A USC celebrou as Letras Galegas cun concorrido acto en Fonseca
Docente excepcional, María Victoria Moreno foi unha escritora que axudou a conformar o sistema literario infantil e xuvenil nun contexto adverso, polo que podemos afirmar que foi pioneira desta literatura. Así comezaba a profesora Blanca Roig Rechou a súa intervención no acto do Día das Letras Galegas que cada ano celebra a Universidade de Santiago, nun concorrido acto no Salón Nobre de Fonseca presidido polo reitor Juan Viaño e coa asistencia de numerosas autoridades académicas, políticas e civís.
A profesora do Departamento de Filoloxía Galega presentou o volume 'María Victoria Moreno. Nun lugar de Galicia' editado polo Servizo de Publicacións da USC e que, elaborado como cada ano polo Departamento da USC, ela mesma coordinou.
O volume
O libro comeza cunha crono-biografía da autora homenaxeada e segue con tres documentos inéditos. O primeiro deles do viúvo da escritora, Pedro Ferriol, no que con grande emotividade explica como se coñeceron e as decisións que tivo que tomar tras a súa morte. O segundo artigo inédito, Nosoutras, é da autoría da propia María Victoria Moreno e foi cedido pola familia. O último desta serie é unha homenaxe do seu amigo Xavier Senín, que ofrece unha completa visión da faceta docente, literaria e humana da homenaxeada.
Na última sección, Para saber máis, sucédese unha serie de análises sobre a súa obra literaria pero non só da infantil e xuvenil, senón tamén como poeta, narradora e mesmo ensaísta.
A faceta humana que pon en valor no seu texto Xavier Senín foi tamén destacada pola profesora Roig, que cedeu parte do tempo do seu discurso ao seu alumnado, que fixo un percorrido pola obra de María Victoria coa lectura de varios fragmentos.
Un modelo a seguir para Viaño
O reitor Viaño foi o encargado de pechar o acto cunhas verbas que salientaban o proceso de arraizamento nesta terra que se deu en María Victoria Moreno. Con ela podemos aprender moito acerca de como motivar e incitar, tanto á nosa xente como aqueloutra que vive entre nós, a amar a nosa lingua e cultura propias, conseguindo mesmo que se incorporen ao noso discurso cultural como axentes activos, creadoras e creadores.
Debemos aprender en María Victoria continuou- esa vontade de perdurar nesta terra, a onde inicialmente chegou polo azar do destino laboral pero que aprendeu a coñecer da man dalgúns dos seus intelectuais máis relevantes da altura, como é o caso do profesor don Xesús Alonso Montero, que hoxe no acto impartiu a conferencia A proeza cívica e literaria de María Victoria Moreno.
Universidade de Santiago de Compostela, 2018-05-18
Actualidad
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a Bauhaus galega polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso. Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
O CDG celebra os 40 anos da súa fundación desenvolvendo unha intensa programación que estende a súa actividade á produción e participación en 15 espectáculos e proxectos escénicos, a máis de 100 concellos de toda a Comunidade e á colaboración con entidades dunha decena de países en Europa e América. En palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, a unidade teatral continuará avanzando nunhas liñas mestras que, desde o respecto ao pasado, poñen o foco en novas vías de encontro coa cidadanía, na accesibilidade, na proxección exterior ou na creación galega.
Notas
A Facultade de Química será entre os días 3 e 6 de setembro a sede do XI Congreso Internacional de Nanociencia e Nanotecnoloxía Analítica (XI NyNA 2024). O encontro está organizado polo grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE) e o Instituto de Materiais (iMATUS) da USC coa colaboración do Grupo Especializado en Ciencia e Tecnoloxías (Bio) Analíticas da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).
Os vindeiros 9, 10 e 11 de abril celébrase na Universidade da Coruña o primeiro congreso IA & Hospitality, un espazo onde se analizará a relación presente e futura entre a Intelixencia Artificial e o turismo, un dos principais motores económicos do noso país. O programa do congreso, que terá lugar no Paraninfo da UDC, inclúe oito mesas de debate nas que se tratará dende a experiencia do cliente ata a ciberseguridade e os destinos e a IA.