As avaliacións de Primaria e ESO desenvolvéronse con normalidade nos centros
A maiores dos 195 seleccionados, outros 39 centros de Primaria decidiron de xeito voluntario participar nestas probas de carácter diagnóstico. A participación do alumnado foi de arredor do 60 por cento, na liña da do ano pasado. Segundo os primeiros datos provisionais, a participación situouse en torno ao 60% en Primaria e na ESO.
Os centros educativos que resultaron seleccionados (125 de Primaria e 70 de ESO) participaron con normalidade e sen ningún tipo de incidencia na primeira xornada das avaliacións diagnósticas de 6º de Primaria e de 4º curso de ESO, que conclúen o mércores 24 de maio.
A maiores dos 195 da mostra, hai que engadir outros 39 centros que decidiron, de xeito voluntario, aplicar estas probas ao alumnado de 6º de Primaria. Segundo os primeiros datos provisionais, a participación situouse en torno ao 60 por cento tanto en Primaria coma en ESO, é dicir, en porcentaxes semellantes ás probas de 3º e de 6º do ano pasado.
Cómpre lembrar que, froito dun acordo unánime entre todas as CCAA e o Ministerio de Educación referendado no Congreso dos Deputados, por primeira vez neste curso as avaliacións de 6º de Primaria e de 4º de ESO fanse con carácter mostral. É dicir, que non se aplican na totalidade dos centros, senón naqueles que resultaron seleccionados segundo os criterios técnicos estatísticos de xeito que os resultados obtidos se poidan extrapolar ao conxunto da poboación.
O obxectivo destas probas é o de obter unha información comparada do sistema educativo para poder deseñar programas de mellora máis axeitados ás posibles eivas que se poidan detectar. Cómpre subliñar que non substitúen o labor dos docentes, senón que o reforza na medida en que están configuradas como unha ferramenta complementaria máis que permiten anticiparse aos problemas e implementar medidas correctoras para o conxunto do sistema. Son, ademais, un tipo de probas que se levan facendo de xeito regular na maioría dos países europeos e tamén en España, onde desde o ano 2009 se viñan aplicando en 4º curso de Primaria e 2º curso de ESO.
Hai que lembrar que, a raíz das probas de 3º e de 6º de Primaria do pasado curso, neste 2016/17 a Consellería asinou contratos-programa para desenvolver plans de mellora directamente vinculados aos resultados obtidos, que supuxo a incorporación neste curso, de 114 profesores de apoio contratados a maiores para outros tantos centros escolares. É dicir, que todos eles contan cun docente de apoio externo, ao igual que sucedeu cos 69 centros que recibiron apoio deste tipo no curso 2015/16 ao abeiro do resultado da proba de 3º de Primaria celebrada no curso 2014/15.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-05-23
Actualidad
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a Bauhaus galega polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso. Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
O CDG celebra os 40 anos da súa fundación desenvolvendo unha intensa programación que estende a súa actividade á produción e participación en 15 espectáculos e proxectos escénicos, a máis de 100 concellos de toda a Comunidade e á colaboración con entidades dunha decena de países en Europa e América. En palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, a unidade teatral continuará avanzando nunhas liñas mestras que, desde o respecto ao pasado, poñen o foco en novas vías de encontro coa cidadanía, na accesibilidade, na proxección exterior ou na creación galega.
Notas
A Facultade de Química será entre os días 3 e 6 de setembro a sede do XI Congreso Internacional de Nanociencia e Nanotecnoloxía Analítica (XI NyNA 2024). O encontro está organizado polo grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE) e o Instituto de Materiais (iMATUS) da USC coa colaboración do Grupo Especializado en Ciencia e Tecnoloxías (Bio) Analíticas da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).
Os vindeiros 9, 10 e 11 de abril celébrase na Universidade da Coruña o primeiro congreso IA & Hospitality, un espazo onde se analizará a relación presente e futura entre a Intelixencia Artificial e o turismo, un dos principais motores económicos do noso país. O programa do congreso, que terá lugar no Paraninfo da UDC, inclúe oito mesas de debate nas que se tratará dende a experiencia do cliente ata a ciberseguridade e os destinos e a IA.