Notas de prensa

A Real Filharmonía de Galicia presenta a nova temporada de abono 2017-2018

A Real Filharmonía de Galicia celebrará 25 concertos na nova temporada, ademais de actuacións gratuítas en espazos singulares e propostas didácticas, según a presentación da nova temporada de abono 2017-2018 na súa sede, o Auditorio de Galicia. Conmemóranse fitos como o 300º aniversario da estrea da Música Acuática de Haendel ou o centenario do pasamento de Debussy.

Asistiron ao acto o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega; a xerente do organismo interadministrativo, Belén Hernández; o director titular e artístico da orquestra, Paul Daniel; e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, quen salientou a continuidade do novo programa coa liña de traballo aberta por Paul Daniel en temporadas previas a prol da colaboración con outras formacións musicais e da democratización da aposta musical da orquestra e o achegamento a novos públicos. Destacou o impacto desta dinámica nos programas de abono, que experimentaron un crecemento notable respecto ás temporadas previas.

A xerente do consorcio, Belén Hernández, aplaudiu tamén os resultados da liña marcada por Daniel. Lembrou o carácter singular da temporada anterior e o excelente traballo da orquestra, que, mesmo nun ano cun orzamento especialmente reducido, conseguiu incrementar o número de actuacións fóra de Compostela e acadou un grande éxito de público, cunha asistencia media superior ás 800 persoas en cada concerto e cun cheo absoluto da sala en sete ocasións. Resultados estes que atribuíu directamente á aposta de Paul Daniel por estender os lindeiros de actuación da orquestra.

Paul Daniel debullou os pormenores dun programa do que salientou a súa intención de acadar novos públicos. O director definiu a RFG como un pequeno universo contido en Santiago que precisa expandirse cara novos lugares e novas audiencias. Malia valorar o incremento do número de abonos, declarouse insatisfeito por estes resultados ao considerar que o albo da orquestra é chegar a aqueles ámbitos nos que aínda non está presente. Cara ese obxectivo, destacou as numerosas saídas previstas no programa 2017-2018, tanto en centros socioculturais e diferentes espazos da cidade de Santiago de Compostela, como noutras cidades galegas e estatais, e manifestouse especialmente compracido en dirixir persoalmente a orquestra nestas ocasións.

O director declarou ser consciente do carácter autonómico da RFG e puxo en valor o esforzo por incrementar as actuacións noutras cidades galegas. Neste senso, aludiu ao programa de 10 concertos previstos en Vigo, entre os que se inclúe a posta en escena da versión concerto de A somnánbula, de Bellini, coa colaboración dos Amigos da Ópera de Vigo e Santiago e ás citas en cidades como A Coruña, Ferrol e Lugo. Aludiu tamén á colaboración que manterán coa Orquestra Sinfónica de Galicia, que chegará en abril ao escenario do Auditorio baixo a batuta de Dima Slobodeniuk; e á participación do director honorario da OSG e titular da ORCAM, Víctor Pablo, que conducirá á RFG nun dos concertos programados no mes de novembro. Salientou que a RFG estará na Coruña en dúas ocasións: en novembro, cun programa que inclúe obras de Smetana, Tippett, e Britten, baixo a dirección de Paul Daniel e coa intervención do solista Steven Osborne; e en xaneiro, cun programa con pezas de Neruda, Villalobos, Flores, Revueltas e Ginasterra, dirixido por M. Hernández-Silva e con Pacho Flores á trompeta solista.

Novas composicións e numerosos solistas

En relación coa arela expansiva do novo programa, díxose moi orgulloso dun repertorio que presta atención á estrea de novas composicións feitas especialmente para a orquestra, como as dos galegos Jacobo Gaspar e Antón Alcalde, e á interpretación de autores contemporáneos como Soutullo, Moniusko, Mirzoyan ou Lotta Wenakoksi, que chega cunha peza ben singular para malabarista e orquestra.

O director incidiu na intervención de numerosos solistas como Pacho Flores, Paquito de Rivera, Lars Vogt ou Steven Osborne, entre os que citou a Isabel Pérez Dobarro e Xabier Casal, ambos de Compostela. Tivo tamén palabras para o nutrido grupo de directores que asumirán a dirección este ano, entre os que figuran Brock, Cove, Witt, Reuss, Masson, Bleuse ou Zumalave, do que mencionou o magnífico traballo que está a realizar na Escola de Altos Estudos Musicais.

Paul Daniel destacou a colaboración co festival Cineuropa na intepretación das bandas sonoras de Carmen (Cecil B. DeMille) e A Burlesque on Carmen (C. Chapin), baixo a batuta de T. Brock, e referenciou o carácter expansivo de obras coma A Guerra das Galaxias, de J. Williams, no peche da temporada.

Na súa definición do programa da temporada, Daniel destacou que Santiago ten a orquestra que merece, e que é o carácter aberto dos seus cidadáns o que permite á RFG formular propostas arriscadas e extraordinarias coma as que este ano se presentan.

Pola súa parte, o alcalde de Santiago, Mariño Noriega, parabenizou a Paul Daniel polo excelente traballo á fronte dunha orquestra que concilia unha destacada calidade musical coa angueira de democratizar as aparicións da orquestra e espallala polos barrios da cidade e alén das súas portas. E salientou que iniciativas coma esta contribúen á creación do patrimonio e o relato cultural da cidade.

O programa

A RFG celebrará 25 concertos de abono, que, alén de afondar nun repertorio e autores esenciais e conmemorar fitos como o 300 aniversario da estrea da Música Acuática de Haendel, o centenario do pasamento de Debussy ou do nacemento de Bernstein, se aventura con novas propostas, descobre pezas contemporáneas menos coñecidas e garda lugar para novas composicións de autores galegos.

Actuacións gratuítas, proxectos didácticos e iniciativas solidarias
En setembro, a orquestra sairá á rúa con varios concertos de balde en centros socioculturais e en diversos puntos da cidade. Como vén sendo habitual, programaranse concertos didácticos para escolares que buscan reforzar a formación musical na actividade regular docente.

Co fin de achegar a música clásica e a RFG a novos públicos, continúa no Auditorio o ciclo Descobre unha orquestra para ti, a túa!. Dirixido ás familias, a rapaces e rapazas e a quen non ten a oportunidade de asistir habitualmente aos concertos de abono, ofrece horarios e prezos accesibles para todas e todos. No marco do proxecto RFG Solidaria, posto en marcha a finais da temporada pasada, cada unha destas actuacións destinarase a dar visibilidade a unha ONG que loita pola defensa da infancia.

Ópera
A temporada de abono comezará o 6 de outubro coa versión concerto da ópera A somnámbula, de Bellini, interpretada polas voces das sopranos Marina Monzó e Eva Tenorio, a mezzosoprano Nuria Lorenzo, os tenores Jesús León (o recoñecido tenor mexicano cantará por primeira vez en España) e Pablo Carballido, os baixos Felipe Bou e Pedro Martínez Tapia, xunto ao Coro Gaos. Tamén se porá en escena en Vigo.

O 18 de abril é quenda para a Elektra de Strauss, coas sopranos María Ruíz e Mabel Ortega, a mezzosoprano Marta Infante, o barítono Richard Wiegold e o tenor José Manuel Zapata.

Varias estreas
No marco das Xornadas de Música Contemporánea, a RFG interpretará en outubro, por primeira vez en España, a obra Jong. Música para malabarista e orquesta de cámara, da compositora finesa Lotta Wennäkoski. Dentro deste ciclo soará tamén a obra Jobs and gates at dawn (and other uchronias), do compositor galego Eduardo Soutullo. Ademais, ao longo da temporada estrearanse varias obras, entre elas pezas dos compositores galegos Antón Alcalde e Jacobo Gaspar.

En novembro, dentro do Festival Cineuropa, a orquestra poñerá banda musical aos filmes Carmen, de Cecil B. DeMille, e Parodia de Carmen, de Charles Chaplin. E, a seguir co seu achegamento ao cinema, en abril interpretará a banda sonora orixinal de A Guerra das Galaxias, de John Williams.

O 22 de decembro, coa colaboración da Obra Social La Caixa, soará O Mesías participativo de Haendel, dirixido por Daniel Reuss, interpretado por grandes voces da lírica internacional, xunto ao coro Cappella Amsterdam e varios coros afeccionados. E en xaneiro ofrecerase o tradicional Concerto de Reis, con obras de Ibert, Frank e Bizet, dirixidas por Diego Masson e co saxofonista compostelán Xabi Casal e a pianista Isabel Pérez Dobarro, tamén de Compostela, como solistas.

No marco das festas da Ascensión, en maio, a orquestra ofrecerá un concerto ao aire libre, ademais do tradicional concerto das Letras Galegas. E o 24 de maio rematará a temporada con pezas de Ravel, Strauss e Stravinsky, baixo a dirección de Jaime Martín e con Lucas Macías no óboe solista.

Grandes batutas e solistas de renome internacional
En novembro, o actual director da Orquesta de la Comunidad de Madrid, Víctor Pablo Pérez, dirixirá a RFG e o Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, nun programa que inclúe o Réquiem en do menor de Cherubini e a Sinfonía nº 4 de Schumann. Ademais, ao longo da temporada poranse á fronte da agrupación grandes mestres nacionais e internacionais como Manuel Coves, Timothy Brock, Antoni Wit, Daniel Reuss, Diego Masson, Manuel Hernández-Silva, Vicente Alberola, Pierre Bleuse, Christoph König ou Jaime Martín.

Respecto aos solistas convidados, destacan figuras de renome como o saxofonista e clarinetista cubano Paquito D´Rivera; o trompetista venezolano Pacho Flores, do que se estreará unha obra súa; os pianistas Steven Osborne, Lars Vogt (tamén levará a batuta), Alexandre Kantorow e Isabel Pérez Dobarro; o saxofonista Xabi Casal; os violinistas Matthieu Arama e Veronika Elberle; o violonchelista Paulo Lima; o oboísta Lucas Macías; ou o organista David Hill que, ademais, conducirá a orquestra.

Continuarase coa experiencia CONvers@ndo con. Os directores e solistas que participan nos concertos manterán charlas distendidas co público antes de cada actuación, coa finalidade de poñer en contexto as súas interpretacións e fornecer un achegamento ao repertorio de primeira man.

Concertos nas cidades galegas
A Real Filharmonía de Galicia mantén a súa presenza nas cidades galegas con 17 actuacións xa confirmadas, ás que se sumarán outras pendentes de concretar. Continúa a súa temporada de concertos estable en Vigo con 10 actuacións no Teatro Afundación; ofrecerá un concerto en Lugo, desprazarase á Coruña, con 2 concertos no Palacio da Ópera; e no Teatro Jofre de Ferrol actuará en 4 ocasións. A temporada inclúe tamén unha saída a Oviedo en xaneiro, nunha proposta de colaboración que se corresponderá coa visita da Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias en marzo.

Ciclo de Piano Ãngel Brage
A temporada 2017-18 prosegue coa tradicional celebración da personalidade e mestría do pianista compostelán Ãngel Brage. O ciclo que leva o seu nome naceu no ano 2008 como conmemoración do 25 aniversario do seu pasamento. Dende aquela, congrega cada ano no escenario a un nutrido grupo de pianistas de grande prestixio internacional. Na temporada 2017-18 é quenda para Lidija e Sanja Bizjak, Mariam Batsashvili e Rosa Torres Pardo que, como novidade deste ano, estará acompañada da cantaora Rocío Márquez.

Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela, 2017-07-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (aqui-tamen-se-fala-2024.jpg) O evento, que reunirá na cidade herculina a artistas contemporáneos do talle de Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria, nace co obxectivo de potenciar a música actual en galego, e se enmarca na iniciativa cultura homónima nacida no Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto Rafael Dieste co obxectivo de promover o uso do galego entre a mocidade. A día de hoxe, involucra máis de 200 centros de toda a comunidade e preto de 50.000 estudantes que, a través de entrevistas, actuacións e campañas nas redes sociais, animan a rapazada a falar na lingua propia de Galicia.
Foto de la tercera plana (dron-bfa.jpg) A Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial, promovido pola Xunta de Galicia e xestionado pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo, foi escollido pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e pola Universidad Rey Juan Carlos como a mellor Aceleradora en 2024 na categoría de Avanzadas. Este primeiro posto no ranking nacional supón un importante recoñecemento ao labor desenvolvido polo Goberno galego, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, para a retención e atracción de talento no sector e para a creación de emprego de alta cualificación na comunidade.

Notas

O Seminario de Inicio do Proxecto Caprif-CC: Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático, desenvolveuse no Centro de Estudos Avanzados da USC, onde o inaugurou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; e o director da Fundación CEER, Ãngel Miramontes.
Definida como a rama da política que se encarga das relacións entre estados, a diplomacia asociouse historicamente á actuación dos executivos nacionais. Non obstante, nun mundo marcado pola globalización, tanto os gobernos autonómicos como os locais levan a cabo iniciativas de acción exterior, do mesmo xeito que as actuacións de institucións como os parlamentos teñen unha incidencia internacional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES