Notas de prensa

Os Premios LaconNetwork reforzan a innovación e o talento TIC como motor da Industria 4.0 en Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria asistiu en Santiago de Compostela á entrega dos galardóns LaconNetwork, onde afirmou que todos os finalistas representan a excelencia á que aspira a comunidade galega que conta con máis de 2.300 empresas relacionadas co sector TIC, que representa o 1,8% do PIB galego e xera máis de 15.000 empregos.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu, na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, á entrega dos Premios LaconNetwork, dos que destacou que contribúen a reforzar en Galicia un ecosistema emprendedor no que a innovación e o talento son o motor do novo modelo empresarial sustentado na Industria 4.0.

Conde, que agradeceu aos organizadores a celebración deste acto, afirmou que tanto os premiados como o resto de finalistas dos LaconNetwork representan “a excelencia e a innovación” á que aspira Galicia. Neste sentido, subliñou que as propias empresas TIC camiñan nesa dirección, pois unha de cada catro firmas deste sector que naceron nos últimos tres anos están relacionadas coa I+D+i; ao tempo que lembrou que se trata dun ámbito que está a gañar cada vez máis peso na consolidación da recuperación económica de Galicia, con máis de 2.300 empresas, representando o 1,8% do PIB galego e empregando a máis de 15.000 persoas.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria puxo como exemplo a Toño Escudero, cofundador de Creappcuentos que participou en iniciativas nas que colabora a Xunta, como Vía Vigo e Galicia Open Future, e a quen Conde entregou o premio na categoría LaconNetwork Evanxelizador, que recoñece a implicación do gañador á hora de axudar a tomar conciencia de que en Galicia existe un sector TIC en crecemento que xira ao redor da innovación.

Durante a súa intervención, Conde destacou que a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 e a Estratexia de Especialización Intelixente RIS3 son as follas de ruta da Xunta que resumen o modelo industrial de futuro ao que ten que aspirar o tecido empresarial galego para ter un papel proactivo e xerador de tecnoloxías innovadoras.

“O impulso transversal das TIC debe ser clave para adaptar os sectores estratéxicos galegos á revolución tecnolóxica que promove a Xunta mediante a Axenda da Competitividade”, apuntou o conselleiro, que lembrou o programa ReAcciona TIC, que impulsa unha conectividade permanente entre empresas e clientes e que na primeira edición, impulsada pola Amtega e o Igape, facilitou o acceso de 65 pemes galegas, das cales preto do 80% son microempresas, a servizos de dixitalización empresarial e Industria 4.0.

Esta aposta polo emprendemento innovador complétase con outras iniciativas como as Unidades Mixtas de Investigación, con 24 iniciativas que mobilizan 84 millóns de euros e máis de 360 empregos, e nas que as TIC e a Industria 4.0 teñen un papel preponderante na última edición; os programas Conecta Peme e Innterconecta, con máis de 170 proxectos innovadores que reforzan a capacidade de 565 empresas galegas con base no coñecemento e primando a transferencia dos resultados ao propio tecido empresarial; a Rede de Aceleradoras de empresas, con máis de 500 proxectos impulsados nos últimos 4 anos; ou como o concurso de ideas Industria 4.0, do que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria da segunda edición, na que, entre as novidades, inclúe o desenvolvemento de dous proxectos nos ámbitos específicos da fábrica virtual e a TIC industrial, como intelixencia artificial, Internet das cousas ou big data.

Talento

Conde tamén abogou polo fomento do emprego xuvenil innovador. Nesta liña, a Xunta conta co programa Principia, que permitiu a contratación de preto de 140 mozos e mozas investigadores en 57 empresas e organismos de investigación de Galicia; o programa Ignicia, un fondo de proba concepto que, coa colaboración da Fundación Barrié, busca facilitar o acceso ao mercado a preto de 30 proxectos de investigadores galegos: ou como a Compra Pública Innovadora, que xoga un papel destacado no polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados de Rozas coas sete primeiras licitacións para, cunha inversión de 14M€, mellorar a xestión e control de tres ámbitos socioeconómicos estratéxicos para Galicia: os recursos acuáticos, o territorio e o tráfico aéreo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-02-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (emprego-oficina.jpg) Por que o universo dos activos dixitais semella un mundo masculino? Por que a maioría de ‘influencers’ do mundo cripto que saen á palestra son homes? Está equilibrada a proporción entre homes e mulleres nos consellos de administración das empresas? Estas son algunhas das preguntas ás que se deu resposta este luns na VI Xornada de igualdade de xénero e Dereito Mercantil, actividade dirixida desde a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo polas docentes Sara Louredo e Ana Mª Aido e para a que, nesta ocasión, se contou coa participación de dúas profesoras expertas en Dereito Mercantil: Vanessa Jiménez, da Universidad de Salamanca, e Josefina Boquera, da Universidad de Valencia.
Foto de la tercera plana (20240423-xunta.jpg) Un total de 23 os equipos de 19 colexios e institutos participaron no lanzamento de satélites elaborados por parte de centros educativos galegos no marco da fase autonómica do programa da Axencia Espacial Europea Cansat 2024, que se desenvolveu no aeródromo das Gaivotas, en Cerceda. A xornada desenvolveuse arredor de tres actividades: un obradoiro de foguetes químicos e de auga impartida polo alumnado do Centro Público Integrado O Cruce (Cerceda), unha exhibición de drons a cargo de Aeromedia e o lanzamento dos satélites. O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, acompañou os alumnos nesta xornada.

Notas

O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) da USC participa na organización do primeiro Congreso Internacional sobre Feminismos e Humor ‘HumorSofías’, que se desenvolverá os días 7 e 8 de maio na facultade compostelá de Filoloxía. A inscrición no encontro, organizado ademais pola Universidade Complutense de Madrid e o Middlebury College con financiamento da Deputación da Coruña, é gratuíta ate completar aforo.
Desde principios do ano 2023, persoal investigador das universidades de Vigo e Oviedo e da empresa EOSOL Ingeniería desenvolven o proxecto Antennas for Underground Communications. O seu obxectivo é proporcionar á Axencia Espacial Europea (ESA) o deseño conceptual dunha antena de comunicacións que poida funcionar no interior de covas da Lúa. A súa proposta vén de someterse con éxito a ensaios técnicos no campus de Ourense.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES