Notas de prensa

Vázquez Almuiña destaca o posicionamento de Galicia como referente en innovación no eido sanitario

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, inaugurou na Cidade da Cultura a xornada TransformaS. Afirma que a estratexia e os investimentos no ámbito das TICs supoñen unha vantaxe competitiva da Comunidade con respecto a outros sistemas de saúde. Salienta o potencial do Sergas para xerar coñecemento e actuar como motor da economía galega.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, salientou que a estratexia e os investimentos no ámbito das TICs supoñen unha vantaxe competitiva de Galicia con respecto a outros sistemas de saúde, non só a nivel nacional senón incluso internacional, polo que nos últimos anos Galicia se posicionou como un referente en innovación no ámbito sanitario.

Na inauguración da xornada TransformaS, asegurou que desde Galicia estanse liderando proxectos europeos que se unen á iniciativas como a historia clínica electrónica única, a aposta pola telemedicina, o recoñecemento da Comunidade como Rexión Europea de referencia en envellecemento activo, o modelo de innovación aberta do Sergas e a experiencia, pioneira, en Compra Pública Innovadora (CPI), que continúa co novo plan Código 100, cun financiamento previsto de 13 millóns de euros ata 2019.

Vázquez Almuiña lembrou que en 2010 a Consellería de Sanidade fixo unha aposta por incorporar de maneira estratéxica a innovación como panca de cambio do sistema para adaptar o sistema de saúde aos novos retos da sociedade. Naceu así a Plataforma de Innovación Sanitaria como un equipo multidisciplinar de profesionais, co obxectivo de servir de canle de comunicación para facilitar que calquera traballador puidera facer propostas de mellora baseadas no seu propio coñecemento. Sete anos despois, explicou, xurdiron moitos proxectos que en gran medida se articularon en dous plans de innovación (H2050 e InnovaSaúde) e sete nodos de innovación, en cada unha das Estruturas de Xestión Integrada (EOXIs), dos que forman parte máis de 120 profesionais.

Na súa intervención, o conselleiro salientou o potencial do Sergas para xerar coñecemento e actuar como motor da economía galega, xa que, dixo, unha sociedade avanzada é aquela que aposta polo coñecemento. “Por iso, nos últimos anos traballamos en valorizar o coñecemento xerado polos nosos profesionais, facilitando a súa transferencia á práctica clínica, ao mercado e á sociedade”, declarou.

Tamén en 2010 solicitouse a primeira patente con titularidade Sergas. Neste sentido, Vázquez Almuiña sinalou que as patentes supoñen a protección do coñecemento pero son só un primeiro paso no longo proceso de transferencia: “Fai falla moito máis que patentar para de verdade ter un impacto e producir un retorno para a sociedade, que é o fin último”.

O titular de Sanidade concluíu a súa intervención avogando por contar cos profesionais desde unha perspectiva integradora, que permita aproveitar ao máximo o potencial como organización, captar e apoiar as numerosas ideas innovadoras que existen entre eles; e por facer o mesmo cos outros axentes que acompañan ao Sergas neste proceso, como empresas, centros e asociacións.

“Somos unha organización de coñecemento, pero fóra do Sergas hai tamén moito coñecemento, moitas ideas, moitas innovacións e novas tecnoloxías, e debemos ser quen de integralas e axustalas ás nosas necesidades da mellor maneira posible, para avanzar non só como sistema de saúde senón como sociedade”, afirmou.

150 participantes no encontro

O encontro TransformaS, organizado pola Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), conta con arredor de 150 participantes que inclúen investigadores, xerentes, inversores e prescriptores do sistema de saúde, procedentes da Consellería, o Servizo Galego de Saúde, a Axencia Galega de Innovación, os institutos e fundacións biomédicas, as universidades, XesGalicia, interlocutores da Administración en procesos de transferencia e outros axentes de relevancia no contorno da innovación na Comunidade Autónoma.

A xornada estrutúrase en tres bloques. O primeiro deles estuda como transformar a cultura da organización cara un modelo de innovación aberta, con paneis sobre o papel do paciente, os centros sanitarios e as oportunidades de desenvolvemento e a xestión das iniciativas innovadoras. Conta, así mesmo, cunha mesa coloquio sobre a cultura innovadora.

O segundo centrarase en como valorizar o coñecemento que se xera nos hospitais, e nel intervirán diversos expertos e investigadores dos tres Institutos de Investigación Sanitaria de Galicia.

O terceiro bloque, que se desenvolverá pola tarde, tratará sobre como incorporar tecnoloxías innovadoras a través da CPI nunha mesa coloquio. Nela participarán representantes das institucións que interveñen en procesos de CPI, profesionais e empresas que participaron en procesos de CPI impulsados polo Sergas; e pacientes e profesionais que se están beneficiando de produtos resultados destes procesos.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-03-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (naufragos-hugo.jpg) Hugo fala da relación do seu protagonista, un rapaz con trastorno do espectro autista, coa súa amiga Laia. Jimmy Núñez e María Roja interpretan este espectáculo, seleccionado para a primeira edición do circuíto estatal de artes escénicas para a infancia e a mocidade da ASSITEJ. Baixo o lema Voces dun mundo novo, o congreso reunirá compañías e profesionais de numerosos países arredor dunha programación artística, de relatorios e de intercambio, que este ano lles presta especial atención á participación, á amplitude de formas artísticas e á celebración do impacto comunitario. Para a configuración da carteleira de espectáculos tivéronse en conta especialmente propostas que traballan en espazos e formatos non tradicionais, inclusivas e sensoriais.
Foto de la tercera plana (turismo-5.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros. En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo.

Notas

A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle o I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI, organizado polo grupo de investigación Ontoloxías da Diferenza. Fundamentos Teóricos e Repercusións Prácticas. Nel, pensadores de España e Portugal reflexionan sobre multiculturalismo, educación moral, a discusión entre a humanidade e as distintas intelixencias artificiais e as novas formas de pedagoxía.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES