Notas de prensa

O CGAI dedícalle unha retrospectiva ao cineasta sueco Ingmar Bergman no seu centenario

A obra do máis recoñecido dos autores escandinavos pode verse ata finais do ano 2018 no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia, comezando por títulos como Xogos de verán, Un verán con Mónica ou Amorodos salvaxes. Continúa no mes de maio coa célebre O sétimo selo.

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia acolle dende o martes 17 de abril e ata finais de 2018 unha retrospectiva case completa do realizador sueco Ingmar Bergman para celebrar o centenario do seu nacemento. O máis recoñecido dos autores escandinavos conta cunha extensa filmografía na que figuran títulos esenciais da historia do cine como O sétimo selo ou Amorodos salvaxes.

Formado no teatro, cunha clara influencia de August Strindberg na súa obra, foi famoso polo seu coidado estilo visual e por destilar unha intensa dramaturxia na que destacan temas de carácter metafísico ou os seus profundos estudos dos estados da alma humana. Gañou o seu prestixio nos festivais europeos, sendo habitual de citas como Cannes, Venecia ou a Berlinale. A Academia de Hollywood concedeulle o Oscar honorífico en 1971.

O ciclo do CGAI comeza mañá martes ás 20,30 h. con Xogos de verán, primeira parte da súa triloxía sobre o período estival, que segue con Un verán con Mónica (pases o 19 de abril) e Sorrisos dunha noite de verán (proxeccións o 24 de abril). Esta triloxía caracterízase, nas dúas primeiras entregas, por presentar historias dramáticas de amores mozos. Na última parte Bergman pasa á comedia de época, cun filme destacado pola crítica que lle valeu o seu primeiro galardón en Cannes e varias homenaxes posteriores; a máis coñecida, a que lle faría Woody Allen en A comedia sexual dunha noite de verán.

Unha icónica partida de xadrez

Logo destes filmes, o sueco entra nunha das súas etapas máis creativas, dirixindo en 1957 as que serán dúas das súas obras mestras: Amorodos salvaxes (pásase o 26 de abril), unha sorte de road-movie que conta a viaxe física e espiritual que un vello e reputado médico realiza coa súa nora; e O sétimo selo (no CGAI o 24 de maio), sobre un cruzado que volve a Terra Santa no século XIV para se enfrontar á morte nunha xa icónica partida de xadrez.

Estas dúas fitas inauguran a etapa de contido simbólico de Bergman, logo de varias centradas en boa parte no peso psicolóxico que soportan os seus personaxes. O soño, os desexos máis profundos da alma, o metafísico... O seu cine toma unha deriva existencial pola que será principalmente recordado o autor.

1957 é o seu ano. En febreiro gaña o premio da crítica por Amorodos salvaxes na Berlinale e en maio faise co premio especial do xurado por O sétimo selo en Cannes. O impacto internacional destas películas converte en estrela a Bibi Andersson, protagonista nas dúas logo de ter traballado xa con Bergman en Sorrisos dunha noite de verán.

Impresionante estilo visual

Outra das actrices-fetiche do autor será Liv Ullmann, quen en 1968 protagoniza dous filmes de clara expresión crítica de Bergman, ambos situados en illas nas que acontecen inquietantes sucesos. A hora do lobo (pases o 6 de xuño), en torno a unha parella que se ve atrapada por presenzas demoníacas, está hoxe considerado un dos cumios do terror psicolóxico, mentres que A vergoña (13 de xuño) adopta unha posición máis alegórica e de ataque directo á guerra de Vietnam.

Benefícianse as dúas da impresionante fotografía de Sven Nykvist, outro dos habituais colaboradores de Bergman, que dotou de peso visual a obra máis madura do director. Pode que a súa película máis coñecida sexa Persona, que reúne precisamente a Bibi Andersson e Liv Ullmann. Este filme programarao o CGAI á volta do verán, xunto con outros salientables títulos do director que se sucederán ata finais de 2018.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2018-04-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (aqui-tamen-se-fala-2024.jpg) O evento, que reunirá na cidade herculina a artistas contemporáneos do talle de Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria, nace co obxectivo de potenciar a música actual en galego, e se enmarca na iniciativa cultura homónima nacida no Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto Rafael Dieste co obxectivo de promover o uso do galego entre a mocidade. A día de hoxe, involucra máis de 200 centros de toda a comunidade e preto de 50.000 estudantes que, a través de entrevistas, actuacións e campañas nas redes sociais, animan a rapazada a falar na lingua propia de Galicia.
Foto de la tercera plana (dron-bfa.jpg) A Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial, promovido pola Xunta de Galicia e xestionado pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo, foi escollido pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e pola Universidad Rey Juan Carlos como a mellor Aceleradora en 2024 na categoría de Avanzadas. Este primeiro posto no ranking nacional supón un importante recoñecemento ao labor desenvolvido polo Goberno galego, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, para a retención e atracción de talento no sector e para a creación de emprego de alta cualificación na comunidade.

Notas

O Seminario de Inicio do Proxecto Caprif-CC: Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático, desenvolveuse no Centro de Estudos Avanzados da USC, onde o inaugurou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; e o director da Fundación CEER, Ãngel Miramontes.
Definida como a rama da política que se encarga das relacións entre estados, a diplomacia asociouse historicamente á actuación dos executivos nacionais. Non obstante, nun mundo marcado pola globalización, tanto os gobernos autonómicos como os locais levan a cabo iniciativas de acción exterior, do mesmo xeito que as actuacións de institucións como os parlamentos teñen unha incidencia internacional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES