Notas de prensa

A Rede Galega de Música ao Vivo achégalle ao público compostelán 18 concertos

Borriquita de Belém, Casa das Crechas e Moon Music Club acollen estes directos dentro do primeiro período de programación anual do circuíto da Xunta, que en Santiago tamén conta coa Sala Capitol como espazo asociado. Bakin Blues Band, Alberto Vilas, Silvia Penide, Aldaolado, Presumido, Víctor Aneiros ou Dakidarría son alguns dos grupos e solistas en cartel.

Santiago de Compostela é unha das 14 localidades galegas que contan con salas asociadas á Rede Galega de Música ao Vivo, dentro da que a capital galega acolle 18 concertos ata o mes de maio. Entre eles, o directo que a Bakin Blues Band ofrece o xoves, 8 de febreiro, ás 22,00 h., na Borriquita de Belém, local que programará nove destes directos.

Do circuíto da Xunta de Galicia tamén forman parte Moon Music Club, con seis actuacións neste primeira carteleira de 2018, e Casa das Crechas, con tres, así como a Sala Capitol, que programará os seus concertos de rede na segunda metade do ano.

Estes locais composteláns son catro dos 23 seleccionados para a nova etapa da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto xestionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) co fin de contribuír á estabilidade na programación de música en directo en salas privadas, con especial atención aos grupos e artistas galegos.

Cartel 100% galego

De feito, todas as formacións que actuarán en Santiago durante esta primeira metade de 2018 son galegas e dan conta, ao tempo, dun amplo abano de xéneros musicais que van do pop e rock ao jazz, rap, folk ou mesmo flamenco. Na Borriquita de Belém, ademais da devandita Bakin Blues Band e de Factoría de Subsistencia (que tocou o pasado día 30), presentaranse Nani García Trío (27 febreiro), Los Fantásticos del Morrazo (8 marzo), Alberto Vilas Quartet (13 marzo), Silvia Penide (7 abril), David Regueiro Trio ft. Albert Bello (28 abril), Mad Martin Trío (3 maio) e Juyma Estévez Trío (15 maio).

Pola súa banda, a Moon Music Club programará en rede a The Fabulous Resaca Brothers (24 febreiro), Presumido (9 marzo), Kelibén (24 marzo), Victor Aneiros (6 abril), Dakidarría (20 abril) e Los Fantásticos del Morrazo (5 maio). Na Casa das Crechas tivo lugar o pasado día 25 o concerto de Tato Trío, mentres que Aldaolado actuará o 22 de marzo e Mónica de Nut o 29 de marzo.

Tras un proceso de renovación consensuado coas principais asociacións do sector, a Xunta promoveu o inicio en 2018 dunha nova xeira da Rede Galega de Música ao Vivo co obxectivo de reforzar os seus estándares de profesionalidade e calidade. Con tal fin, a Agadic aumentou o seu investimento anual nela ata os 185.000 euros, un 105% máis que en 2017.

Esta cifra supón, ademais, o 85% do orzamento para a contratación dos grupos que actúen este ano, xa que o 15% restante lles corresponde ás 23 salas seleccionadas tras unha convocatoria pública de admisión que se resolveu a finais do ano pasado. Neste primeiro semestre de 2018, serán 48 as bandas protagonistas dos 145 concertos previstos en toda Galicia dentro deste circuíto.

A súa programación completa pode consultarse en www.agadic.gal/Axenda e en www.cultura.gal/gl/axenda.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2018-02-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (naufragos-hugo.jpg) Hugo fala da relación do seu protagonista, un rapaz con trastorno do espectro autista, coa súa amiga Laia. Jimmy Núñez e María Roja interpretan este espectáculo, seleccionado para a primeira edición do circuíto estatal de artes escénicas para a infancia e a mocidade da ASSITEJ. Baixo o lema Voces dun mundo novo, o congreso reunirá compañías e profesionais de numerosos países arredor dunha programación artística, de relatorios e de intercambio, que este ano lles presta especial atención á participación, á amplitude de formas artísticas e á celebración do impacto comunitario. Para a configuración da carteleira de espectáculos tivéronse en conta especialmente propostas que traballan en espazos e formatos non tradicionais, inclusivas e sensoriais.
Foto de la tercera plana (turismo-5.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros. En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo.

Notas

A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle o I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI, organizado polo grupo de investigación Ontoloxías da Diferenza. Fundamentos Teóricos e Repercusións Prácticas. Nel, pensadores de España e Portugal reflexionan sobre multiculturalismo, educación moral, a discusión entre a humanidade e as distintas intelixencias artificiais e as novas formas de pedagoxía.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES