Notas de prensa

Preséntanse en Fitur os novos produtos que permiten vivir o Camiño de Santiago a peregrinos en cadeira de rodas

A directora de Turismo presentou a experiencia "Descubre o teu propio Camiño", que facilita a peregrinación a través do emprego de handbikes eléctricas e híbridas e se suma ás melloras de accesibilidade nos albergues do Xacobeo. Conmemórase o 25º aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Patrimonio Mundial. Concertos e o programa "Cultura no Camiño", antesala do Xacobeo 2021.

A directora de Turismo, Nava Castro, expuxo en Fitur os novos produtos que permiten percorrer o Camiño de Santiago a peregrinos en cadeira de rodas. Con esta iniciativa, dáse un paso máis para posibilitar que calquera persoa poda vivir a experiencia da ruta xacobea, convertida novamente nun exemplo do turismo inclusivo.

Baixo a marca Descubre o teu propio Camiño, o Camiño Francés ofrece xa a posibilidade de contratar un servizo para facer diversas etapas en Galicia e León. Esta iniciativa é resultado do proxecto europeo Saber Universal no que participa a Xunta e que se desenvolve no principal itinerario xacobeo e no camiño de San Benedito de Italia. En total, habilitáronse cinco paquetes para persoas con discapacidade visual, mobilidade reducida e público senior.

No caso de Galicia, a viaxe vai dirixida a grupos mixtos, compostos por dúas persoas en cadeira de rodas que peregrinarán con handbikes eléctricas e híbridas, que adaptarán ao seu ritmo a peregrinación e irá acompañados de dúas ou tres persoas en bicicleta. Poderán sentir así a emoción final do Camiño de Santiago, cubrindo etapas entre León e Santiago de Compostela, con aloxamento en hoteis de tres estrelas, hostais e albergues accesibles.

Catro días e 64 quilómetros

A viaxe desenvólvese ao longo de 64 quilómetros, repartidos en catro días, cunha media de 15 quilómetros diarios e co apoio dun vehículo con condutor para os traslados necesarios, así como da equipaxe. Poderán percorrer as etapas Casanova-Raído, Fontelas-A Salceda, A Salceda-O Pedrouzo e entre o Parque Monte do Gozo e Santiago de Compostela.

“Na Xunta de Galicia queremos que o Camiño de Santiago sexa unha experiencia inclusiva. Por iso aprobamos o pasado ano o Plan de accesibilidade turística e do Camiño”, declarou Nava Castro. Nesta liña, subliñou que os aseos e dormitorios da rede pública de albergues do Xacobeo foron adaptados. Ademais, entre eles, destacan especialmente os casos de Melide e Ribadiso (Arzúa), nos que se remataron proxectos de accesibilidade universal.

Apoio aos festivais de música

Na presentación durante a 38ª edición desta feira internacional de turismo, que se celebra ata o domingo en Madrid, Nava Castro comentou novidades do prólogo musical deseñado como antesala do Xacobeo 2021, e que contará con artistas internacionais de primeiro nivel. Este programa completarase cunha nova edición de Cultura no Camiño e co apoio por parte de Turismo de Galicia a numerosos festivais de música galegos como o Resurrection Fest de Viveiro, o Festival WOS de Santiago de Compostela, o Festival Sinsal da Illa de San Simón, o Festival Portamérica de Caldas, o Festival Revenidas de Vilaxoán, o Festival Son Rías Baixas de Bueu, o Festival V de Valarés de Ponteceso, o Atlantic Fest da Illa de Arousa (Pontevedra), o Festival da Luz de Boimorto e o Festival da Ribeira Sacra de Sober.

Con iniciativas como esta, séguese avanzando na preparación do Xacobeo 2021, “unha cita de repercusión internacional na que Santiago de Compostela volverá erixirse como unha das cidades referentes para culturas de todo o mundo”, declarou a directora de Turismo.

Mancomunidade do Camiño Francés

Na presentación tamén participaron Rafael Sánchez, xerente do Xacobeo; Emilio López, director do Centro Nacional de Información Xeográfica (IGN), e Juan Serrano, presidente da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés. López presentou o Mapa dos Camiños de Santiago en Europa, realizado en colaboración coa Federación de Asociacións de Amigos do Camiño, representada neste acto polo seu presidente, Luis Gutiérrez. Este mapa permite visualizar máis de 80.000 quilómetros marcados como ruta xacobea en 28 países europeos. Pola súa banda, Juan Serrano expuxo O Camiño dos sentidos, no que se reúne a oferta gastronómica dos municipios que integran este itinerario xacobeo.

Precisamente as presentacións teñen como contexto o 25 aniversario da declaración do Camiño Francés como Patrimonio Mundial, o primeiro dos tres itinerarios xacobeos que recibiron este recoñecemento da Unesco. Foi en 1993, distinción á que seguiría en 2015 a do Camiño Primitivo e o Camiño do Norte. A celebración deste cuarto de século coincide có Ano Europeo do Patrimonio Cultural, unha cita que Galicia aproveitará para impulsar aínda máis o turismo cultural e o uso turístico sustentables dos seus numerosos recursos.

Ademais, en colaboración coas rexións que forman a Macrorrexión de Rexións do Sudoeste Europeo RESOE (Galicia, Asturias, Castela e León, Cantabria e Norte e Centro de Portugal), a Xunta de Galicia traballa nun novo produto que teña como fío condutor o Camiño e os numerosos Patrimonios Mundiais existentes neste amplo territorio de España e Portugal.

A pegada de Rosalía de Castro

Na terceira xornada de presentacións en Fitur, Nava Castro tamén apoiou, entre outras, a Ruta Rosaliana en Galicia: tras a pegada de Rosalía, promovida polos concellos de Padrón, Ames, Brión, Dodro e Santiago de Compostela. Esta proposta de turismo literario permitirá achegarse a espazos vinculados á súa vida e obra como San Xoán de Ortoño, a igrexa de Bastavales, a colexiata de Iria Flavia, o Pazo de Arretén ou a Casa de A Matanza.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2018-01-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (union-europea-bandeiras.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR), onde Galicia presentou 21 emendas a catro dos ditames sometidos a aprobación. Un dos máis relevantes para a comunidade foi o ditame sobre a ferramenta de facilitación transfronteiriza. Calcúlase que a eliminación do 20% das barreiras e obstáculos xurídicos e administrativos actuais entre rexións de fronteira na UE -entre as que se atopa Galicia, que conforma unha Eurorrexión xunto co Norte de Portugal- permitiría aumentar o seu PIB nun 2% e crear nelas ata un millón de empregos.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) InnovArt 24, o maior evento en Galicia de promoción e difusión das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas propicia o encontro entre as vocacións e os profesionais, e facilita que o alumnado de diferentes niveis educativos se familiaricen e tomen contacto cos eidos da arte dramática, as artes plásticas e deseño, a conservación e restauración de bens culturais, a danza, as ensinanzas deportivas, os idiomas e a música. A feira conta cunha zona de 4.100 m² no Museo Centro Gaiás, na que os visitantes poden participar en obradoiros de artes plásticas e deseño, traballos de conservación e restauración de bens culturais, actividades deportivas didácticas de música, arte dramática e danza, así como de idiomas. Tamén se ofrecen mostras e exhibicións das distintas ensinanzas, concertos, conferencias e espectáculos escénicos en directo.

Notas

Mostrar á cidadanía os resultados do traballo realizado ao longo do curso nas aulas teatrais dos tres campus da UVigo, á vez que achegar a cidade propostas escénicas chegadas desde outros países. Estes dous obxectivos conflúen na XV Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu), que se desenvolverá entre o 24 de abril e o 3 de maio, con cinco funcións con entrada libre no Teatro Principal, todas elas ás 20.30 horas.
A Sala Cloud do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) acollerá o vindeiro martes un novo taller do ciclo HumanIA UDC, organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDCe por dito centro. Baixo o título 'Perfís profesionais: Humanidades e IA', a experta en lingüística, tecnoloxía e diversidade, Cristina Aranda, cofundadora de Big Onion e Mujeres Tech, explicará as claves da cooperación entre perfís profesionais de cara ao futuro e presente da IA.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES