Notas de prensa

Galicia, premiada co Nacional de Innovación polo carácter pioneiro do polo de avións non tripulados de Rozas

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, recolleu na localidade madrileña de Alcalá de Henares o galardón á mellor Compra Pública Innovadora que a Secretaría de Estado de I+D+i concedeu á Axencia Galega de Innovación polo proxecto do polo de avións non tripulados de Rozas, destacando que se trata dunha iniciativa pioneira.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, recolleu en Alcalá de Henares (Madrid) o Premio Nacional de Innovación e de Deseño 2016 outorgado á Axencia Galega de Innovación (Gain) na modalidade Compra Pública Innovadora polo proxecto de avións non tripulados de Rozas. Neste sentido, sinalou que este galardón supón un recoñecemento ao traballo en materia de innovación por parte da Xunta e ao carácter pioneiro deste polo tecnolóxico e industrial.

Conde felicitou ao equipo de Gain por este recoñecemento, ao tempo que agradeceu á Secretaría de Estado de I+D+i a concesión deste premio e a súa colaboración, xunto ao Ministerio de Defensa a través do INTA, no polo de avións non tripulados de Rozas, unha iniciativa na que a Xunta conta con dous socios industriais (Indra e Inaer) e co tecido produtivo galego, a través de pemes, universidades e dos centros de coñecemento. “O obxectivo é converter Rozas nunha iniciativa pioneira e que sexa sinónimo de innovación, competitividade e creación de emprego de calidade”, engadiu.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria subliñou a aposta da Xunta pola Compra Pública Innovadora para dar solucións en materia de innovación que poidan permitir o desenvolvemento de iniciativas por parte das pemes galegas para que sexan “máis competitivas”, favorecendo deste xeito a creación de postos de traballo estables e de alta cualificación e “consolidando en Galicia un ecosistema de innovación e de talento”.

Conde lembrou que a Xunta xa levou a cabo, durante o período 2007-2013, proxectos de Compra Pública Innovadora por un investimento global de 120 millóns de euros, como Hospital 2050 e InnovaSaúde, iniciativas da Consellería de Sanidade. Agora, para o período 2014-2020, a Administración autonómica está a desenvolver o programa sanitario Código 100 e o polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados de Rozas. Para este último, tras consultar ao mercado e recibir ao redor de 150 ideas, das que o 70% corresponden a empresas e entidades galegas, a Xunta fará as primeiras sete licitacións de Compra Pública Innovadora para Rozas, centradas na xestión eficiente de tres ámbitos socioeconómicos estratéxicos para Galicia: os recursos acuáticos, o territorio e o control do espazo aéreo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-02-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (naufragos-hugo.jpg) Hugo fala da relación do seu protagonista, un rapaz con trastorno do espectro autista, coa súa amiga Laia. Jimmy Núñez e María Roja interpretan este espectáculo, seleccionado para a primeira edición do circuíto estatal de artes escénicas para a infancia e a mocidade da ASSITEJ. Baixo o lema Voces dun mundo novo, o congreso reunirá compañías e profesionais de numerosos países arredor dunha programación artística, de relatorios e de intercambio, que este ano lles presta especial atención á participación, á amplitude de formas artísticas e á celebración do impacto comunitario. Para a configuración da carteleira de espectáculos tivéronse en conta especialmente propostas que traballan en espazos e formatos non tradicionais, inclusivas e sensoriais.
Foto de la tercera plana (turismo-5.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros. En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo.

Notas

A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle o I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI, organizado polo grupo de investigación Ontoloxías da Diferenza. Fundamentos Teóricos e Repercusións Prácticas. Nel, pensadores de España e Portugal reflexionan sobre multiculturalismo, educación moral, a discusión entre a humanidade e as distintas intelixencias artificiais e as novas formas de pedagoxía.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES