Notas de prensa

O verán deixou en Galicia un 27% de precipitacións menos do esperado para esta época do ano

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira, presentou o balance climatolóxico correspondente a esta estación, que, en termos xerais, foi moi cálida e seca. O fenómeno da ‘gota fría’ marcou a precipitación acumulada para o mes de agosto, xa que provocou chuvias por momentos torrenciais.

O verán deixou en Galicia un 27 por cento menos de chuvias do que cabería esperar para esta época do ano. Así o confirmou a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira, que hoxe presentou en rolda de prensa o balance climatolóxico correspondente á estación, que foi definida como moi cálida e seca.

Neste senso, a responsable de Calidade Ambiental e Cambio Climático indicou que os valores de precipitacións rexistrados nas comarcas de Ortegal e a Mariña Lucense, en concreto, no concello de Burela, onde se contabilizaron 211 litros por metro cadrado, contrastan cos apenas 40 recollidos nas comarcas pontevedresas do Morrazo, Arousa e Verín.

Polo tanto, a media do verán en canto ás precipitacións situouse nos 92 L/m2 e os episodios de chuvias rexistradas nesta tempada estiveron maioritariamente relacionados con eventos tormentosos, que foron especialmente significativos nos meses de xuño, cando incluso se superaron os valores normais do período de referencia 1981-2010, e o mes de agosto, entre os días 27 e 29, cando tivo lugar o fenómeno meteorolóxico coñecido como a DANA ou ‘gota fría’.

Foi, precisamente, este episodio o que provocou chuvias por momentos torrenciais, suficientes para ter cualificado o mes de húmido ou moi húmido. Igualmente, nesta ocasión, as comarcas nas que máis choveu foron as do sur da Comunidade, Ribeiro e Carballiño, aínda que o contraste o marcaron as áreas de Vigo, O Condado e o Baixo Miño, que apenas sufriron os efectos da ‘gota fría’ e rexistraron valores de precipitación moi baixos para esta época do ano -ata un 87 por cento por debaixo do normal-. Cómpre lembrar que estes episodios de chuvias localmente fortes viñeron, en moitos casos, acompañados de saraiba e pedrazo.

Verán moi cálido

No que respecta ás temperaturas, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático destacou que foi un verán cálido con temperaturas que estiveron case un grao por riba da media dos últimos anos. Cruz Ferreira explicou que comezamos a tempada estival cun mes de xuño con altas temperaturas alimentadas por masas de aire cálido procedente do norte de África. Neste mes, os termómetros presentaron os índices máis baixos na Mariña lucense e Ortigueira, mentres que os máis altos rexistráronse nas comarcas limítrofes cos ríos Miño e Sil.

Pola contra, o mes de xullo foi un período de “cambios bruscos” debido ao aire frío situado no Atlántico norte que se achegou por momento á Comunidade galega. Neste mes, as temperaturas mínimas máis baixas localizáronse na Limia, mentres que as mínimas máis altas rexistráronse na comarca de Vigo, onde os termómetros recolleron os valores mínimos máis altos de Galicia.

O verán remata cun mes de agosto variable, o que significa que as temperaturas estiveron en xeral algo por riba da media climática neste mes, aínda que a anomalía non foi moi alta e mesmo houbo lugares nos que os valores se achegaron á media ou mesmo quedaron por debaixo. Esta situación produciuse debido á ausencia de aire cálido do norte de África, polo que se produciron escenas de gran contraste entre zonas máis cálidas do normal -principalmente, as comarca do Carballiño- e zonas con valores negativos como a de Bergantiños ou Costa da Morte.

Un outono normal

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático referiuse, tamén, ás previsións de cara ao outono, que, tomando como referencia os mapas de anomalías previstas por outros servizos meteorolóxicos de EEUU, Reino Unido, Francia o do Centro Europeo de Predición a Medio Prazo, e tendo en conta que a meteoroloxía non é unha ciencia exacta, “será normal en canto a chuvia e temperatura”. Neste senso, Cruz Ferreira avanzou que será un outono “no que cabe esperar o paso de abundantes frontes asociadas a borrascas atlánticas, con entradas posteriores de aire frío e pausas anticiclónicas, que deberían ir perdendo frecuencia”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-09-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (festa-filloa-lestedo.jpg) A Secretaría de Estado de Turismo vén de emitir a resolución pola que se concede a declaración de Interese Turístico Nacional á Festa da Filloa de Lestedo, en Boqueixón. Con este recoñecemento, Galicia suma xa 10 festividades con este recoñecemento. A Festa da Filloa de Lestedo súmase así ás outras nove que xa contan con este recoñecemento: a Romaría de Nosa Señora da Barca (Muxía), as Carrilanas de Esteiro (Muros), as festas do San Froilán (Lugo), a Feira do Bonito (Burela), a Festa da Historia (Ribadavia), o Entroido de Verín. Tamén a Festa do Marisco do Grove, as Festas de San Roque (Vilagarcía de Arousa) e a Festa da Reconquista (Vigo).
Foto de la tercera plana (portugal_galicia.jpg) Baixo o título 'Horizontes dos Estudos Galegos e /na Lusofonía', esta nova edición do congreso da AIEG parte do tradicional vínculo entre Galicia e os países lusófonos para promover o debate, a crítica e novas propostas sobre as relacións no espazo cultural, académico e institucional. Farao a través de relatorios, paneis, mesas e sesións plenarias nas que participarán especialistas das tres universidades galegas, pero tamén do ámbito nacional e internacional, que discutirán sobre os campos lingüístico, literario, histórico, económico, antropolóxico, filosófico, sociolóxico e artístico. No marco do congreso tamén terán cabida as actividades culturais, como excursións ou exposicións, especialmente dirixidas á mocidade investigadora; ou a presentación de produtos académicos e proxectos, como o Proxecto Nós, impulsado polo Goberno galego para incorporar a lingua propia de Galicia á vangarda da Intelixencia Artificial.

Notas

Un equipo internacional formado por astrónomos e astrónomas de todo o mundo no marco da misión Gaia acaba de dar a coñecer o achado do buraco negro estelar máis masivo descuberto ata agora na Vía Láctea. A súa investigación foi publicada este martes pola revista Astronomy & Astrophysics e está asinada por 300 investigadores e investigadoras de países como Alemaña, Austria, Bélxica, Finlandia, Francia, Italia, Suecia, Chile, Australia e tamén España.
Identidade e multidisciplinariedade. Estes dous conceptos definen o camiño do Laboratorio de Formas, unha revolucionaria idea xestada por Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane que marcaría unha nova tendencia para a cultura galega a mediados dos anos sesenta do pasado século. Froito daquel Laboratorio chegaría a recuperación de Sargadelos, así como unha serie de iniciativas para desposuír do imaxinario popular esa crenza dunha Galicia rural detida no tempo e onde o movemento diario do mar e a terra leva ao abandono do belo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES