Notas de prensa

Pepo Suevos dirixirá e conducirá a gala dos XXI Premios de Teatro María Casares

A cerimonia dos galardóns do teatro celebrarase o 29 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Suevos estará acompañado por un elenco conformado por María Roja, Roberto Leal, Josito Porto, Alberto Rolán, Marta Lado e Patricia Torres. A música correrá a cargo dunha banda cubana que traerá o son e a salsa á gala.

O actor, guionista e monologuista Pepo Suevos será o encargado de dirixir e conducir a gala dos XXI Premios de Teatro María Casares, que se celebrará o mércores 29 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), entidade organizadora dos galardóns, confíalle deste xeito a Suevos a dirección e a presentación da gala deste 2017. Suevos, que xa está a ultimar os detalles da cerimonia, furará con humor e autocrítica nas relacións entre o teatro e a administración, dous mundos ben diferentes condenados a entenderse. Para o espectáculo, o director da gala contará cun elenco de seis actores e actrices. Dese xeito, polas táboas do Rosalía pasarán os/as intérpretes María Roja, Marta Lado, Roberto Leal, Alberto Rolán, Patricia Torres e Josito Porto. A gala contará coa música en directo dunha banda formada por cinco músicos (os percusionistas Amaury Quintero Consuegra e Marcos Jaramillo, o pianista Josep Ruiz Zuluaga; o baixista Juan Perez Villavicencio e o trompetista Daniel Polo Salgado) que lle darán á cerimonia o toque do son cubano.

O presidente da AAAG, Ernesto Chao, sinala que a Xunta Directiva decidiu encargarlle a dirección da gala a Pepo Suevos por ser “un gran actor con moito que ofrecer”, cunha “traxectoria contrastada como monologuista”. Ademais, Chao destacou “o seu amplo traballo como guionista”, o cal é unha “garantía máis” que ofrece este auténtico “showman”. A gala, organizada pola AAAG, contará ademais coa dirección de arte de Suso Montero, un dos escenógrafos máis prestixiosos do noso país e que vén traballando nas galas dos María Casares nos últimos anos.

Os XXI Premios María Casares contan co patrocinio de institucións como a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic-Xunta de Galicia), Concello da Coruña, Deputación da Coruña, Padroado da Cultura de Narón, Fundación AISGE e Fundación SGAE. Nesta edición dos galardóns, un total de 13 espectáculos compiten polos 14 galardóns nos que se dividen os premios, sendo os espectáculos con maior número de finalistas O tolleito de Inishmaan, de Contraproducións e FIOT Carballo, que aspira a 11 premios; Eroski Paraíso, de Chévere, que opta 8 María Casares; Raclette, de Ibuprofeno Teatro, e Voaxa e Carmín, de ButacaZero e Eme2, que competirán en 5 categorías. O Premio de Honra Marisa Soto será recibido polo dramaturgo e director Eduardo Alonso.

Perfil de Pepo Suevos

Nacido en Ferrol en 1971, Pepo Suevos comezou a súa traxectoria artística como contacontos e monologuista para despois ampliar as súas facetas artísticas como actor de teatro, cine e televisión. Na pequena pantalla estreouse a comezos dos anos 2000 como colaborador en programas como Tardes con Ana ou Luar.

A partir dese momento, participou en series da TVG como Rías Baixas (TVG), Terra de Miranda, As leis de Celavella, Escoba, Serramoura ou Pazo de familia. En cine, Pepo Suevos traballou en fitas como Entre bateas (Jorge Coira, 2002), Ilegal (Ignacio Vilar, 2003), Heroína (Gerardo Herrero, 2005), Unha muller invisible (Gerardo Herrero, 2007), Pradolongo (Ignacio Vilar, 2008) ou A esmorga (Ignacio Vilar, 2014). Tamén cómpre destacar o seu traballo en fitas como Secuestrados (Miguel Ãngel Vivas, 2010), Agallas (Samuel Martín Mateos, Andrés Luque Pérez, 2009) ou A praia dos afogados (Gerardo Herrero, 2015). No mundo do teatro, Suevos formou parte da compañía Uvimóvil Teatro e do grupo de clown Os Sete Magníficos máis Un.
Suevos, ademais, traballa como guionistas en diferentes programas de televisión. Deste xeito, formou parte dos equipos de guión dos programas da TVG A casa da Conexa, Tourilandia ou LandRober e series como GymTony.

Alberto Ramos , 2017-03-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (union-europea-bandeiras.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR), onde Galicia presentou 21 emendas a catro dos ditames sometidos a aprobación. Un dos máis relevantes para a comunidade foi o ditame sobre a ferramenta de facilitación transfronteiriza. Calcúlase que a eliminación do 20% das barreiras e obstáculos xurídicos e administrativos actuais entre rexións de fronteira na UE -entre as que se atopa Galicia, que conforma unha Eurorrexión xunto co Norte de Portugal- permitiría aumentar o seu PIB nun 2% e crear nelas ata un millón de empregos.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) InnovArt 24, o maior evento en Galicia de promoción e difusión das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas propicia o encontro entre as vocacións e os profesionais, e facilita que o alumnado de diferentes niveis educativos se familiaricen e tomen contacto cos eidos da arte dramática, as artes plásticas e deseño, a conservación e restauración de bens culturais, a danza, as ensinanzas deportivas, os idiomas e a música. A feira conta cunha zona de 4.100 m² no Museo Centro Gaiás, na que os visitantes poden participar en obradoiros de artes plásticas e deseño, traballos de conservación e restauración de bens culturais, actividades deportivas didácticas de música, arte dramática e danza, así como de idiomas. Tamén se ofrecen mostras e exhibicións das distintas ensinanzas, concertos, conferencias e espectáculos escénicos en directo.

Notas

Mostrar á cidadanía os resultados do traballo realizado ao longo do curso nas aulas teatrais dos tres campus da UVigo, á vez que achegar a cidade propostas escénicas chegadas desde outros países. Estes dous obxectivos conflúen na XV Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu), que se desenvolverá entre o 24 de abril e o 3 de maio, con cinco funcións con entrada libre no Teatro Principal, todas elas ás 20.30 horas.
A Sala Cloud do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) acollerá o vindeiro martes un novo taller do ciclo HumanIA UDC, organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDCe por dito centro. Baixo o título 'Perfís profesionais: Humanidades e IA', a experta en lingüística, tecnoloxía e diversidade, Cristina Aranda, cofundadora de Big Onion e Mujeres Tech, explicará as claves da cooperación entre perfís profesionais de cara ao futuro e presente da IA.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES