O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inaugurou a xornada de traballo Robótica en primaria, na que alumnos e profesores de centros de ensino amosan todo o que se pode realizar nos centros educativos cos kits de robótica que a Consellería lles está a repartir. Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia quixo sinalar a oportunidade que a introdución destas tecnoloxías nos colexios e institutos supón para construír un mundo mellor, aproveitando o estimulante que é a tecnoloxía para a creatividade dos máis pequenos.
Román Rodríguez fixo referencia aos proxectos premiados no certame Desafío STEM, convocado pola Consellería, no que os estudantes realizaron desde un sistema para detectar a frecuencia de tránsito dos autobuses urbanos ata un moble de cociña intelixente, útil para resolver problemas de accesibilidade para persoas en cadeira de rodas. A este respecto salientou que o traballo que os centros educativos desenvolven en materia de robótica e programación está a levar consigo unha vontade de cambio, de servizo social e de procurar unha sociedade máis xusta e accesible.
O conselleiro quixo agradecer o traballo de docentes e propios centros no impulso destas ensinanzas e lembrou que a Xunta as está a impulsar a través da Estratexia Edudixital 2020, ao abeiro da que todas as alumnas e alumnos do ensino obrigatorio teñan no curso 2020/21 formación en Robótica e Programación. Coa formación adecuada, e niso estamos avanzando a pasos de xigante, non haberá barreira nin fenda tecnolóxica á que estas galegas e galegos do futuro non podan facer fronte, dixo.
Douscentos docentes de 111 centros
Na xornada de hoxe participan arredor de 200 docentes e 20 alumnas e alumnos dos 111 centros de ensino que este curso foron seleccionados para participar no programa Introdución á robótica educativa en primaria. Por tomar parte nesta iniciativa, todos eles reciben un kit conformado por seis robots de uso educativo adecuados ás idades do alumnado; seis kits de construción, que permitirán a realización dun mínimo de cinco proxectos construtivos diferentes e infinitas posibilidades de programación e utilización; así como un manual de uso e guía didáctica.
Cada centro, dentro da súa autonomía, pode integrar a robótica de diversas maneiras: mediante unha materia de libre configuración de centro, de forma transversal, a través de programas de innovación educativa da Consellería ou mediante obradoiros que se desenvolvan fóra do horario lectivo. Máis de 10.000 alumnos de 4º,5º e 6º de Primaria están implicados nesta iniciativa, así como uns 300 docentes.
Tras a inauguración, celebrarase unha mesa redonda arredor das experiencias en materia de robótica desenvolvidas xa por varios centros educativos de primaria. Así mesmo, haberá espazos nos que alumnos dos CEIPs Plurilingüe Ben-Cho-Shey (O Pereiro de Aguiar) e Manuel Fraga Iribarne (Cariño) e dos CPIs de Atios (Valdoviño), Plurilingüe dos Dices (Rois) e de San Sadurniño (San Sadurniño) traballarán cos seus respectivos kits de robótica.
Materiais para secundaria
Cómpre lembrar que, ademais da introdución deste material en primaria, por primeira vez este curso, a Consellería xa repartiu no 2016/17 un total de 750 kits de robótica nos centros educativos que imparten ESO e Bacharelato, do que se benefician uns 12.000 alumnos.
Os kits de secundaria están compostos por seis robots que permiten unha ampla gama de funcións, desde distintas montaxes ata a programación. Ademais contan con software de programación e control totalmente aberto e que permite o control do robot desde dispositivos móbiles tipo tabletas e teléfonos móbiles, placa de Comunicación e Programación e, no caso dos centros que imparten Bacharelato, dos equipos de impresión 3D.
Formación do profesorado
Como é habitual nas estratexias que lanza a Xunta de Galicia, Edudixital 2020 inclúe un plan de formación específico en Robótica, Programación e Impresión 3D dirixido ao profesorado vinculado ás ensinanzas tecnolóxicas para, deste xeito, reforzar os seus coñecementos nesta materia.
Ademais, desde o curso 2015/16, e a proposta da Consellería, xa están en marcha as materias de libre configuración autonómica de Programación en 1º e 2º da ESO e de Robótica en Bacharelato.
Semana STEM
Cómpre lembrar, asemade, que nas vindeiras semanas se desenvolverá a Semana STEM, un campamento de innovación educativa que se pon en marcha este curso 2017/18 co obxectivo de fomentar o espírito científico e tecnolóxico entre o estudantado galego e no que participarán un total de 300 alumnos de 15 centros públicos.
As estadías serán dunha semana en réxime de internado e realizaranse en seis quendas durante os meses de outubro (comezarán o día 29), novembro e decembro. Os contidos dos cursos inclúen un programa de actividades académicas, de obradoiros, de tempo libre e deportivas. En calquera caso, a finalidade do programa é promover a convivencia entre o alumnado, o traballo en equipo, o aprender facendo mediante un enfoque maker, a creatividade e a motivación para mellorar a súas competencias STEM.
Nesta mesma liña de traballo o departamento educativo da Xunta de Galicia vén de recoñecer o traballo de seis centros de ensino cos premios de innovación educativa Desafíos STEM, que teñen como fin recoñecer proxectos no ámbito da programación, da robótica e da impresión 3D; e está a piques de resolver a segunda convocatoria dos Clubs de Ciencia, nos que se estima que participarán 30 centros públicos.