Preséntase 17ª edición de Termatalia que se celebra en Expourense o 21 e 22 de setembro con 40 países
Na feira internacional de turismo termal, saúde e benestar participarán 260 expositores pertencentes a 40 países. Termatalia 2017 ofrece a posibilidade de promover a infraestrutura moderna e diversificada de establecementos balnearios e talasos galegos que xa constitúe o 20% da oferta termal de todo o Estado.
O recinto feiral de Expourense acolle durante dous días, 21 e 22 de setembro, a 17ª edición de Termatalia, a feira internacional de turismo termal, saúde e benestar. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación deste certame que contará coa presenza dun total de 260 expositores pertencentes a 40 países.
Díaz Mouteira indicou que a Administración autonómica, consciente da abundancia, calidade e singularidade, e tamén polo potencial desestacionalizador das nosas augas termais impulsou accións e programas específicos encamiñados a aproveitar este sector como elemento de desenvolvemento económico e tamén turístico da nosa Comunidade. Neste senso, a delegada territorial referiuse á posta en marcha do Plan termal, ao Plan de turismo de saúde ou á Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do turismo galego para acompañar o crecemento responsable de visitantes e que inclúe o termalismo como elemento diferenciador que supón unha vantaxe competitiva para a nosa Comunidade.
Marisol Díaz subliñou que Termatalia 2017 ofrece a oportunidade de amosar a variada oferta de Galicia ao exterior e ensinar a nosa infraestrutura moderna e diversificada de establecementos balnearios e talasos que xa constitúe o 20% da oferta termal de todo o Estado. Así, apuntou que este certame facilitará a promoción e difusión do noso gran potencial co fin de captar novos públicos e segmentos de mercado.
Con México como país invitado desta edición, están representados 40 países procedentes de Europa, América, África e Asia. Os expositores reflicten a cadea de valor de todos os axentes que interveñen no desenvolvemento da industria termal, desde a captación do recurso da auga ata a comercialización do destino turístico, pasando polo deseño, construción e xestión de centros termais.
Coincidindo coa celebración de Termatalia, Expourense acollerá outras actividades como o V Encontro de Políticas Públicas sobre Termalismo, a exposición de Proxectos de Inversión con axencias de viaxes de España e Portugal ou a 12ª edición do Encontro Internacional sobre Auga e Saúde, un dos foros máis importantes sobre turismo de saúde e que conta coa participación de máis de 50 expertos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-09-18
Actualidad
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a Bauhaus galega polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso. Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
O CDG celebra os 40 anos da súa fundación desenvolvendo unha intensa programación que estende a súa actividade á produción e participación en 15 espectáculos e proxectos escénicos, a máis de 100 concellos de toda a Comunidade e á colaboración con entidades dunha decena de países en Europa e América. En palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, a unidade teatral continuará avanzando nunhas liñas mestras que, desde o respecto ao pasado, poñen o foco en novas vías de encontro coa cidadanía, na accesibilidade, na proxección exterior ou na creación galega.
Notas
A Facultade de Química será entre os días 3 e 6 de setembro a sede do XI Congreso Internacional de Nanociencia e Nanotecnoloxía Analítica (XI NyNA 2024). O encontro está organizado polo grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE) e o Instituto de Materiais (iMATUS) da USC coa colaboración do Grupo Especializado en Ciencia e Tecnoloxías (Bio) Analíticas da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).
Os vindeiros 9, 10 e 11 de abril celébrase na Universidade da Coruña o primeiro congreso IA & Hospitality, un espazo onde se analizará a relación presente e futura entre a Intelixencia Artificial e o turismo, un dos principais motores económicos do noso país. O programa do congreso, que terá lugar no Paraninfo da UDC, inclúe oito mesas de debate nas que se tratará dende a experiencia do cliente ata a ciberseguridade e os destinos e a IA.