Notas de prensa

O Festiclown conságrase como o gran referente dos festivais de circo, humor e rúa en Galicia nesta edición

As prazas enchéronse de xente rindo a esgalla na última semana en Vilagarcía. Na función menos concorrida da Mostra Internacional, no escenario da Praza de Galicia ás 21.30 cada noite, habería unhas 700 persoas. O Festival Internacional de Clown de Galicia, Festiclown, chegou á súa fin nesta edición, a terceira en Vilagarcía de Arousa, por todo o alto.

A compañía galega Píscore, que se estreara no FIOT o ano pasado, presentou o seu “Concerto Singular” no Certame Intergaláctico (Esquina Rey Daviña-Baldosa, 20 horas) e no Superroquiños, na Praza de Galicia, ás 13 horas. Nesta peza, dirixida polo clown Fran Rei, percusionistas virtuosos como son Félix Rodríguez, Pablo Cabanelas, Pepe Varela e Diego Rosal enfróntanse ao reto de teren que tocar unha única marimba. O espectáculo foi un éxito, tanto é así que Píscore arrasou nas votacións do Certame Intergaláctico, e sae deste Festiclown co Premio do Público.

O festival conságrase nesta edición como o gran referente en materia de circo, humor e artes escénicas na rúa en Galicia. “A aposta pola internacionalización e a calidade dos espectáculos deron o seu resultado, e as prazas estiveron cheas”, confirma Nacho Fungueiriño, o coordinador do programa. “Agradecemos á cidadanía esta boísima resposta, e ao Concello de Vilagarcía que por terceiro ano acollese este festival”. Nesta edición a Mostra Internacional contou con achegas de luxo: “Slips”, o divertido espectáculo da compañía belga Okidok; “A Salto Alto”, montaxe da compañía brasileira Circo no Ato, o domingo 13; ou “Sueños Encantados”, o venres 11, da colombiana Tchyminigagua, quen tamén estiveron enchendo as rúas de cor coa súa técnica de zancos sobre patíns e o espectáculo “Futurismo galáctico”. Completaron a mostra Vaques, presentando “Ye Orbayu” (12 de agosto); os vascos Malas Compañías, con “Txatarra”, o 14; e Desastronauts, integrada polo británico Girisho Gordon e a vallisoletana Raquel Veganzones con sede en Galicia, que con 'Máis alto aínda' inauguraron a mostra o xoves pasado.

Nos apartados Certame Intergaláctico e Superroquiños participaron algunhas dos mellores compañías de clown, malabares, maxia... En concreto, a pallasa Natalia Outeiro 'Pajarito' representou 'A vida tola' (día 11); Circo Chosco 'Chosco!' e 'Forzu2' (o día 12); o Mago Teto as súas 'Tolemaxias' (o día 13); o actor Ricky Tennis trouxo o seu alter ego, 'O profesor de tenis' (día 14); e pechou a programación o 'Concerto Singular' de Píscore (día 15).
Apartado Social: inclusión e solidaridade

A práctica totalidade de actuacións desenvolveuse nas rúas para achegar as artes escénicas a toda a cidadanía. A perspectiva de democratizar a cultura facilitando o acceso estivo presente en todo o programa, que tenta descentralizar -o Festiclown nas Parroquias estivo do 31 de xullo ao 6 de agosto nas zonas rurais de Vilagarcía- e implicar a todo tipo de colectivos, especialmente a aqueles en risco de exclusión, ou menos atendidos pola programación cultural.

No Apartado Social, apoiado por Obra Social La Caixa, o festival implícase con diferentes colectivos para lles facilitar o acceso á arte e á cultura. Na Gala Solidaria Infantil da mañá do día 13, os magos Teto e Dani García, Os Sete Magníficos Máis Un e Jano Costas estiveron presentados por nenos e nenas nunha gala no Salón García. A entrada solidaria, a 5 euros, destinarase aos proxectos que Pallasos en Rebeldía desenvolve en diferentes lugares do mundo. Ademais, o Apartado Social acolleu unha actuación do colectivo de persoas con discapacidade intelectual 'Con eles', coa obra 'Eu quero ser' (día 11); un obradoiro de radio comunitaria coa Asociación Galega de Reporteiros Solidarios, AGARESO, titulado “O mundo que queremos”; unha actuación de Pallasos en Rebeldía co espectáculo 'O valo', sobre as persoas refuxiadas (día 14); e unha acción no comedor social de Cáritas (día 13).

A primeira actividade deste Apartado Social foi unha visita de Pallasos en Rebeldía ao Hospital do Salnés, para levarlles a alegría aos nenos e nenas que non poden gozar do festival a pé de rúa. Tivo lugar o día 27 de xullo coa pallasa Laura Mandarina, quen tamén foi unha das docentes da Formaclown, c o obradoiro 'Curando co riso'. O apartado formativo do Festiclown complementouse cun taller de clown de Antón Valén e outro de maxia cómica co Mago Teto, o 14 e 15.

O Festiclown está organizado polo Concello de Vilagarcía de Arousa e xestiónao Culturactiva. Conta coa colaboración da Obra Social La Caixa, da AGADIC e do INAEM. O programa completo pode consultarse na páxina web www.festiclown.org.

Festiclown, 2017-08-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (mit_ribadavia.jpg) A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia remata cun récord de asistencia de espectadores, chegando case ao 100% da ocupación das localidades no Castelo e cunha participación masiva nas rúas e nas actividades paralelas. O Premio do público recaeu na compañía A PANADARÍA, co espectáculo ELISA E MARCELA, superando por décimas á segunda máis votada, a mexicana Los Colochos con Mendoza. Esta edición destacou pola media alta de asistencia e valoración dos espectáculos, tamén pola proxección internacional e pola repercusión que a MIT está tendo en diversos ámbitos, do económico ao social.
Foto de la tercera plana (xogar_en_verde.jpg) A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio fomentará que os eventos deportivos sexan cada vez máis sustentable, grazas a liña de acción Xogar en Verde. Trátase dunha iniciativa dentro da campaña Verdear é a actitude, posta en marcha pola Xunta de Galicia, co fin de afrontar os retos e valores de sustentabilidade. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, visitou esta mañá un taller de fomento de recollida selectiva, no que participaron aos rapaces do campus da Asociación de Fútbol Aficionado da Coruña.

Notas

Case setenta concellos teñen proxeccións cinematográficas este verán nas súas programacións a través do circuíto cultural da Deputación da Coruña. O programa Visións da Rede Cultural leva un amplo abano de películas en 66 proxeccións ata fin de agosto. Parques, prazas ou xardíns de maneira especial convértense neste verán en salas abertas de proxeccións para o programa Visións da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
A Amtega convoca a XI edición do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre co obxectivo de achegar aos universitarios galegos ao software libre e ás posibilidades de emprego que lles pode abrir a publicación ou colaboración con proxectos libres. O premio está dotado con 2.250 euros, repartidos nun primeiro premio de 1.500€ e nun segundo de 750 euros, grazas á achega do CIXUG e do GPUL, respectivamente.
ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania