Notas de prensa

Galicia Calidade certifica as coleccións da xoiaría de Outes Fernando Gallego

Eentregouse o certificado de uso de garantía da marca a esta empresa que vende as súas coleccións en todo o mundo combinando “talento e aposta polo comercio intelixente”. A firma pode empregar este selo para as coleccións Antiques e Apliables. Máis de 90 firmas de distintos sectores da economía galega contan xa con este selo.

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, entregaron o certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á xoiaría Fernando Gallego, unha empresa que, desde Serra de Outes (A Coruña), exporta talento e creatividade.

Con este recoñecemento, a xoiaría Fernando Gallego, Xoieiro Artesán pode empregar o certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade para a Colección Antiques, composta por deseños exclusivos con antigüidades xenuínas; e a Colección Apilables, composta por xoias exclusivas fabricadas en ouro de primeira e diamantes.

A directora xeral de Comercio e Consumo e presidenta de Galicia Calidade resaltou que Fernando Gallego, que conta tamén coa marca Artesanía de Galicia, é un exemplo da combinación de “talento e aposta polo comercio intelixente”, xa que é capaz de vender as súas xoias en todo o mundo a través da tenda online.

Sol Vázquez destacou que a Xunta está a pór en valor “a calidade e a profesionalidade da xoiaría galega”, apoiando iniciativas como a que representa Fernando Gallego, que xera un alto valor engadido para as súas coleccións con talento e creatividade artesanal. Pola súa banda, Alfonso Cabaleiro, destacou que o sector da xoiaría galega conta cun gran prestixio e o selo Galicia Calidade contribúe a promocionar as creacións dos mestres artesáns e ofrecerlle unha garantía de autenticidade aos seus produtos.

Na actualidade, ademais de Fernando Gallego, contan coa certificación de Galicia Calidade as xoiarías Ardentia, Bourrellier Joyeros, Fink Orfebres, Orfega e Oscar Rodríguez Joyeros. En conxunto, máis de 90 empresas de sectores como a alimentación, turismo, viño ou o lácteo teñen o selo de garantía.

Fernando Gallego empezou a súa andadura no 2001 co obxectivo de deseñar e fabricar xoias únicas, exclusivas e personalizadas, que permitan fuxir da uniformidade e incorporar novas tendencias. Dende Outes, distribúen a súas creacións a todo o mundo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-06-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (union-europea-bandeiras.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR), onde Galicia presentou 21 emendas a catro dos ditames sometidos a aprobación. Un dos máis relevantes para a comunidade foi o ditame sobre a ferramenta de facilitación transfronteiriza. Calcúlase que a eliminación do 20% das barreiras e obstáculos xurídicos e administrativos actuais entre rexións de fronteira na UE -entre as que se atopa Galicia, que conforma unha Eurorrexión xunto co Norte de Portugal- permitiría aumentar o seu PIB nun 2% e crear nelas ata un millón de empregos.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) InnovArt 24, o maior evento en Galicia de promoción e difusión das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas propicia o encontro entre as vocacións e os profesionais, e facilita que o alumnado de diferentes niveis educativos se familiaricen e tomen contacto cos eidos da arte dramática, as artes plásticas e deseño, a conservación e restauración de bens culturais, a danza, as ensinanzas deportivas, os idiomas e a música. A feira conta cunha zona de 4.100 m² no Museo Centro Gaiás, na que os visitantes poden participar en obradoiros de artes plásticas e deseño, traballos de conservación e restauración de bens culturais, actividades deportivas didácticas de música, arte dramática e danza, así como de idiomas. Tamén se ofrecen mostras e exhibicións das distintas ensinanzas, concertos, conferencias e espectáculos escénicos en directo.

Notas

Mostrar á cidadanía os resultados do traballo realizado ao longo do curso nas aulas teatrais dos tres campus da UVigo, á vez que achegar a cidade propostas escénicas chegadas desde outros países. Estes dous obxectivos conflúen na XV Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu), que se desenvolverá entre o 24 de abril e o 3 de maio, con cinco funcións con entrada libre no Teatro Principal, todas elas ás 20.30 horas.
A Sala Cloud do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) acollerá o vindeiro martes un novo taller do ciclo HumanIA UDC, organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDCe por dito centro. Baixo o título 'Perfís profesionais: Humanidades e IA', a experta en lingüística, tecnoloxía e diversidade, Cristina Aranda, cofundadora de Big Onion e Mujeres Tech, explicará as claves da cooperación entre perfís profesionais de cara ao futuro e presente da IA.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES