Notas de prensa

As empresas Frida, Ladybug, Numax e Vaca promoven o cine galego no Marché du Film de Cannes

Están a participar no principal mercado mundial da industria cinematográfica como parte do programa de internacionalización do audiovisual galego que desenvolven a Consellería de Cultura e Educación e o Igape. Memorias dun home en pixama, único proxecto español seleccionado para a súa presentación profesional na sección Aneccy goes to Cannes.

As empresas galegas Frida Films, Ladybug Films, Numax Distribución e Vaca Films participan no Marché du Film do Festival de Cannes, que se desenvolve ata o vindeiro venres como a principal cita profesional para o sector cinematográfico internacional. A presenza galega neste importante mercado conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mediante o programa de internacionalización e promoción do audiovisual galego que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) desenvolve xunto co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) en feiras de todo o mundo.

Aínda que con diferentes obxectivos concretos, as accións destas catro empresas no Marché du Film teñen como común denominador a procura de oportunidades financeiras, de coprodución e compra-venda para os seus novos proxectos audiovisuais, moitos dos cales dispoñen de axuda económica da Agadic a través das súas diferentes modalidades de subvencións ao sector.

Foros de coprodución e negocio

Frida Films, por exemplo, foi convidada a participar nos foros de coprodución e negocio Cinéfondation L’Atelier e Producers Network, ao tempo que traballa no peche de vendas internacionais para Trote, primeira longametraxe do director Xacio Baño, e na busca de acordos de coprodución para novos proxectos en fase de desenvolvemento.

En canto a Ladybug, o pasado venres tivo a oportunidade de amosar as primeiras imaxes da película de animación Memorias dun home en pixama, que se atopa actualmente en proceso de postprodución. Dirixido por Carlos Fernández e Paco Roca, e coproducido xunto a Dream Team Concept e Hampa Studio, foi o único filme español dos cinco seleccionados na sección Aneccy Goes to Cannes.

Outros títulos cos que Ladybug viaxou ao Marché du Film na procura de acordos e contactos son As dez últimas, en preprodución, e Dinogames e Skizo, ambas en fase de desenvolvemento.

Os representantes de Numax, pola súa banda, está a asistir aos encontros profesionais nos que se debaten as novas tendencias de exhibición e distribución independentes, ademais de coñecer de primeira man os títulos máis sobresaíntes que se estrearán o ano que vén no circuíto de salas cara á súa programación no Cinema Numax de Santiago e de estudar a adquisición de novos filmes para o seu catálogo de distribución.

Tamén Vaca Films está a manter reunións co obxectivo de pechar acordos internacionais para proxectos que ten en fase de desenvolvemento como Feedback, Quen a ferro mata, La ley de plomo ou Kidnapped.

O ‘Marché du Film’ de Cannes supón unha oportunidade única para a compra, venda, financiamento, distribución e coprodución dos contidos que reúne. Anualmente congrega 20.000 profesionais, entre produtores, distribuidores de cine, axentes de vendas e programadores de festivais de todo o mundo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-05-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (naufragos-hugo.jpg) Hugo fala da relación do seu protagonista, un rapaz con trastorno do espectro autista, coa súa amiga Laia. Jimmy Núñez e María Roja interpretan este espectáculo, seleccionado para a primeira edición do circuíto estatal de artes escénicas para a infancia e a mocidade da ASSITEJ. Baixo o lema Voces dun mundo novo, o congreso reunirá compañías e profesionais de numerosos países arredor dunha programación artística, de relatorios e de intercambio, que este ano lles presta especial atención á participación, á amplitude de formas artísticas e á celebración do impacto comunitario. Para a configuración da carteleira de espectáculos tivéronse en conta especialmente propostas que traballan en espazos e formatos non tradicionais, inclusivas e sensoriais.
Foto de la tercera plana (turismo-5.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros. En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo.

Notas

A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle o I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI, organizado polo grupo de investigación Ontoloxías da Diferenza. Fundamentos Teóricos e Repercusións Prácticas. Nel, pensadores de España e Portugal reflexionan sobre multiculturalismo, educación moral, a discusión entre a humanidade e as distintas intelixencias artificiais e as novas formas de pedagoxía.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES