu accésit ao premio a mellor Ensaio Escrito Audiovisual Internacional a coruñesa afincada en Londres Sabela Rei (1994). Co seuRostros do cinema europeo, unha aproximación á representación da crise conseguiu, en opinión do xurado, "extraer un rechamante rendemento significante da análise dos rostros dos actores-actrices/personaxes (a partir dos presupostos teóricos establecidos no seu día, entre outros, por Jacques Aumont o Pascal Bonitzer) nalgunhas destacadas películas centradas no impacto da durísima crise económica que aínda nos afecta".

Premios María Luz Morales

Esta escritora e xornalista (A Coruña, 1889 - Barcelona 1980), especializada na crítica de cine e de teatro, dirixiu o xornal La Vanguardia durante a Guerra Civil, sendo a primeira muller na historia de España en ser directora dun diario estatal. Foi activista feminista, republicana e galeguista represaliada polo franquismo, e autora dunha extensa obra literaria. Considerada unha referencia da incorporación da muller a actividade xornalística e intelectual na España do século XX. Mantivo a actividade xornalística ata os 91 anos de idade.

Deputación de Lugo, 2018-06-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (union-europea-bandeiras.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR), onde Galicia presentou 21 emendas a catro dos ditames sometidos a aprobación. Un dos máis relevantes para a comunidade foi o ditame sobre a ferramenta de facilitación transfronteiriza. Calcúlase que a eliminación do 20% das barreiras e obstáculos xurídicos e administrativos actuais entre rexións de fronteira na UE -entre as que se atopa Galicia, que conforma unha Eurorrexión xunto co Norte de Portugal- permitiría aumentar o seu PIB nun 2% e crear nelas ata un millón de empregos.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) InnovArt 24, o maior evento en Galicia de promoción e difusión das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas propicia o encontro entre as vocacións e os profesionais, e facilita que o alumnado de diferentes niveis educativos se familiaricen e tomen contacto cos eidos da arte dramática, as artes plásticas e deseño, a conservación e restauración de bens culturais, a danza, as ensinanzas deportivas, os idiomas e a música. A feira conta cunha zona de 4.100 m² no Museo Centro Gaiás, na que os visitantes poden participar en obradoiros de artes plásticas e deseño, traballos de conservación e restauración de bens culturais, actividades deportivas didácticas de música, arte dramática e danza, así como de idiomas. Tamén se ofrecen mostras e exhibicións das distintas ensinanzas, concertos, conferencias e espectáculos escénicos en directo.

Notas

Mostrar á cidadanía os resultados do traballo realizado ao longo do curso nas aulas teatrais dos tres campus da UVigo, á vez que achegar a cidade propostas escénicas chegadas desde outros países. Estes dous obxectivos conflúen na XV Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu), que se desenvolverá entre o 24 de abril e o 3 de maio, con cinco funcións con entrada libre no Teatro Principal, todas elas ás 20.30 horas.
A Sala Cloud do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) acollerá o vindeiro martes un novo taller do ciclo HumanIA UDC, organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDCe por dito centro. Baixo o título 'Perfís profesionais: Humanidades e IA', a experta en lingüística, tecnoloxía e diversidade, Cristina Aranda, cofundadora de Big Onion e Mujeres Tech, explicará as claves da cooperación entre perfís profesionais de cara ao futuro e presente da IA.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES