Notas de prensa

O legado do caricaturista galego José María Cao Luaces chega á Coruña nunha exposición itinerante

A Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña exhibe ata o 27 de novembro a obra deste esquecido debuxante lucense, considerado o patriarca da caricatura arxentina. Colabora con Cultura o Club de Prensa de Ferrol nun ciclo de conferencias impartidas por Siro López, para recuperar o legado do artista e difundilo entre a cidadanía.

A cidade da Coruña acolle ata o 27 de novembro a exposición José María Cao Luaces, un galego patriarca da caricatura arxentina, promovida pola Consellería de Cultura e Educación –a través da Secretaría Xeral de Cultura– e polo Club de Prensa de Ferrol.

Na súa itinerancia polas catro provincias galegas, iniciado o pasado mes de maio en Santiago de Compostela, a mostra chega á cidade herculina para seguir difundindo entre a cidadanía a obra deste destacado debuxante de orixe lucense, escasamente coñecido en Galicia, que desenvolveu a súa traxectoria profesional principalmente en Arxentina.

Este proxecto expositivo sobre José María Cao Luaces, que acadou un lugar de privilexio nas mellores publicacións periódicas da Arxentina, reúne unha escolma de caricaturas do artista a través das que se poñen de manifesto as distintas etapas polas que pasou o seu creador e que permiten admirar o talento e a habelencia dun debuxante galego excepcional que se erixiu como un dos grandes creadores desta forma de arte no seu tempo.

Cervo, última parada da exposición

Tras o seu paso pola Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, pola Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, pola sala José Ángel Valente de Ourense, pola Biblioteca Pública de Lugo e pola Casa da Cultura de Melide, e logo da súa estancia na Coruña, a mostra pechará a súa itinerancia entre o 29 de novembro e o 20 de decembro na sala de exposicións de Sargadelos, en Cervo, concello natal do artista.

Un ciclo de conferencias a cargo do debuxante e xornalista Siro López, completa este proxecto, con sesións que se realizarán o día 10 de novembro na González Garcés e o 29 de novembro en Cervo, co obxectivo de afondar no legado deste esquecido artista de Cervo que contribuíu decisivamente a que a ilustración arxentina eclosionase no final do século XIX e comezos do XX.

Unha prolífica traxectoria

Nado en Cervo en 1862, Cao Luaces comezou traballando na fábrica de Sargadelos deste concello lucense. Con 25 anos emigrou a Buenos Aires. Alí, logo dunha amplísima e prolífica traxectoria en diferentes publicacións da capital porteña, entre finais do século XIX e inicios do XX, o artista galego acadará prestixio internacional e será recoñecido como “patriarca da caricatura arxentina”. Co seu influxo indirecto, Castelao creará a moderna escola galega de humor gráfico.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-10-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (naufragos-hugo.jpg) Hugo fala da relación do seu protagonista, un rapaz con trastorno do espectro autista, coa súa amiga Laia. Jimmy Núñez e María Roja interpretan este espectáculo, seleccionado para a primeira edición do circuíto estatal de artes escénicas para a infancia e a mocidade da ASSITEJ. Baixo o lema Voces dun mundo novo, o congreso reunirá compañías e profesionais de numerosos países arredor dunha programación artística, de relatorios e de intercambio, que este ano lles presta especial atención á participación, á amplitude de formas artísticas e á celebración do impacto comunitario. Para a configuración da carteleira de espectáculos tivéronse en conta especialmente propostas que traballan en espazos e formatos non tradicionais, inclusivas e sensoriais.
Foto de la tercera plana (turismo-5.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros. En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo.

Notas

A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle o I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI, organizado polo grupo de investigación Ontoloxías da Diferenza. Fundamentos Teóricos e Repercusións Prácticas. Nel, pensadores de España e Portugal reflexionan sobre multiculturalismo, educación moral, a discusión entre a humanidade e as distintas intelixencias artificiais e as novas formas de pedagoxía.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES