Notas de prensa

Os programas interxeracionais e o voluntariado protagonizan o novo curso nos Espazos +60 de Afundación

Os Espazos +60 de Afundación abrirán de novo as súas portas o vindeiro 1 de setembro, con novos programas que teñen como obxectivo poñer en valor o papel dos maiores na sociedade, ofrecer unha imaxe social desta poboación afastada de estereotipos e crear oportunidades para que as distintas xeracións estean conectadas.

Así, as actividades que se desenvolverán neste período estarán centradas, ademais de no fomento da aprendizaxe ao longo da vida, do benestar físico e do desenvolvemento persoal, na participación activa na sociedade das persoas maiores, a través de programas interxeracionais e de voluntariado social e profesional. «En Afundación traballamos seguindo as pautas do denominado envellecemento activo, que permite incrementar a satisfacción, o benestar, a calidade de vida e indirectamente contribúe a unha diminución dos problemas de saúde física e psicolóxica. Así, na medida en que as persoas envellezan de maneira máis saudable, serán máis capaces de levar unha existencia autónoma e independente e de participar de forma activa na súa comunidade», subliña Sabela Couceiro, coordinadora da área de Envellecemento Activo de Afundación.

Afundación dispón dunha rede propia de 11 espazos, situados nas sete principais cidades galegas e noutras catro poboacións (Betanzos, Monforte, Pontedeume e Viveiro). Os centros, que contan na actualidade con máis de 12.000 persoas socias, foron concibidos como espazos destinados a conseguir que a etapa vital que iniciamos coa xubilación siga ofrecéndonos oportunidades de crecer persoalmente, de continuar formándose, de estar conectados cos temas emerxentes, á vez que se desenvolven hábitos de vida saudables e mantense unha rede de relacións significativas. Con este obxectivo proponse unha ampla e innovadora programación. Así mesmo, Afundación desenvolverá neste período diversas campañas para contribuír a construír unha imaxe social das persoas maiores real e afastada de estereotipos, que reflicta a heteroxeneidade do colectivo e as súas achegas á sociedade.

PROGRAMAS DOS ESPAZOS+ 60

A proposta de programación nos Espazos +60 estrutúrase en seis programas:
• O valor da experiencia, co que se propician oportunidades para que as persoas socias poidan compartir a súa experiencia profesional e de vida a través de accións de voluntariado. Nesta liña enmárcase a iniciativa «Fálame dá emigración» na que participaron no curso pasado 71 voluntarios e voluntarias, 18 IES e 825 mozas e mozos. A programación inclúe tamén conferencias e talleres, actuacións musicais e teatrais ou clubs de lectura impartidos todos por persoas socias.
• Formación e coñecemento, con actividades que favorecen a aprendizaxe de idiomas, o coñecemento do patrimonio, as humanidades ou a formación en novos temas e fenómenos sociais emerxentes.
• Cultura dixital, mediante unha formación centrada no uso das tecnoloxías da información e da comunicación, desde a perspectiva da revolución tecnolóxica actual e o alcance da internet.
• Hábitos saudables, con actividades físicas pero tamén de desenvolvemento cognitivo, benestar psicolóxico ou nutrición, entre outras.
• Expresión artística, a través da aprendizaxe da música, debuxo, teatro ou artesanía, entre outros.
• Lecer activo, coa programación de viaxes nacionais e internacionais e visitas culturais a museos, rutas históricas etc.

A partir do venres 1 de setembro, as persoas interesadas en facerse socias poden dirixirse aos Espazos +60 das súas cidades para informarse e/ou facer a súa reserva.

Afundación, 2017-08-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (naufragos-hugo.jpg) Hugo fala da relación do seu protagonista, un rapaz con trastorno do espectro autista, coa súa amiga Laia. Jimmy Núñez e María Roja interpretan este espectáculo, seleccionado para a primeira edición do circuíto estatal de artes escénicas para a infancia e a mocidade da ASSITEJ. Baixo o lema Voces dun mundo novo, o congreso reunirá compañías e profesionais de numerosos países arredor dunha programación artística, de relatorios e de intercambio, que este ano lles presta especial atención á participación, á amplitude de formas artísticas e á celebración do impacto comunitario. Para a configuración da carteleira de espectáculos tivéronse en conta especialmente propostas que traballan en espazos e formatos non tradicionais, inclusivas e sensoriais.
Foto de la tercera plana (turismo-5.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros. En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo.

Notas

A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle o I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI, organizado polo grupo de investigación Ontoloxías da Diferenza. Fundamentos Teóricos e Repercusións Prácticas. Nel, pensadores de España e Portugal reflexionan sobre multiculturalismo, educación moral, a discusión entre a humanidade e as distintas intelixencias artificiais e as novas formas de pedagoxía.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES