Notas de prensa

A Agadic promocionou 11 filmes galegos en festivais de prestixio internacional

Publícase a última adxudicación desta liña de axudas, a través da que se apoiou a presenza do audiovisual galego en Bos Aires, Locarno, Marsella, Montreal, Nova York, Róterdam, Toulouse, Toronto, San Sebastián, Sevilla, Sitges e Xixón e complétase a concesión do total de 2.465.000 euros destinados ao programa anual de subvencións ao audiovisual galego.

Un total de 11 produtoras contaron en 2016 cunha subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Consellería de Cultura e Educación, para a promoción e a difusión de filmes galegos en 12 festivais cinematográficos de prestixio internacional. Publicouse no web da Agadic a última adxudicación ao abeiro desta convocatoria, a través da que se destinaron 30.000 euros ás actividades promocionais vinculadas tanto a longametraxes como a curtametraxes de moi diferentes xéneros. Así, apoiouse a presenza do audiovisual galego en certames tan recoñecidos como o Bafici de Bos Aires, no que competiron Manuel Fernández-Valdés e Víctor Hugo Seoane con cadanseu documental: ‘Angélica (unha tragedia)’, que tivo aquí a súa estrea mundial, e ‘Verengo’, respectivamente.

En canto ás longametraxes de ficción, atópanse nesta listaxe catro títulos que, ademais, contaron con subvención da Agadic para levar a cabo o seu proceso de produción. Desta volta, ‘Migas de pan’, coprodución galego-uruguaia coa que Xamalú Filmes e a directora Manane Rodríguez optan á candidatura ao Óscar a mellor película en fala non inglesa por Uruguai, recibiu axuda polas súas seleccións no Montreal World Film Festival e no Festival Internacional de Cine de Gijón. Neste último certame, exhibiuse así mesmo ‘Sicixia’, a película sobre a Costa da Morte asinada por Ignacio Vilar e producida por Vía Láctea Filmes, que tamén figura nesta relación pola súa participación no festival Cinespaña de Toulouse, onde Marta Lado obtivo o premio á mellor interpretación feminina.

Zeitun Films é outra das produtoras adxudicatarias pola difusión de ‘Mimosas’, a última longa de Oliver Laxe, no Toronto International Film Festival e no Festival de Cine Europeo de Sevilla, onde obtivo o premio especial do xurado; mentres que Frida Films contou con achega económica para a estrea de ‘María (y los demás)’, de Nely Reguera, no Festival Internacional de Cine de San Sebastián.

Esta convocatoria, de adxudicación automática por orde de recepción das solicitudes, contempla igualmente a promoción internacional de curtametraxes, categoría na que se insiren cinco dos títulos apoiados este ano. Trátase de ‘A liña política’, coa que Santos Díaz estivo no Festival del Film de Locarno; ‘Decorado’, coa que Alberto Vázquez tamén se atopa na carreira dos Oscar e que, neste caso, recibiu axuda para a súa presentación na Quincena dos Realizadores do Festival de Cannes e no TIFF de Toronto; ‘Einsten-Rosen’, de Olga Osorio, para a súa estrea en Sitges dentro do Festival Internacional de Cine Fantástico de Cataluña; ‘Montañas ardientes que vomitan fuego’, de Helena Girón e Samuel M. Delgado, tamén exhibida no TIFF e no New York Film Festival; e ‘Tout le monde aime le bord de la mer’, de Keina Espiñeira, quen recibiu unha mención especial no Festival de Rotterdam e participou, así mesmo, no Festival International de Cinéma (FID) de Marsella.

As produtoras recibiron diferentes contías por cada unha das devanditas seleccións, que destinaron, entre outros gastos, a campañas de publicidade, elaboración e transporte do material promocional específico, contratación de empresas de relacións públicas ou axentes de prensa para estes eventos, desprazamento e estadía no festival dun máximo de 5 persoas do equipo, e tiraxe e/ou subtitulado das copias.

Coa publicación desta última adxudicación, complétase a concesión do programa anual de subvencións da Agadic ao sector audiovisual galego mediante o que se distribuíu un total de 2.465.000 euros entre as convocatorias dirixidas á produción e coprodución audiovisual, promoción do talento, desenvolvemento de proxectos, organización de festivais e promoción en certames internacionais.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-11-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
Foto de la tercera plana (costa.jpg) A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ãngeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.

Notas

Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario.
A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES